Na altura do 2002, a construción do parque eólico do monte do Carrio afectou gravemente ao xacemento de Outeiro Grande (Lalín, Pontevedra), pero non o destruíu. En 2021, case vinte anos despois, os arqueólogos interviñeron por primeira vez neste recinto circular prehistórico e obtiveron mostras. As intrigantes e novidosas datas ofrecidas pola análise desas mostras fixo preciso que o equipo de Árbore Arqueoloxía estea a realizar nestes momentos unha nova campaña no xacemento, co obxectivo de contrastar os resultados. As campañas están a ser financiadas pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura.
Elena Taboada, directora da campaña arqueolóxica, quere precisalo. "Nos últimos anos están a aparecer numerosas estruturas que se coñecen popularmente aquí como henges, pero non se corresponden exactamente cos xacementos que os británicos chaman henges". Taboada ten claro que o recinto de Outeiro Grande no monte do Carrio, nun esporón desta significativa montaña do interior da comarca do Deza, está emparellado con outros xacementos parecidos localizados nos últimos anos en Galicia. "Os henges son monumentos moito máis antigos que estes que agora se están a descubrir", precisa Taboada. "Eu prefiro denominalos como noutras zonas nas que son máis coñecidos. En Irlanda chámanse enclosures e en Portugal recintos murados", explica, "e iso permítenos definilos mellor".
Estes 'recintos murados' circulares son, nestes momentos, unha das puntas de lanza da arqueoloxía galega. Ata o ano 2006, cando se interviu arqueoloxicamente o primeiro dos descubertos, a Roda de Barreiros, era difícil identificalos. Moitas veces nin sequera se recoñecían na paisaxe. Misteriosamente, a sociedade tradicional galega, que garda unha memoria ampla sobre o territorio, tampouco os identifica, non ten un nome común para denominalos como 'mámoa' ou 'castro' e, moitas veces, tampouco existía tradición oral sobre eles. Iso si, os informantes adoitan descartar rotundamente que sexan castros.
Fragmentos dunha paisaxe ritual
Pero desde ese ano de 2006, grazas ás novas tecnoloxías de exploración do territorio, teñen aparecido xa cando menos 43 xacementos. Para os investigadores Pilar Prieto e Luis Cordeiro, autores das primeiras investigacións globais sobre este novo fenómeno, a súa funcionalidade parece clara: "son espazos rituais que nunca foron habitados. Son parte dunha paisaxe sacra da Idade do Bronce". Non se trata, con todo, dun fenómeno único de Galicia. Estes recintos relaciónanse con xacementos similares noutros países da Europa atlántica como Portugal, ou nas Illas Británicas, onde son moi abundantes.
As intervencións levadas a cabo na Roda de Barreiros en 2006, en Ventosiños (Coeses, Lugo) entre 2011 e 2013 ofrecían ata o momento unha cronoloxía do Bronce final. No interior deses recintos, que non tiñan unha funcionalidade de vivenda, aparecen numerosos fragmentos de cerámica e foxas con carbóns que permitían precisar a cronoloxía de uso destes recintos no Bronce final. Mesmo no caso de Ventosiños, localizado nas proximidades dun castro, os usos do recinto parecían ter sido abandonados no borroso periodo entre o final da Idade do Bronce e a Idade do Ferro, hai uns dous mil novecentos anos.
Outeiro Grande en 1985. Modelo dixital. Imaxe: Árbore Arqueoloxía
Resultados novidosos
Pero non é o caso de Outeiro Grande, onde tamén apareceron carbóns que puideron ser datados e fragmentos de cerámica con características coñecidas. E ofreceron resultados novidosos.
En 2021 levouse a cabo unha primeira intervención co obxectivo de comprobar se se trataba dunha estrutura arqueolóxica prehistórica e, de selo, cal sería o seu sentido. Os primeiros traballos foron o estudo da documentación gráfica existente. O recinto podíase observar con claridade nalgunhas fotografías históricas, como a do ano 1985 do Ministerio de Defensa. Con ela compúxose un primeiro modelo dixital.
Outeiro Grande non está en calquera lugar. A un cento de metros do parapeto do xacemento, e ben á vista deste, consérvase unha espectacular necrópole con nove mámoas. E entre esta necrópole e o propio recinto de Outeiro grande está documentado e catalogado un poboado da Prehistoria recente. "Todo este espazo estivo superhabitado no pasado", precisa Elena Taboada, "xunto con esas mámoas aquí na ladeira do carón hai petróglifos e arriba estaba a capela de Santo Adrao, que se preservou na memoria popular a pesar de que estaba visualmente desaparecida e fora abandonada no século XVI".
O impacto do parque eólico no recinto circular. Imaxe: culturagalega.gal
Pero quen visita hoxe o Carrio leva unha impresión diferente. Un enorme parque eólico sementa grandes papaventos, que levaron parte do xacemento por diante. Foi durante a construción do parque en 2002 cando o historiador Armando Vázquez Crespo alertou da existencia dun xacemento arqueolóxico que el definiu, naquel momento, como un castro, do que tamén parecía existir tradición oral na parroquia de Bermés. Os avisos non tiveron éxito e a última torre do estremo sur do parque destruíu unha significativa parte do recinto. Pero non desapareceu todo o xacemento.
Pedra traída doutro lugar
O equipo de Árbore Arqueoloxía puido constatar en 2011 a existencia dun muro perimetral construído a base de pedra e terra, cun diámetro de 80 metros. Esa estrutura circular era de carácter antrópico e tiña algunhas características singulares. Por exemplo, o muro fora construído con granito, pero ese material non existe na contorna inmediata do xacemento. Foi traído a drede desde algunha canteira próxima. "Confirmamos que era unha estrutura complexa que, na zona máis baixa, preserva dúas fiadas de pedra careadas e que vai aproveitando os afloramentos naturais para irse pechando. Xoga moito coa propia paisaxe e coa idea de ser vista desde a parte baixa do val".
Desa primeira intervención obtivéronse mostras e resultados. Había moitos carbóns, e tamén fragmentos cerámicos. "O 90% da cerámica é lisa, fragmentos pequenos aínda que con algúns casos poderían ter motivos decorativos", explica a arqueóloga, "consideramos que se trata de materiais da Idade do Bronce". Pero o problema viña agora. Ao recibiren os resultados de datacións dos carbóns, as datas asocian o xacemento á Idade do Ferro. As mostras máis antigas, tomadas na base da muralla e asociadas ao momento da súa construción, sinalan que Outeiro Grande comezou a ser construído xusto cando se abandonaban os outros recintos circulares escavados ata o momento en Galicia, ao redor do século IX a.C., nese momento no que a Idade do Bronce dá paso á Idade do Ferro. E as outras datacións de Outeiro Grande daban un uso do espazo entre os séculos IV a II a.C., no momento de apoxeo da cultura dos castros na Idade do Ferro.
Sondaxe de 2011 no muro sur. Foto: culturagalega.gal
Na busca do contraste
Así que a nova campaña está examinando xusto a zona contraria do xacemento: unha zona chaira na que o equipo trazou unha gran sondaxe que atravesa o parapeto principal, un foxo intermedio e outro parapeto pequeno exterior. O obxectivo é obter máis evidencias e mostras que permitan contrastar as datacións obtidas na primeira sondaxe, na elevada pendente que mira cara o val. "Por agora non temos datos que revelen que Outeiro Grande teña unha funcionalidade habitacional. Pensamos que pode tratarse, máis ben, dun espazo funerario", explica Elena Taboada, "pero estes sitios son tan novos, están tan pouco investigados, que as cronoloxías nas que nos movemos son moi amplas e, ademais, ningún é igual que os outros".
A cuestión é que non é o mesmo un espazo funerario da Idade do Bronce que da Idade do Ferro. No país dos miles de castros, ata o momento non se ten conseguido saber onde se enterraban as xentes da Idade do Ferro. Recentemente, un equipo da empresa ourensá Xeitura escavou no castro de San Millán (Cualedro), onde se ten formulado desde hai anos a hipótese dunha posible necrópole de urnas ao pé dunha das murallas. Pero os resultados aínda non son concluíntes. En Lalín, o equipo de Árbore Arqueoloxía tenta entender en que medida Outeiro Grande se move nunha época ou noutra. Se é coherente cos xacementos xa escavados e foi usado ou construído, como os outros, xa no Bronce final ou se, pola contra, abre unha porta nova: a dunha tradición cultural que permaneceu moito tempo ata adentrarse case ata o final da Idade do Ferro nestas terras do Deza. A análise da muralla nesta zona norte tamén permitira determinar se a técnica construtiva é a mesma que no sur e se o monumento contou con diferentes momentos de uso.
A campaña segue en curso a pesar das durísimas condicións metereolóxicas do monte do Carrio, onde o vento zoa con forza e os muíños eólicos crean unha perturbadora sensación acústica. Os resultados da nova campaña permitirán profundar no sentido último deste misterioso recinto, desde o que se divisan as campesiñas terras do Deza, por unha banda, e na que pola outra, as xentes da Prehistoria construíron unha impoñente necrópole megalítica.