Alma de seixo

Unha intervención nun recinto prehistórico en Parada de Sil desvela o uso dun cinto de seixo na base da muralla

| Santiago. Manuel Gago | Seccións: Historia
Compartir:
O xacemento de Castrullos (Parada de Sil, Ourense). Foto: Breogán Arqueoloxía

O xacemento de Castrullos (Parada de Sil, Ourense). Foto: Breogán Arqueoloxía

Nos últimos anos as intervencións arqueolóxicas no novo tipo de xacemento denominados rodas ou, popularmente 'henges', que se está a descubrir está a permitir amosar un panorama máis diverso do que parecía. O último intervido foi o coñecido como Castrullos (Parada de Sil), un pequeno recinto circular fortificado sobre o canón do río Sil. Descubriron que o recinto ten algunhas diferencias cos xa escavados, incluído unha intrigante. No corazón do parapeto, e ao nivel da súa fundación, os construtores dispuxeron unha alma con pedras de seixo, unha especie de anel oculto e invisible que discorre polo corazón da muralla.

Por encargo do concello de Parada de Sil, Breogán Arqueoloxía interviu neste xacemento arqueolóxico que podía ser un interesante complemento turístico para os outros recursos patrimoniais do concello. Trala documentación fotográfica e aérea, os arqueólogos puideron comprobar a través da prospección con xeorradar que a potencia que tiña o xacemento –é dicir, a posibilidade de existencia de estruturas soterradas- era mínima. Así que decidiron enfocar a sondaxe na zona do parapeto, abranguendo tamén unha zona interior e exterior. Deste xeito puideron documentar que o xacemento diverxe algo doutros intervidos previamente. "Non ten foxo exterior", explica Eduardo Breogán Nieto, director do proxecto, "e tampouco ten foxas no interior, pero o que si que temos é moitísimo material cerámico". Coas foxas refírese a que en intervencións científicas previas o interior destas rodas parece estar inzado de foxas con anacos de cerámica que se interpretan como depósitos funerarios.



A intervención e algúns exemplos de cerámica. Foto: Breogán Arqueoloxía

Os anacos de cerámica estaban próximos ao interior da muralla, e pola aparencia Nieto avanza que podería pertencer ao final da Idade de Bronce. "Son tipoloxías moi semellantes ás doutro castro que escavamos preto en 2015, a Cividade do Castro, que era do Bronce final". Nieto confía en que no estudo das pezas en laboratorio poidan confirmar se se tratan de útiles de cociña ou responden a outro tipo de funcionalidade. O que si aparecen son algúns furados de poste. "No caso de Castrullos, eu falaría máis ben dunha especie de protocastro", explica, ao poñelo en comparación coa hipótese ritual ou funeraria dos outros xacementos arqueolóxicos.



A 'alma de seixo'. Foto: Breogán Arqueoloxía

O que resulta novo na roda de Castrullos é a existencia dunha alma de seixo disposta de maneira intencional, xusto na base da muralla. Ese cordón de pedras brancas, traídas doutro lugar, parece percorrer todo o parapeto, e non responder a ningunha función práctica que se poida identificar. Hai que ter en conta que o seixo é un mineral empregado con moita frecuencia ao longo da historia galega -ata hoxe en día- con finalidades simbólicas. Está presente nas entradas dos dolmenes, nas portas dos castros ou coroando as casas labregas de moitas comarcas do país. Pero a alma de seixo de Castrullos preservaba tamén un segredo. Baixo ela os arqueólogos puideron localizar carbóns que permitirán datar con precisión o momento fundacional da construción da roda.

Que che parece esta nova?
113 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

As rodas, novos monumentos da prehistoria

Ver serie completa
Unha roda vestida de seixo

Unha roda vestida de seixo

Remata a intervención na roda prehistórica de Adai (Lugo) constatando a similaridade entre todas as xa escavadas

Rodas de vivos ou rodas de mortos

Rodas de vivos ou rodas de mortos

A intervención na roda de Vilarello (A Pobra do Brollón) revela unha posible aldea fortificada da Idade do Bronce

Unha nova roda prehistórica en Cereixa

Unha nova roda prehistórica en Cereixa

Os arqueólogos escavarán o recinto de Vilarello, na Pobra do Brollón, este verán

Na procura dunha segunda evidencia

Na procura dunha segunda evidencia

A segunda campaña de intervención en Outeiro Grande (Lalín) busca precisar a cronoloxía do enigmático xacemento

Revelar o monumento invisible

Revelar o monumento invisible

Os arqueólogos Pilar Prieto e Luis Cordeiro presentan novas claves para comprender os 'henge', enigmáticas estruturas "rituais" localizadas nos últimos anos

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Sil, Breogán, Arqueoloxía

Claves

Lugares