Reimundo Patiño: o esquecemento da revolución

O Día da Ilustración homenaxea un pioneiro da novena arte cuxa influencia chegou moi para alén dos cadriños

O Día da Ilustración homenaxea un pioneiro da novena arte cuxa influencia chegou moi para alén dos cadriños
Foi coautor do primeiro álbum da banda deseñada galega moderna e integrou propostas vangardistas internacionais en todo o seu traballo. Pero ademais, Reimundo Patiño exerceu un papel catalizador que se deixou sentir en unha xeración de creadores no país. A celebración do Día da Ilustración este 30 de xaneiro rescata o personaxe dun esquecemento que contrasta coa importancia que chegou a ter na cultura do país.

Por vez primeira desde que en 2017 comezou a homenaxear unha figura histórica da disciplina, o Día da Ilustración da Galega recoñece un creador que iniciou a súa actividade con posterioridade aos anos 40. Logo de reivindicar os clásicos Federico Ribas, Álvaro Cebreiro, Camilo e Lolita Díaz Baliño e Cándido Fernández Mazas, e de pór de relevo a importancia que acadou a ilustración galega durante as primeiras décadas do século XX, a efeméride que organizan a Consellería de Cultura e mais a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, dá un salto no tempo e pon o acento na revolución que a nosa cultura viviu neste ámbito durante os anos sesenta e setenta.

Vídeo de homenaxe a Reimundo Patiño polo Día da Ilustración


A ilustración
Xulio Carballo, estudoso da banda deseñada galega dos anos 70, apunta que fronte a outras figuras homenaxeadas na data, este ano "non estamos a falar dun ilustrador puro. Ten traballos de ilustración, como os de Arrabaldo do Norte de Méndez Ferrín ou Bocarribeira de Otero Pedrayo, portadas de María Mariño ou Álvarez Pousa, ou os gravados de Estampa Popular Galega e para Voces Ceibes", lembra. Ao tempo, recoñece que este apartado "non é un traballo extensísimo". E destaca en particular o peso fundacional que tivo Patiño no desenvolvemento da BD galega. "Fixo traballos importantes no campo da ilustración, pero sobresaíu sobre todo na banda deseñada". Aínda que recoñece que "foi un home total. Pintor, editor, autor de poesía... foi un artista poliédrico que ademais inspirou a moita xente".

O foco na BD
A elección pon sobre a mesa de xeito inequívoco a reivindicación da banda deseñada galega para esta efeméride. Carballo sinala a mudanza que supón a figura na traxectoria das homenaxes do Día da Ilustración. "Estaba a se tirar un pouco por un carreiro similar de autores, e con este cambio dáse un salto e amósase tamén toda a variedade de traballos que se poden facer no campo da ilustración e se orienta a data cara á BD". E é que o autor está recoñecido como pioneiro da novena arte moderna no noso país. "En 2022 cúmprense 50 anos da súa banda deseñada mural O home que falaba vegliota, e esta homenaxe entronca ben con esa aparición". Canda a isto, o álbum fundacional 2 viaxes con Xaquín Marín (1975), historias breves como O home que falaba arameo e a súa influencia en colectivos e artistas do cómic da época deixan clara a importancia do homenaxeado.

Xaquín Marín e a Estampa
O seu discípulo e colaborador Xaquín Marín é o responsable nesta xeira de impartir a conferencia sobre o autor, que recoñece como unha influencia fundamental na súa carreira artística. De Patiño lembra que "sabía de todo, pero penso que onde estaba máis cómodo era na pintura. Discutimos moito porque el insistía en que a pintura non era o mellor medio para chegar á xente, e que o cómic tiña moito máis potencial. E ao final convenceume, deixei a pintura e paseime ao cómic e despois ao humor gráfico. E el fixo o camiño contrario, logo do cómic voltou á pintura", explica. O primeiro contacto entre os dous deuse ao abeiro de Estampa Popular Galega, un movemento que procuraba achegar a arte a toda a poboación galega, cun forte compoñente crítico. "Eu descubrín este movemento nunha charla de Xesús Alonso Montero en Ferrol. Alí comentou o problema que tiñan na Estampa coas exposicións, que llelas fechaban ou eran albo de asaltos fascistas. Eu era entón un pintor con gana de revolución que quería entrar niso, e Alonso Montero deume o contacto de Patiño. Escribinlle e contestou inmediatamente, o que era moi raro porque nunca escribía cartas, e aí quedamos e introduciume no movemento, aínda que por entón estaba xa no final e só se fixo unha exposición máis". A idea, lembra Xaquín, "era facer obras populares e levalas con exposicións polas aldeas e por todos os lugares" mediante a reprodución seriada de gravados.

A conferencia de Xaquín Marín sobre Reimundo Patiño no Youtube da AGPI


A dignificación da BD
Canda á vontade divulgativa, a perspectiva de Patiño integraba a banda deseñada ao mesmo nivel que outras artes, e achegaba a esta disciplina estilos e coñecementos chegados a pintura. Nese sentido, para Carballo "foi unha persoa bastante rupturista. Estaba ao tanto de todo o que se facía na arte a nivel internacional. Foi dos primeiros que quixo introducir en Galicia todo o cambio de sentido que se estaba a dar neste ámbito fóra do país. Quería rachar coas estéticas e canons que xa existían, e mesmo tivo enfrontamentos, como o que desenvolveu no xornal La Noche con Cunqueiro cando este criticou a Tapies". Dentro desta ruptura entra, para este investigador, a súa aposta pola novena arte. "Naquel momento era un produto que tiña unha dupla consideración negativa. Por unha banda considerábase que nin era cultura, e que era para consumo infantil. Pola outra, criticábase moito como un produto norteamericano para o consumo de masas. Había moitas olladas negativas ao respecto, e el tiña claro que era unha arte, e o seu compromiso ía cara á dignificación desa arte, á que dotou dun contido expresivo e crítico moi importante. A seguir as ideas do situacionismo quixo aproveitar o potencial de chegar á xente do cómic e construír con el un universo simbólico e amosar un xeito de entender o país. Tivo que roer moitos ósos, xente que non entendía que se puidese facer algo galego a través deste medio", explica.

As vangardas no cadriño
O coñecemento do autor sobre o panorama internacional da súa época é unha das características que Marín non deixa de destacar. "Sabía de todo. Percorría todas as librarías especializadas de Madrid, e mesmo así non sei como facía para conseguir exemplares de xornais e de revistas onde aparecían traballos de xente como Druillet. Falaba de Jackson Pollock ou de Mark Tobey cando non os coñecía ninguén, estaba informadísimo e coñecía todas as novidades". Un coñecemento que tamén o levaba a analizar a banda deseñada con perspectivas pouco habituais para un artista do seu tempo. "De xeito curioso gustábanlle moito os cómics da Marvel daquel entón. Dicía que alí se demostraba como se podían rachar os cadriños coas figuras, alterar as súas formas, facer pasar un personaxe dunha páxina a outra. Aproveitaba todo o que vía coa idea de facer o cómic máis dinámico. Eu aprendín moito con el e quixen poñelo en práctica con Ratas, a traballar a composición da páxina", lembra este artista. "Era a vangarda da banda deseñada, ninguén se atrevera a facer semellante cousa. Naquel momento, 2 viaxes e O home que falaba vegliota sorprenderon a todo o mundo. Houbo críticas e países onde non pensamos que puidese ter chegado a obra. E só tivemos unha crítica mala en Galicia. Alguén dixo que aquilo era o underground galego, un editor que viña por Madrid estaba disposto a contratarnos porque dixo que eramos melros brancos do cómic, rachabamos con todo o que se estaba a facer, máis el do que eu", explica Xaquín Marín, quen recoñece que o seu traballo "tamén era moi discutido, a moita xente non lle gustaba. Eu teño debatido moito para convencer a xente que o seu traballo non tiña falta de calidade artística. Transformou o medio e amosou que se podían dicir cousas".

Liberdade artística
Fronte a este interese pola composición, resulta curioso, segundo explica Marín, o pouco ortodoxo que era o seu xeito de debuxar. "Para debuxar unha figura ao mellor comezaba polos dedos dunha man, sen bosquexos previos, cando o máis habitual é comezar polas partes mais grosas da figura. Pero el facíao así, e logo se ficaba sen espazo non lle importaba facer un brazo máis pequeno que o outro ou meter unha figura a outra escala. Nalgunha cousa que lle vin facer debuxaba así, comezaba por un lado e acababa polo outro, non paraba a compoñer. E logo integraba símbolos celtas, algúns reais e outros que imaxinaba. Admiraba moito as figuras de San Andrés de Teixido e estaba moi ao tanto do que se facía en Galicia". O resultado destas perspectivas deu en proxectos que levaron a banda deseñada por guieiros totalmente diferentes aos que levaba no país, a desenvolver a súa vertente de vangarda artística e de crítica social.

O estilo
Encol das perspectivas artísticas do autor nas diferentes disciplinas que practicaba, a historiadora da arte María Jesús Martínez Domínguez explicaba na biografía que sobre el fixo para a serie Os outros protagonistas de Culturagalega.gal que "Reimundo Patiño converteuse no introdutor do Expresionismo Abstracto en Galicia. A pegada do Action Paiting e o automatismo surrealista lévano a destrozar a forma e a converter a superficie do lenzo nun caos colorista e formal, cun acusado horror vacui producido pola confusión e enmarañamento dos elementos incontrolados que xorden precisamente dese automatismo psíquico dos surrealistas. A obra nace do acto mesmo de pintar, do automatismo do exercicio pictórico e a asociación de signos queda relegada ó azar, ó casual". Segundo explicaba naquel artigo, "a súa procura por unha identidade estética enraizada en peculiaridades psicolóxicas, formais e antropolóxicas da cultura galega, lévano ó mesmo tempo a estudar as formas da paisaxe e da arte popular: figuras de S. Andrés de Teixido, cruceiros, gravados nos xugos do gando, así como a arte medieval, africana e dun xeito moi intenso entrelazados celto-vikingos. Patiño valora enormemente este mundo vinculado coa tradición galega e a cultura galega pero sen esquecer o máis profundo da modernidade, o expresionismo a abstracción e o surrealismo". De xeito máis concreto, advirte que "entre 1965 e 1971 na súa obra irá tomando relevancia unha caligrafía tortuosa e insistente, acumulando signos e siluetas que invaden todo, ata o desbordamento, sen ningún oco; aproximándoa á neofiguración informalista. Amplía, así mesmo, o seu traballo sobre o gravado e a técnica do cómic, como vertentes de carácter social e forte carga crítica ó longo dos anos setenta. Nos anos oitenta, é un dos integrantes indiscutibles das reivindicacións pictóricas do grupo Atlántica, xunto a outros que loitaban por conseguir o recoñecemento dunha nova forma de traballar na pintura galega. Nestes anos, o neoexpresionismo será a súa forma de traballar, en cadros onde o xestual e o inmediato están presentes con certa violencia no manexo da pintura mesma e coa agudeza dos grafismos".

Unha influencia fundamental
Para alén do seu traballo como creador, "nos anos 60 e 70 Patiño era un guieiro. Calquera escritor galego que chegaba a Madrid ía á súa casa e el explicáballe como facer, achegáballe materiais e aconsellábao", lembra Carballo. Ao tempo, o seu activismo resulta parte imprescindible da figura. "Eu sempre digo que Patiño era como un volcán. O mesmo estaba pacífico que comezaba a botar lava, a crear, a pensar en cousas e contar ideas fantásticas. Era unha mágoa non lle ter gravado toda a vida", explica Marín. "Traballou en eventos sociais de todo tipo e desenvolveu unha grande cantidade de grupos. Brais Pinto, a Liga Nórdica, a Unión de Artistas Ceibes, A Gadaña, Estampa Popular Galega, o Taller Redor..." e mesmo participou na fundación da Unión do Povo Galego. "Houbo moitas cousas que se fixeron neses anos que non se lle atribúen pero nas que andaba metido", repasa Xulio Carballo. Ao igual que a moita outra xente daquela xeración, "a min transformoume totalmente", recoñece Marín. "Non só na idea nacionalista senón en me achegar ao cómic. Formoume en moitos temas e por el coñecía moita xente galeguista, desde Celso Emilio Ferreiro a Uxío Novoneyra entre moitos outros, o meu mundo transformouse totalmente".

Unha vía a seguir
Dentro desa ampla influencia, a pegada de Patiño foi fundamental para comprender o desenvolvemento da banda deseñada en Galicia durante os anos 70. "Marcou o panorama, foi un estoupido importante que chegou a moitísima xente. Xa co Vegliota, que se puido ver en Madrid e por toda Galicia nas exposicións que armaban as asociacións culturais", lembra Carballo. A raíz disto, xente como a que formaría o Grupo de Cómic do Castro "viu na BD tamén unha posibilidade expresiva e unha arte autóctona con características que se podían explorar. A influencia de Patiño viuse ben durante os anos 70. Nos 80 a BD galega deu un xiro que a achegou máis ás olladas da movida madrileña, con temas máis urbanos, os fanzines e o uso crecente do castelán, cando na década anterior todo se facía en galego", explica. "Aí xa se perdeu o rastro da pegada de Patiño". Mais no seu momento "tivo moitísima influencia sobre Xaquín Marín e no Grupo do Castro, xa á hora de procurar novos conceptos para facer BD, como era o caso do mural. A nivel estético si que a súa pegada non é tan sinxela de seguir", fóra do esforzo por integrar elementos de vangarda con outros propios da tradición galega. "Ten un estilo moi persoal e ninguén o recolleu, sería moi difícil seguilo nese sentido. O que ficou máis como exemplo foi o seu compromiso ideolóxico e o esforzo por trasladar a arte á xente".

Reivindicación recente
Unha das escasas reivindicacións que se viron no últimos tempos da figura de Patiño foi o lanzamento da BD Bo tempo. Nesta obra, publicada por Demo Editorial en 2020, Alberto Díaz repasa a biografía dun creador que o impactou fondamente. No podcast A voz do Demo, Díaz, canda a Xulio Carballo, o deseñador Pepe Barro e o xornalista e músico Xosé Manuel Pereiro falan da pegada do homenaxeado.



Do recoñecemento ao esquecemento
Fóra da BD, no entanto, o autor continuou a ser amplamente recoñecido, coa súa participación no grupo Atlántica. "Á súa morte, en 1985, fixéronselle moitas homenaxes, e en todas situábano como alguén de referencia absoluta a nivel teórico, artístico e como persoa. Choca moito ver a altura que lle daban naquel momento e como pouco despois a súa imaxe desapareceu totalmente. Houbo dúas ou tres retrospectivas da súa pintura, a súa obra deixa de aparecer en exposición e apenas hai artigos sobre el", denuncia Carballo. "Non entendo ben o motivo e agardo que este Día da Ilustración sirva para recoller ese legado e permitir que se poida avanzar no coñecemento sobre a súa figura". Encol do esquecemento en que ficou a figura, Marín apunta que "desgraciadamente a cultura non está no pensamento da xente. A obra de Patiño é difícil para os non conversos". Deste xeito, é pesimista sobre as posibilidades de que o homenaxeado acade novos recoñecementos na nosa cultura. "Desgraciadamente non penso que se recupere. Está xa no Museo Reina Sofía. En vida non conseguiu vender moito, pero é o que lle pasa aos grandes artistas. E un artista sexa demasiado comprendido é mal sinal", conclúe.