Fernández Mazas: A liña mestra

O Día da Ilustración recupera do esquecemento a figura deste creador ourensán

O Día da Ilustración recupera do esquecemento a figura deste creador ourensán
Vangarda é a palabra que mellor define a Cándido Fernández Mazas. A vida e a obra deste ilustrador, pintor e escritor nado en Ourense en 1902 está marcada polo seu compromiso artístico e político. Esta vocación, o seu carácter inconformista e mais a súa temperá morte, con só 39 anos, explican en boa medida o esquecemento no que ficou durante anos. Agora, o Día da Ilustración quere recuperar unha figura que por dereito propio fai parte dos grandes nomes desta arte no noso país.

Morreu novo e enfermo. Perdeu a guerra. Sufriu prisión. Grande parte da súa obra desapareceu. Despois de morto, a súa figura ficou esquecida durante anos. A isto pódenselle sumar problemas de saúde mental e precariedade económica. Motivos para considerar a Cándido Fernández Mazas como un artista maldito non faltan. A reivindicación da súa figura que se propón no Día da Ilustración Galega, este 30 de xaneiro, permite coñecer máis polo miúdo un autor fondamente vangardista e dotado dun grande talento para a gráfica.



Nado en 1902, Cándido Fernández Mazas comezou no debuxo de xeito autodidacta, cuns primeiros traballos xa como adolescente a ilustrar carteleiras para cinemas e teatros ourensáns. En contacto con técnicas como o linóleo e a xilografía, a comezos dos anos 20 iniciou as súas colaboración en prensa en La Zarpa, xornal creado por Basilio Álvarez, e continuou logo no diario Galicia, con participacións posteriores na revista Nós e un papel destacado en Alfar. Desde os seus comezos "era un creador moderno, unha característica que compartía coa súa xeración ou cando menos cos artistas máis próximos, como eran Eugenio Montes, Francisco Miguel ou Manolo Méndez", explica o investigador Xosé Manuel Bouzas, grande defensor da figura de Mazas e comisario da exposición que se lle dedicou en 2002 no Círculo de Belas Artes de Madrid. En paralelo ao seu labor como humorista gráfico e ilustrador, con colaboracións en publicacións de prestixio como El Pueblo Gallego ou Nueva España (xa a residir en Madrid), deixou tamén pegada da súa arte a colaborar nas Misións Pedagóxicas da República, das que se conserva o cartel do Retablo de Fantoches. P.A.N ou xa durante a guerra o semanario do POUM El Combatiente Rojo foron das últimas publicacións nas que participou antes do seu falecemento na aldea de Penedo, en Castro Caldelas.

A pintura e a escrita
Como era habitual en moitos dos seus coetáneos, Fernández Mazas compatibilizaba o traballo no campo do humor gráfico e na ilustración cunha dedicida vocación pictórica. Para Bouzas a ilustración "é unha das súas facetas, pero para el era fundamentalmente unha actividade utilitaria ou de mantenza. A súa aspiración era a pintura". Por desgraza, segundo lembra o investigador, "coñecemos moi pouco da súa obra neste campo, só se conservan sete óleos aínda que hai pouco apareceron algúns outros cadros de xeito algo estraño" e cuxa autoría non está recoñecida de xeito unánime. Xa no seu tempo Sebastián Martínez Risco lembraba como o pintor aseguraba que lle roubaran grande parte da súa produción pictórica, ao que se sumou a desaparición doutras supostas creacións durante a Guerra Civil. Alén da pintura, o creador tiña tamén interese no campo literario, sempre dentro de perspectivas vangardistas. "Dentro da revista La Zarpa sorprende que no ano 1922 houbese xa dous textos de Mazas podían considerarse protosurrealistas, La casa marinera e El hombre del bastón", explica Bouzas. Da súa curta carreira como autor fican as obras de teatro Santa Margori (1930) e a farsa Los cuernos disparatados (1932) ademais de diferentes artigos.

Vangardas
Aínda que as súas inquedanzas vangardistas eran anteriores, as dúas estadías que o creador fixo en París apoiado pola Deputación de Ourense, en 1925 e en 1927, marcaron de xeito definitivo a súa expresión artística. Explica Xosé Manuel Bouzas que destas estancias "a primeira das visitas foi moi curta, e a segunda, aínda que máis longa, tivo tamén dificultades. Ir a París entón era importante porque resultaba o centro cultural do momento. El rexeitou sempre toda formación e o sistema de aprendizaxe nestes períodos era bastante libre". Deste xeito, foi a conexión con artistas e correntes da época a maior pegada no autor, que mantivo conexión con creadores como Robert Delaunay ou Tristan Tzara. "Isto permitiulle entrar en contacto con outras persoas e entender a arte. Foi importante á hora de coñecer xente, ter acceso a determinadas exposicións e visualizar estéticas do momento, aínda que el xa as coñecía. Alí era máis sinxelo se mergullar neste mundo cultural". A participación na revista Alfar, que se publicou na Coruña entre 1923 e 1927, marcou outro fito no traballo de Mazas. A publicación, que contaba con colaboracións internacionais de primeira liña, a incluír nomes como Picasso, Dalí, Borges ou César Vallejo entre moitos outros, era no seu día unha proposta na vangarda creativa e gráfica. "Dábase unha coincidencia estética que fai que a súa arte encaixe perfectamente na proposta". Fronte a estas iniciativas, Bouzas apunta as colaboracións de Mazas coa revista Nós "que non pegan nin con cola. Vicente Risco quedou con moitas colaboracións que non chegaron a se publicar".

O debuxo
Deste xeito peso do debuxo no conxunto da obra de Mazas é especialmente importante. Para Bouzas, o traballo de Mazas nesta disciplina e mais na pintura revela "linguaxes completamente diferentes, aínda que pode haber transvases entre elas. Na pintura o traballo plástico pode ser máis relaxado ou meditado, mentres en prensa diaria hai unhas servidumes de regularidade e velocidade. En xeral as viñetas que publicaba en La Zarpa non tiñan nada que ver coa pintura. Pódese atopar algunha conexión no traballo que fixo para El Pueblo Gallego e El Combatiente Rojo, en particular polo uso da liña, que era unha obsesión para el. Unha das técnicas que empregaba nos cadros era a pintura fresca que logo esgrafiaba por riba, deixando unhas liñas moi limpas".

A liña mestra
Precisamente o interese pola liña e a mestría na mesma aparecen como a característica máis destacable do autor. "Tiña o seu propio estilo. Hai anécdotas súas como o debuxar con pluma estilográfica, que era algo que non se facía en ningún lado". En xeral, nas súas creacións, "emprega a menor cantidade de elementos posibles. É un debuxante xenial, que se debe considerar como un dos mellores da primeira metade do século XX. Posúe unha exactitude no trazo que non se atopa noutros contemporáneos. Recolle todo o que ten que recoller nun único trazo, a través dunha liña exacta. Isto revélano en particular os seus debuxos feitos con estilográfica. É sabido que cunha destas plumas, se detés o movemento, a tinta acumúlase no papel e racha a liña. El ten debuxos nos que se ve que os fixo sen deter o trazo. Hai dous que representan unha rapaza na mesa dun bar que os podes superpor e coinciden. Logo nun hai mais elementos e noutro menos, pero amosa a capacidade que tiña para traducir ao debuxo desde o natural", lembra Bouzas. Do mesmo xeito, a súa aplicación no gravado deixa patente a capacidade técnica do autor. "No linóleo emprega a masa de xeito maxistral", explica Bouzas.

Creatividade e censura
Das súas publicacións no campo humor gráfico "non todas son igual de boas, algunhas teñen composicións moi sinxelas ou simétricas, e noutras repite personaxes para saír do paso. Pero hai outras, en particular aquelas nas que emprega animais, que resultan extraordinarias. Os seus animais antropomorfizados parécenme algo moi novidoso. Fai monos ou paxaros que non se sabe se son persoas". "Hai cousas que son unha marabilla, e penso que", aínda que o vise en grande medida como un traballo alimenticio, "desfrutaba ás veces con este labor. Cando tiña tempo e se atopaba ben obsérvase un traballo máis agradecido tanto para el como para o público". Para alén da forma, aos lectores contemporáneos pode sorprenderlles o carácter reflexivo ou mesmo críptico dos traballos de Mazas en prensa. "Hai que ter en conta que falamos, no caso de La Zarpa de publicacións feitas durante a ditadura de Primo de Rivera. Entón ese era un xeito de sortear a censura".

Esquecemento
O esquecemento no que ficou a figura de Mazas logo da súa temperá morte débese a diferentes factores. Bouzas lembra que "no seu tempo si que foi comprendido, pero houbo un silencio posterior. Cando se celebrou o seu centenario fixemos unha a exposición para tentar corrixir esa deriva, pero segue a ser complicado. Non acontece só con el, pasa tamén con figuras como Francisco Miguel. Son hetedoroxos artisticamente, a nivel político estaban tamén nunha esquerda radical, e isto pesou moito durante o franquismo á hora de os reivindicar. Logo dáse unha ocultación que non sei foi deliberada, pero desde logo reivindicáronse figuras menos importantes ou rupturistas a nivel plástico. Agora, por exemplo, está a se recuperar moito a Maruja Mallo, pero nos anos noventa non había bibliografía feita sobre ela en Galicia. O mesmo acontece con Granell, que debería ter unha importancia altísima e non a ten". Encol da celebración deste Día da Ilustración salienta que "a min alegroume moito que este ano os ilustradores, unha xeración nova, propuxese libremente a figura de Mazas para esta homenaxe. Eu penso que non compre un traballo esforzado para reivindicar alguén. Hai que pór sobre a mesa unha serie de cousas, pero logo é a propia obra do artista a que ten que chegar. Despois unhas figuras adquirirán importancia e outras desaparecerán, pero é importante que haxa unha raíz e un acervo. Semella que a xente nova puido chegar a Mazas e ver a importancia desta estética". A exposición na Cidade da Cultura (do 30 de xaneiro ao 29 de maio) ou o vídeo co que a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración recollen esta figura pode axudar a mudar a percepción deste creador de cara ao futuro.