"É o máis parecido ao que hoxe chamamos un deseñador". Así resume Pepe Barro a diversidade do traballo de Camilo Díaz Baliño, autor homenaxeado este ano no Día da Ilustración. Unha exposición de máis de 50 pezas na Biblioteca de Galicia lembra o que foi un creador fundamental no imaxinario gráfico do galeguismo e que pagou coa vida o seu compromiso político.
Foi un artista do seu tempo, tanto estilisticamente como no xeito de traballar. Cunha importante vocación divulgativa, desenvolveu un grande labor na ilustración de carteis e de libros, con traballo en escenografías teatrais e vencellado ao cinema. Como parte fundamental do seu legado artístico fica a construción de todo o imaxinario vencellado as Irmandades da Fala e ao galeguismo do primeiro terzo do século XX. A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) en colaboración coa Consellaría de Cultura, seleccionou a Camilo Díaz Baliño como protagonista, este 30 de xaneiro, do Día da Ilustración. Desde esta entidade, Alberto Guitián explica que a elección responde a que "é unha figura da ilustración que non ten a sona que pensamos que merece". Deste xeito, a exposición e demais actividades previstas para a conmemoración cobran unha especial importancia, xa que permiten coñecer mellor un autor que ficou en boa medida esquecido co tempo e mesmo á sombra do seu fin, asasinado durante a represión franquista.
A homenaxe
Como eixe da homenaxe, a Biblioteca de Galicia acolle desde o 30 de xaneiro ao 7 de marzo a mostra Camilo Díaz Baliño: A xenialidade truncada que permite achegarse ao legado do que foi pai de Isaac Díaz Pardo a través dos fondos persoais que este último cedeu á entidade. Ademais, a Cidade da Cultura acolle no 28 de xaneiro un obradoiro de cartelismo ao redor da obra do homenaxeado. Ao igual que na primeira xeira, APGI elaborou un vídeo que, con intención de se viralizar polas redes sociais e de achegar a súa figura a novos públicos, fai un rápido repaso pola vida e obra de Díaz Baliño. Como novidade, a conmemoración estrea este ano un sitio web que quere facilitar o acceso ás actividades e contidos ao tempo que vai ficando como arquivo de todo o que xera o Día da Ilustración. De xeito paralelo ás actividades vencelladas a Díaz Baliño, a data presenta un amplo programa de actividades nas bibliotecas públicas dependentes da Xunta de Galicia que inclúen exposicións bibliográficas e de ilustracións, conferencias, presentacións ou obradoiros de creación. A celebración conta nesta xeira cun cartel da pontevedresa Minia Regos. "Pensamos que con esta homenaxe moita xente vai descubrir a Díaz Baliño e se vai sorprender co seu traballo e coa súa propia historia", sinala Guitián desde AGPI.
A iconografía do galeguismo
Pepe Barro, deseñador, debuxante e un estudoso do traballo de Díaz Baliño defende que este artista "é o máis parecido ao que hoxe chamamos un deseñador, tendo en conta que na súa época este oficio non se entendía separado do de ilustrador. No seu caso o traballo está sempre ao servizo de comunicar unha historia, e inclúe traballo de tipografía e de cartelismo. É un creador moi completo". Un dos labores fundamentais que desenvolveu Díaz Baliño, man a man con Castelao e a se influír mutuamente, foi a configuración de todo o imaxinario gráfico que identificaría as Irmandades da Fala e o galeguismo ata a Guerra Civil. Dentro do seu traballo, e vencellado á imaxinería do galeguismo, "o celtismo aparece como un tema fundamental, e a partir del tamén en Castelao. Os dous actúan como vasos comunicantes, e atopamos temas que introduce Castelao e que logo reitera Baliño e á inversa. Comunícanse e entre os dous van xerando todo isto. Camilo fala de Castelao como o seu irmán maior". Segundo explica Barro, "é o artífice desa gráfica simbólica. Reitera elementos como a estrela branca que logo empregará o movemento nacionalista, coa franxa transversal azul e a fouce". A súa conexión co movemento modernista, o Art Nouveau e o simbolismo en boga na Europa de comezos do século resulta determinante para comprendermos o seu estilo. "Pola súa formación está moi vencellado a esa arte nova que impregna toda Europa e traballa moito o simbolismo. Non é só un pintor con grande habelencia senón que mesmo reelabora lendas, investiga e documéntase para facer logo os seus traballos". Entre estas, unha das máis coñecidas é a gráfica para a colección de libros Lar, "con esa anta simbólica e sintética de tres pedras que non chegou a existir nunca en Galicia pero que el e Castelao impoñen como emblema". Este mesmo símbolo, de xeito curioso, acabou tamén no Parlamento de Galicia anos despois, cando a comezos do século XXI Isaac Díaz Pardo meteu o símbolo na vidreira que preside o Parlamento, inserida nun escudo.
Arte popular
Para alén da súa militancia galeguista, Díaz Baliño mantivo desde os seus comezos unha carreira moi vencellada ás propostas artísticas achegadas ao público orientadas á reprodución en serie, como nos carteis. "El comezou moi novo neste campo. Foi a Madrid cunha bolsa para estudar arte pero os cartos non daban chegado, polo que tivo que procurar traballo e atopouno nun taller de escenografía e rotulación", explica Pepe Barro. "Alí aprendeu a rotular con letras de diferentes tamaños e a facer escenografías para teatro, o que implica unhas técnicas a nivel conceptual, gráficas e mesmo físicas particulares". Xa de volta a Galicia "un dos seus traballos foi o de director artístico da empresa Fraga, que tiña varios cinemas por toda Galicia. Díaz Baliño tiña que coller o material gráfico que acompañaba os filmes, traducilo e reproducir en tamaño xigante, sempre a man, aqueles carteis. Algunha imaxe que se conserva deste traballo amosa como estas pezas conectaban con toda a gráfica que se estaba a facer en Europa por entón. Por aí chegaban tipos de letra novos e recursos gráficos que el aprende de primeira man, non todo o mundo tiña acceso a esta información", explica.
De diplomas a escenarios
O seu labor posterior como Delineante do Concello de Santiago levouno a continuar cunha produción moi vencellada a formas artísticas efémeras. "Este posto abranguía moitas cousas. Desde el, Camilo deseña as carrozas dos eventos festivos, que era algo que estivo moi de moda en Europa ata os anos 50, pero tamén os carteis das festas, os diplomas de honra para diferentes eventos e en xeral actuaba como o que poderiamos chamar asesor artístico e deseñador para todo dentro do Concello". Tamén dentro das súas tarefas estivo a elaboración de decorados para o Teatro Principal de Compostela. Precisamente a súa aposta por un arte que poida chegar ao público explica en boa medida a ausencia de pegadas das vangardas nos seus traballos. "Non é un vangardista, interésalle que a xente o entenda e pensa que as vangardas póñenlle trabas a iso. Procura comunicarse de xeito inmediato a través da prensa e dos carteis e aí mantense no modernismo. Ten traballos xa en 1911 que están perfectamente á altura do que por entón se facía en Viena ou no Reino Unido". Nesa mesma liña atópanse curiosidades como o seu traballo a pintar un belén que aínda se expón cada ano en Ortigueira. "As figuras non son del, pero si a escenografía e a pintura", sinala Pepe Barro.
Un legado complexo
A orientación popular que lle deu á maior parte do seu traballo complicou enormemente que hoxe se poida acceder a boa parte do seu legado. "A súa obra é moi dispersa, variada e mesmo efémera. Consérvanse poucas pezas e hai que facer aínda un traballo de recollida. Hai varios cadros que conservan os seus descendentes, rascuños para carteis e pezas impresas. Pero non se coñecen os seus libros nin son sinxelos de atopar", lamenta o deseñador. A isto engádese o feito de que estes fondos ficaron maioritariamente nas mans do seu fillo Isaac Díaz Pardo, que se ben os conservou e coidou, non procurou a súa difusión. "Houbo unha certa oposición interna, por Isaac, que ao tempo que o venerou tamén quixo esquecelo. Deixou a obra gardada na casa e como artista nunca o valorou, a el interesáballe máis o traballo dos Renovadores".
Por facer
Esta homenaxe pode axudar a tirar do esquecemento un autor en boa medida pendente de descubrir. "Camilo meréceo. Ademais do seu labor artístico é unha persoa que fai por militancia e de xeito desinteresado grande parte do seu traballo. Para alén de ilustrador foi un activista moi importante no galeguismo, cunha cultura destacada", recoñece Barro. Fica pendente "comezar un traballo de documentación e facer un inventario da súa obra. Cómpre abordar este labor para poder facer unha lectura conxunta sobre el que aínda está pendente" reclama este investigador. O material que se conserva no Arquivo de Galicia, cedido por Díaz Pardo e dixitalizado no marco do proxecto Galiciana, canda a obras aínda conservadas pola familia supoñen os principais depósitos do seu legado. No Arquivo de Galicia custódiase unha pequena biblioteca persoal, dez álbums que recollen a súa actividade profesional como escenógrafo, preto de 200 fotografías, debuxos e relatos orixinais, ademais de cartas e documentos persoais.
Para preparar a homenaxe "para alén do fondo do Arquivo de Galicia houbo que revisar tamén os fondos da RAG entre outros. Aparecen moitas versións duns mesmo debuxo, como a Ara Gael, ou a mámoas cos druídas que empregou para Céltiga. Hai debuxos a tinta e versións pictóricas. Cousas como estas complican ter unha ollada panorámica de todo o seu traballo", explica Alberto Guitián. Canda a isto, a dispersión, o carácter efémero de parte da súa obra e mesmo as dificultades de conservar e exhibir algunhas pezas complican en boa medida este traballo. "Hai escenografías orixinais, pero son pezas enormes moi difíciles de conservar en boas condicións e realmente complexas de amosar", recoñece Pepe Barro. O reto non é pequeno, pero cando menos o foco xa fica posto no esquecemento que pesa sobre Díaz Baliño.