A cuarta xeira do Día da Ilustración aposta por un autor pouco coñecido no panorama galego. Federico Ribas Montenegro, un vigués que fixo unha exitosa carreira de debuxante comercial e publicitario entre Arxentina, París e Madrid protagoniza o programa anual que organiza a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración en colaboración coa Consellaría de Cultura.
Unha exposición na Biblioteca de Galicia, Federico Ribas. As liñas da beleza e máis un vídeo homenaxe centran as conmemoracións do Día da Ilustración Galega que celebra este 30 de xaneiro a súa cuarta edición. Canda a isto, unha conferencia de Siro López na sede de Afundación en Santiago, unha mesa redonda sobre o futuro da ilustración e a banda deseñada no noso país, un obradoiro de ilustración a cargo de Santy Gutiérrez e un mural de Bea Lema compoñen o programa de actividades desta xornada na capital galega. No entanto, e xa desde o día 25 de xaneiro, bibliotecas e de todo o país están a desenvolver exposicións, obradoiros e outras propostas arredor do mundo da ilustración.
Ribas
Logo de Castelao, Cebreiro e Díaz Baliño, personaxes coñecidos para alén do seu labor puramente artístico, a nova edición do Día da Ilustración apostar por pór en valor un deses profesionais dos que acadan máis eco os seus traballos do que a súa firma. Federico Ribas Montenegro, nado en Vigo en 1890 é especialmente coñecido por ter desenvolvido a imaxe da campaña de perfumaría Gal nos primeiro terzo do século XX ou polo seu traballo para conserveira Massó. O seu trazo inequivocamente modernista captou en anuncios e revistas a esencia dunha época e levouno á sona internacional.
Unha figura pouco coñecida
Marchou de Vigo de xeito clandestino para evitar o servizo militar. Foi en Bos Aires, e de xeito fundamentalmente autodidacta, onde comezou o seu oficio de ilustrador. Na procura de mellorar a súa arte, pasou por París, cidade na que contactou coa vangarda europea do sector, e triunfou de xeito inequívoco no Madrid dos anos 20 e 30. A Guerra Civil levouno de volta a Arxentina, onde amosou de novo o seu bo facer ata o seu retorno definitivo a España a partir de 1949. A de Federico Ribas é unha figura cosmopolita, urbana e vencellada á súa época que deixou unha fonda pegada na configuración da incipiente industria publicitaria estatal. "En Galicia publicou pouco, tivo publicacións nalgúns xornais de Vigo", explica Siro López, estudoso desta figura, "entón é pouco coñecido porque a súa vida profesional se desenvolveu fundamentalmente fóra".
Importancia internacional
Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia, explica que este centro acollerá a exposición sobre o autor que fai parte das actividades do Día da Ilustración. "Na decisión de realizala estaba tamén o feito de que nós contábamos con bastantes ilustracións nos nosos fondos feitas por Ribas". Para el, na elección do homenaxeado pesa que "indubidablemente debe ser considerado entre os mellores non só a nivel nacional senón tamén a nivel internacional, razón pola que a súa inclusión está sobradamente xustificada". Canda a isto, salienta a importancia de pór e relevo autores coma este que, cunha obra amplamente difundida, non son coñecidos polo público. "É un ilustrador do que case todo o mundo ten visto obra súa algunha vez, esencialmente polo seu traballo de publicista, que aínda agora algunhas marcas reproducen nos seus produtos nun certo revival da estética da época. No entanto, moitas persoas a miúdo non saben quen estaba detrás de tan inxente obra".
Ilustración publicitaria
E é que, aínda que desenvolveu o seu labor en diferentes ámbitos, para Siro está claro que o grande peso de Ribas é o seu traballo na publicidade. "Probablemente hai que o considerar un dos creadores da publicidade en España. Gañou un certame internacional que organizara a casa Gal, que facía colonia e o xabón Heno de Pravia, para ilustrar as súas campañas. Pero a empresa deuse conta de que estaba a comezar este mundo da publicidade e que os primeiros en apostar por esta linguaxe terían moito avanzado. Entón contratárono como director de publicidade". Deste xeito, para alén dos seus propios deseños, Ribas coordinou traballos doutros creadores da época. "Probablemente é o primeiro profesional do debuxo publicitario que hai en España", explica Siro, "nun momento no que había unha pléiade de debuxantes extraordinarios, que ademais colaboraban entre eles". Nese sentido, lembra que revistas como Blanco y Negro contaban con colaboracións de moitos destes artistas, entre eles do propio Ribas. "había tamén unha revista de humor moi boa, Buen Humor na que Ribas ten unhas colaboracións extraordinarias".
Outras facetas
Canda a este labor, outra vertente menos coñecidas da obra de Ribas é o seu labor como ilustrador de libros infantís. "Logo da Guerra, ao voltar a Arxentina, tivo que que buscar a vida e realizou moitas ilustracións de clásicos infantís e xuvenís, como La Isla del Tesoro, que era algo que non cadraba a priori co seu estilo. Emprega unha técnica e un estilo completamente diferente ao seu, e fíao moi ben, pero vese que ese non é o seu campo. Tamén ten bandas deseñadas e algunhas acuarelas, paisaxes e retratos, pero non era o seu. Pásalle un pouco como a Castelao, brillan especialmente no seu papel como debuxantes, onde están á vangarda do que se fai en Europa. Sen embargo, á hora de pintar, son do século XIX, non é o seu terreo".
Estilo propio
O estilo único co que cubría a maior parte das encargas foi a marca persoal de Federico Ribas. "É alguén moi dotado para o debuxo, un artista intuitivo que posiblemente debuxou desde moi pequeno. Cando lle dicían os críticos que experimentara unha evolución ao longo dos anos, el respondía que non o sabía, que non tiña tempo para se preocupar por innovar", explica Siro. "Tivo o acerto de ver que no marco do debuxo modernista podía facer o que quixese, e seguiu esa liña toda a súa carreira. É similar ao caso de Xaquín Marín, que creou un estilo que ninguén tivera nunca e con el fixo cómic, viñeta humorística, cartel, ilustración e todo o que lle deu a gana. Ribas, sen inventar o estilo, atopou unha liña na que se sentía cómodo e que lle permitiu facer o que lle deu a gana". Como virtude do creador homenaxeado, Siro destaca "a facilidade de debuxo, tiña o oficio moi ben aprendido. Hai uns anos Isaac Díaz Pardo mercara un cartafol con rascuños de Ribas para o Museo Carlos Maside. Son debuxos en formato grande que empregaba como ensaio para cousas que estaría a facer, pero son fermosísimos, amosan o dominio que tiña". Outra das súas características é "a elegancia, que é propia dos debuxantes modernistas".
Pegada
A influencia de Ribas na cultura española da súa época é, para Siro, destacable. "Naquel momento os debuxantes que tiñan máis prestixio eran Ribas, Penagos e Bartolozzi. Era habitual que coincidisen como premiados e finalistas en diferentes certames, as revistas disputábanos. Penagos foi un pioneiro á hora de mudar a representación da muller, foi dos primeiros en debuxar as mulleres altas, delgadas e pernas finas propias dos ano 20. Rachou o arquetipo do que era unha muller atractiva e amosou por onde ía ir a figura feminina", lembra Siro. Canda a el "Ribas debuxaba tamén mulleres modernas, pero púñalle cinco ou seis quilos máis que ás de Penagos, moi ben repartidos, e había unha competencia entre os que preferían unhas ou outras", de xeito de contribuíu de xeito decisivo á configuración que da estética feminina dos anos 20.
Biografía pendente
Posiblemente por mor do seu descoñecemento a nivel popular, fican aínda por saber moitas cousas da biografía deste autor. Por exemplo, non está claro o seu nivel de compromiso político. "Está claro que franquista non era, pero non é algo que teña estudado", apunta siro. O feito de estar en Galicia ao comezo da Guerra Civil, onde mantiña relacións de amizade con políticos represaliados e fusilados como o alcalde de Bueu Johán Carballeira, influíu na súa decisión de voltar a Arxentina. Desde alí colaborou con publicacións republicanas e realizou unha serie de estampas sobre a represión franquista. No entanto, a partir de 1949 voltaría a España, onde pasou a última etapa da súa vida, con exposicións e recoñecemento do público e dos seus compañeiros de profesión ata o seu falecemento en 1952.
ACTUALIZACIÓN: Vídeo da conferencia de Siro López polo Día da Ilustración
Unha época de esplendor
Malia ao diferente perfil que supón Ribas a respecto dos anteriores homenaxeados co Día da Ilustración, un aspecto común a todo é seren coetáneos. Tanto el como Castelao, Cebreiro e Díaz Baliño desempeñaron o seu labor fundamentalmente na primeira metade do século XX. Estas homenaxes están a revelar a importancia desta época na ilustración galega. "Houbo un gran número de artistas galegos de gran nivel dende finais do século XIX. Nos anos vinte e nos anos anteriores á guerra civil, podemos asociala se cadra ó desenvolvemento da prensa ilustrada, que en certos países acada un nivel de calidade extraordinario, non só en España. Tamén en Galicia o nivel que se acada a partir dos anos vinte é espectacular, con aportacións especialmente orixinais, como é todo o movemento de ilustracións en linóleo a partir de Castelao", lembra Daniel Buján. Coincide con el Siro, quen destaca que neste desenvolvemento "é fundamental a cantidade de espazos para publicar que existía. Logo Castelao tivo moita influencia coa súa idea de que non había que copiar o que se facía fóra, que con ser un artista galego xa se é universal".
A emigración e a ilustración
No entanto, esta explosión chegou ao noso país máis tarde que a outros lugares. "O grande creador do debuxo de humor, da caricatura e mesmo da ilustración en Galicia era José María Cao Luaces, que marchou para Bos Aires en 1885 e alí chegou a ser o patriarca da caricatura arxentina, recoñecido por todos os debuxantes do país. Se tivese quedado na Coruña, tería creado a escola de humor gráfico e de caricatura en Galicia no mesmo momento en que esta nacía en Madrid ou en Cataluña", apunta Siro."Entón houbo un atraso grande. Mesmo así, a súa influencia chegaba tamén a autores de aquí, como ao propio Castelao, que de cativo lía na tenda que tiñan os seus pais en Arxentina a revista Caras y Caretas, que dirixía Cao. É evidente dicir que Castelao é discípulo de Cao, aínda que fose indirectamente. Tamén influíu en Juan Carlos Alonso, outro galego que desenvolveu o seu traballo nesa revista, sucedeu a Cao, e se converteu no profesional máis prestixiado de Sudamérica, ademais de ser correspondente da Real Academia Galega", lembra. "Cando Castelao volta a Galicia e crea a escola de humor gráfico en Galicia aparecen Maside, Torres, Cebreiro ou Fernández Mazas todos eles dunha calidade excepcional e sen nada que envexar en calidade aos grupos catalán ou madrileño".
ACTUALIZACIÓN: Vídeo da mesas redonda do Día da Ilustración 2019.