Unha fotógrafa profesional na Becerreá dos anos 40 e 50. Unha obra descoñecida e agochada en álbums familiares. Unha perspectiva única para o seu tempo e contexto. A descuberta do traballo fotográfico de Maruja Roca supón unha anomalía, por diferentes motivos, na historia da fotografía galega. Unha publicación de aCentral Folque dá a coñecer, da man de Nieves Neira e Eutropio Rodíguez esta obra que racha todo tipo de convencións, mesmo as do xénero.
O feitizo de Maruja Roca é o título do libro pioneiro que aCentral Folque publicou este inverno e que está presentar por todo o país. A obra reivindica a que foi unha fotógrafa popular cunha capacidade inédita de fabulación para a súa época e lugar. O traballo de Nieves Neira e Eutropio Rodríguez como editor dá conta dunha figura sorprendente que vai quedar nos anais da fotografía do país. Como tantas outras descubertas, tamén a desta autora foi fortuíta. Nieves Neira Roca, sobriña neta desta artista, atopou de xeito casual as instantáneas da súa familiar cando entrevistaba un seu curmán sobre outras cuestións. "Eu coñecéraa de nova, e aínda que sempre se contou na familia que facía fotografías, non me daba conta da dimensión real do que era aquilo. Na realidade non `facía fotografías´, senón que era unha muller que traballaba como fotógrafa profesional nos anos 40 e 50 en Becerreá". O contacto deuse no marco do traballo como xornalista de Neira. "Hai uns tres anos, a facer unha reportaxe sobre cine de Becerreá fun falar co seu fillo, que traballara alí. E naquel momento ensinoume as fotografías da nai". Aquela trintena de imaxes impactárona pola súa singularidade, xa que as pezas que Maruja Roca conservara na casa non eran en absoluto os habituais retratos que facía unha fotógrafa de provincias.
As imaxes
Aqueles retratos revelaban a existencia dunha creadora dotada dunha forte vontade artística. "Ela facía unha fotografía moi diferente á da súa época, insólita. Case é un feitizo, algo que queres tocar e que non cres que estea aí", explica Neira a lembrar aquela descuberta. A súa ollada transcendeu o labor alimenticio da profesión fotográfica. Retratos de personaxes marxinais, como mendigos ou persoas de etnia xitana, unha chea de mulleres e de crianzas e un enorme esforzo pola escenificación e a ensoñación nos seus planos apareceron como riscos destacados deste legado. Segundo lembra Neira, "tiña moito interese polas mulleres. Ao ser ela muller, nunha profesión moi masculinizada, véselles máis cómodas diante do obxectivo, con posturas máis relaxadas, cunha maior liberdade. Hai tamén moitos disfraces, aproveitou moito o Entroido pero foi para alén diso". O heterodoxo do seu traballo facía que unha boa parte do mesmo non tivese carácter comercial. "Esas fotografías dos xitanos, os ambulantes ou os carboeiros, gardounas Maruja. Non gañaba un peso por elas, fíxoas porque quixo facelas, aínda que nalgún momento puido pensar en vendelas como postais", lembra Neira. "Logo nos álbums das veciñas apareceron moitas de mulleres con disfraces, que rachan os esquemas do que era un retrato na época". Para Eutropio Rodríguez, desde un punto de vista artístico, Roca "ten unha ollada moi potente, cunha enorme capacidade de creación e de suxestión a partir de catro elementos, case única no ámbito galego e moi difícil de ver no estatal". Ao seu ver "é unha artista total, que está cunha atención de vinte e catro horas a observar e procesar o encontro para crear. É imposible contar as historias que conta nunha imaxe se non se está pendente de xeito continuo".
A fotógrafa
Polo momento, non se sabe como chegou unha cámara ás mans de roca, como se introduciu no oficio e como fixo para dominar as técnicas de toma de imaxes e de revelado. "Non sei como é posible que espertase para ela este interese nese momento, que referentes puido ter. Penso que seguramente chegase aos seus ouvidos a visita nos anos 20, de Ruth Mathilda Anderson a Becerreá. Tamén, tempo despois, pasou pola zona o fotógrafo alemán Walter Ebeling. Non sei se esas presenzas influíron no seu ollar" reflexiona Neira. Foi nos anos corenta que Roca comezou a súa carreira profesional como fotógrafa. Eutropio Rodríguez sinala dela que "era autodidacta e tiña unha técnica limitada" que, no entanto, mellorou. "Foi descubrindo as posibilidades ela mesma. Cara aos anos 50 avaríase unha das cámaras que utiliza, non enfoca ben. E ela é consciente diso e emprégao ao seu favor, fai imaxes cun enfoque selectivo. Logo ten un sentido do espazo e da profundidade moi avanzado, e un sentido estético que non é puramente fotográfico senón tamén pictórico. Calculo que iso ten que ver co propio contorno xeográfico da montaña de Lugo, onde se ve a quilómetros de distancia". Para o seu labor profesional, centrado sobre todo nos retratos, tomaba imaxes "polo xeral na galería da súa casa, onde contaba coa propia luz ambiental, un espello de armario que desmontara e un foco que fixera o seu home cunha lámpada e un caldeiro de zinc". Artellara ademais un cuarto escuro no seu propio fogar, onde facía os revelados. "Cando traballaba ao aire libre ía a unha cortiña que había diante da casa e que era costa. Iso permítelle un control da profundidade, do fondo e do punto de vista, e facer picados ou contrapicados. E penso que é aí onde crea as imaxes máis interesantes, como son as das fadas ou os retratos dos seus fillos como chineses", lembra o editor. "Hai imaxes nas que se ve que repite a toma, o que é algo totalmente inusual na súa época e contexto. Maruja usaba rolos de só oito fotografías, e aínda así hai imaxes das que fai dúas tomas". No seu traballo "hai unha busca estética e unha inquedanza artística".
O final
Logo de case unha quincena de anos no labor, a experiencia da Maruja como fotógrafa rematou a finais dos anos 50, cando a enfermidade e morte do seu home a levou a procurar oficios mais rendibles. "Non teño claro a concepción profesional que tiña de si mesma como fotógrafa", explica Neira. "Sabemos que nos últimos tempos ela o seu home puxéronlle ás fotografías o selo Gema, que oculta algo o seu nome. O fillo lembra discusións cando o seu pai se gababa de ter feito unha foto que na realidade era dela. Isto parecíalle moi mal". Cando, xa no final dos anos 80, Roca se incorporou activamente á Asociación Cultural A Pipa, unha exposición e unha publicación recuperaron parte do seu traballo fotográfico e pictórico. "Aí vese un seu interese en reivindicar ese traballo. Tamén nos anos 50 remitiu unha foto que se publicou na revista Vida Gallega, eu entendo que ela era moi consciente de que aquel traballo tiña un valor", salienta Neira. Sobre a actual reivindicación da súa figura, lamenta "que ela non o puidese ver en vida, xa que morreu en 2011".
A recuperación
A partir da súa descuberta do fondo familiar, Neira fixo unha primeira reportaxe sobre a fotógrafa en El Progreso. "Saíu en marzo de 2019 e a raíz diso veciñas de Becerreá chamaron ao xornal e puxéronse contacto comigo a dicir que tiñan fotografías que Maruja lles fixera de nova. Aí vin que había máis por onde tirar, e pensei que estaría ben facer un libro. Como admiradora da Central Folque, pensei que os libros da colección Cámara Escura eran ideais. E un día chamou Eutropio e comezamos co proxecto". Comezou entón unha intensa tarefa de rastrexo da pegada de Roca na vila. "Tiramos do fío daquelas chamadas, votamos falar co fillo, convocamos os veciños para ver se había máis material. E foron aparecendo moitas máis fotografías. Vimos que en cada álbum familiar había esa estrañeza que era unha foto de Maruja". En conxunto, conseguiron unha importante selección de imaxes da que compilaron unha selección no libro. "A raíz da publicación continúan aparecendo cousas, foise correndo bastante a voz", e non se desbota que aparezan aínda novos traballos. "Sempre pode haber xente que é mais reticente a dalas a coñecer, porque fan parte da súa memoria particular".
A memoria e o esquecemento
Nese proceso de investigación, os responsables da obra enfrontáronse á memoria sobre Maruja Roca que se conserva na súa comunidade, e comprobaron que o labor como creadora ficou escurecido polo seu papel como veciña e nai. "Penso que nin o fillo, que foi quen nun primeiro momento nos achegou a ela, sospeitaba realmente da dimensión do asunto. Resulta un shock pensar que a tía Maruja que facía fotografías, veciña de Becerreá, nai e avoa, tiña realmente esa dimensión artística e era unha das mellores fotógrafas do país". Para Neira "resulta asombroso que non se coñecese ata o de agora algo deste calado, como é posible que algo tan excepcional permanecese oculto, que inercias operan aí". Nese sentido, Eutropio Rodríguez sinala que "o seu arquivo non existe, está repartido entre moitos veciños, algúns emigrados, que teñen tres ou catro fotografías cada un". Unhas imaxes que, lembra "son na súa inmensa maioría feitas para levar na carteira, nun formato moi pequeno".
As pulsións
Encol do interese da autora polos seus temas recorrentes, Nieves Neira apunta que "teño teorías, pero non as podo probar. En toda a súa fotografía hai moita fabulación, moito soño. Semella que mesmo nas imaxes máis documentais hai algo de creación e de estrañeza". Así, tanto a investigadora como o editor vén reflectidas nas imaxes desta creadora unha pulsión por fuxir. "Ves que hai unha paixón pola viaxe, por saír, transformar os lugares e escapar. O oficio da fotografía era entón unha profesión vencellada á ambulancia, pero ela non se podía mover como outros fotógrafos polas limitacións que había para unha muller e por ter que atender os fillos. Entón aproveitou a viaxe que veu a ela, e retratou esas persoas que se movían máis, moitas xitanas, coas que tiña contacto. Vense imaxes que só se poden facer con xente coas que tiña moita relación." Nesa mesma liña, Eutropio Rodríguez incide en que "o máis importante do traballo de Maruja é a fabulación, a súa capacidade para inventar mundos. Normalmente cando un fotógrafo fai iso ten unha razón, quere escapar dunha vida ou pretende inventar outra cousa". Para el "hai un factor común nos suxeitos que olla, que é o seren xente vulnerable e desfavorecida, como mulleres, nenos e vagabundos, iso crea un mundo. Logo é moi interesante desde o meu punto de vista como dignifica a muller e fai practicamente o centro da súa obra".
O desprazamento do xénero
A aparición no medio das imaxes de dous retratos dun mozo travestido, identificado como Manuel Mera, causa estupor dada a época na que se tomaron. Nieves e Eutropio só poden especular sobre a orixe destes curiosos traballos. O primeiro deles, recollido como "Manuel Mera chegado de Cuba" amosa o mozo cos beizos e un bigote pintados e un pano na cabeza. Na segunda, Mera aparece ataviado nun traxe tradicional de muller. "Imaxinamos que esta foi unha foto feita no estudio e pola que houbo unha remuneración", explica Neira. "Soubemos que o seu protagonista morreu moi novo, con 18 ou 19 anos, que fora veciño de Maruja e que ela xa o retratara noutras ocasións. Pero esa imaxe é un misterio, cando a vimos quedamos abraiados. É un tipo de imaxe que Maruja facía co traxe galego", un adobío era da propiedade da fotógrafa, "co fouciño, a cofia e co dengue. Pero que o protagonista sexa un home é incrible. Que apareza tamén nesoutra foto amosa que había aí un xogo" que non coñecemos. Non son estas as únicas transgresións de xénero que aparecen no libro, con outras imaxes de mulleres caracterizadas de homes. "Aínda que o poidamos vencellar ao Entroido, vai para alén, hai un interese por retratar iso, un desprazamento do xénero. O propio gusto polas viaxes, o xogo, ou do disfrace é tamén un tanto trans, parece como que estamos nun teatriño de sombras. O fascinante é que se fixo nos anos 50 en Becerreá", sinala Neira.
O contexto
E é que o propio proceso de facer o libro achegoulle á propia investigadora novas perspectivas sobre a vila e a época na que viviu a súa tía avoa. "Becerreá no seu momento tivo moito trafego, tiña máis poboación que Lugo e pasaban moitas cousas. Isto pódenos levar a ter outra visión da vila naquel tempo e a cuestionar o que era a fotografía do momento e como alguén puido saír do establecido", explica Neira. "Chámame moito a atención ese desprazamento de identidades, o propio uso do traxe de galega como disfrace, o que puido supor a Nacional VI para a vila. Estas fotografías desenvolvéronse nun momento no que comezou a pasar moita xente por alí, foi un tempo de cambios sociais e os conflitos vencellados a isto están nesa obra".
Eutropio Rodríguez considera que aínda estamos no comezo do recoñecemento de Roca como creadora. "Vaise consagrar porque ten moitísima importancia, sobre todo a súa capacidade de crear. Semella que a maioría dos fotógrafos galegos do século XX, ata os últimos vinte anos, son documentais. E ela é todo o contrario, a súa capacidade de posta en escena é única, podería compararse co traballo de Manuel Vilariño na nosa época". Veremos pois en vindeiros tempos o xeito no que a nosa cultura integra esta ollada singular e sitúa a roca na historia da fotografía galega.
Fotografías de Maruja Roca.
Títulos e imaxes tirados do libro O feitizo de Maruja Roca
Á hora de escoller unha imaxe das publicadas no libro, Neira apunta que "de entrada venme a da cerimonia do té dos seus fillos, coloreada. Supoño que tamén pola historia que hai detrás, como lembran todo o traballo para a sacar e o camiño que fixeron para atopar unha maceira que semellase dunha estampa xaponesa. A súa filla Marisú leva no cabelo bugallos de carballo con purpurina, e a mesa na que están é unha colmea. Os dous fillos teñen lembranza de estar moito tempo parados para facer esta foto. Paréceme espectacular esa maxia, esa quietude, este parar o tempo, dar un chimpo e aparecer noutro lugar, como se fose un truco". Sobre a mesma, Rodríguez destaca "como está coloreada e transcende ao plano pictórico, e como emprega e confecciona os elementos dos que dispón". Canda a esta, o reponsable da colección "Cámara escura" salienta que "outra que me interesa moito, e que estivo a piques de ser a capa do libro é o retrato da filla como pirata. É unha pirata da montaña de Lugo que está melancolicamente a agarrar o seu sable. Resume moi ben toda a fotografía de Maruja, a historia que hai alén da foto".