A xente de Agolada e arredores nos primeiros anos 80 vista a través dos ollos dun fotógrafo holandés. Esta é a proposta de O pálpito interior, o novo volume da colección Cámara Escura, co que aCentral Folque nos convida a coñecer imaxes inéditas do noso país. As fotografías de Ton van Vliet amósannos a sorpresa coa que un mozo urbano dos Países Baixos percibía o rural galego daquel momento.
"Unha road movie particular, ateigada de corredoiras, rostros e rituais". Así se define O pálpito interior no seu texto de presentación. A obra que publica agora aCentral Folque recupera, case corenta e cinco anos despois, unha selección das imaxes que o fotógrafo holandés Ton van Vliet (Terborg, 1956) desenvolveu durante diferentes visitas a Galicia entre 1978 e 1984. "A súa mirada humanista teimaba en borrar a distancia que separa o reporteiro da paisaxe ou das persoas. Disparou deixándose levar mais alá do encadre ou do enfoque, conseguindo instantáneas cheas de verdade que nos devolven unha realidade auténtica, e hoxe manteñen toda a súa forza", continúa o texto. A combinar imaxes a branco e negro e a cor, a obra amosa o interese do autor polo retrato e a paisaxe. As escenas máis rurais mestúranse con escenarios vilegos, espazos interiores e mostras de relixiosidade popular a conformar un retrato múltiple da realidade do interior do país naquel momento.
Unha visita casual
Ton Van Vliet chegou ao noso país de casualidade. A procurar un lugar onde pasar as vacacións en 1978, o seu amigo Jeroen Hoogakker propuña ir ao sur de España mentres el tiraba máis por Escocia. Como punto intermedio xurdiu Galicia, e a casualidade levou a que no restaurante O Merendeiro do Arnego, en Agolada, lles dixesen que podían acampar no lugar. E alí ficaron, fascinados por unha sociedade e unha paisaxe moi diferente a aquela que coñecían. Segundo sinala Eutropio Rodríguez, editor da obra e responsable da colección en que sae publicada, "Ton conta sempre que Agolada estaba a 2.000 quilómetros de Holanda, pero que iso era a distancia curta, a longa eran os 50 anos de diferenza que atopaba entre os dous lugares". Segundo recoñece o propio fotógrafo, "eu agardaba atopar máis ou menos unha cultura celta, coma Escocia, e aí estaba. Xente agradable, unha paisaxe bonita e unha luz espléndida que adorei. A luz era moi diferente á que eu coñecía en Holanda" explica.
Anos de traballo
Logo daquela primeira visita, que durou dúas semanas, "voltei eu só en 1980 por dous meses", tempo que aproveitou para elaborar o proxecto fin de carreira dos seus estudos de fotografía. "O ano seguinte estiven tres semanas e desde aquela todas a visitas foron de dous ou tres días". Aínda que Van Vliet retornou en diferentes ocasións a Galicia despois daquela primeira estadía, non continuou o seu labor fotográfico. "Non seguín a traballar. Xa tomara as miñas imaxes. Voltei en doce ou trece ocasións desde aquela, pero a maior parte das fotografías fíxenas entre 1978 e 1984", asegura. "Entre 1978 e 1980 fotografei Agolada e a súa contorna. En 1982 retratei a romaría do Corpiño e en 1984 a de Santa Marta de Ribarteme". En total unhas dúas mil fotografías que pasaron a engrosar o seu arquivo, onde permaneceron agochadas durante décadas.
Unha pegada persoal
En Agolada, a figura de Van Vliet non é estraña. Desde os primeiros anos alí, fixo amizades que aínda mantén. De xeito inevitable, a visita que aqueles estranxeiros fixeron a Agolada a finais dos anos 70 deron pé a anécdotas. "Na aldea de Lagoas, moi preto de Agolada había un bar cun tocadiscos. E naquel tocadiscos atopei o disco dun cantante holandés a cantar Que viva España, alí no medio da nada", lembra. Nunha ocasión "quixen facer unha foto do restaurante de Servando Calvos, o Merendeiro do Arnego. Subín con el pola ladeira para ter unha boa vista, e díxenlle que había que subir algo máis porque había unha árbore que tapaba a porta principal. El díxome de agardar e comezou a chamar pola muller, Rita. non entendín o que dixo, pero ela apareceu cun machado e Servando cortou a árbore alí nun momento. Hai moitas boas lembranzas daquela época" explica o fotógrafo.
Material descoñecido
O recoñecemento ao traballo daqueles anos tardou en chegar. "En Holanda non teñen interese por este traballo. O escritor Cees Nooteboom escribiu en 1987 un artigo sobre estas fotografías, estaba moi impresionado por elas. Pero de alí en adiante ninguén amosou interese. Logo nos 2000, hai xa case vinte anos, Alfonso Fernández fixo unha exposición en Agolada. Máis tarde Manuel Busto, que é amigo desde as primeiras visitas á vila, puxo algunhas das imaxes no seu Facebook e no seu blog sobre a comarca" Aquam Latam. A partir de aí viunas Eutropio Rodríguez", editor da publicación que agora ve a luz, "e entramos en contacto".
O ollar alleo
Sobre a súa descuberta deste material, Rodríguez apunta que "o traballo de Ton rezuma sensibilidade, é un traballo, que pode semellar tópico dicilo, pero amosa Galicia desde a perspectiva dunha persoa doutro planeta. A min gústame moito a ollada que tiña sobre o país, sorprendida por como era a realidade naquel tempo". Ao seu ver, "son fotografías moi honestas, feitas con moita sensibilidade e un grande cariño. E con algo que hoxe xa case non existe que é a reflexión e o tempo. Hai que pensar que o libro é resultado de seis ou sete anos de traballo dedicado a este proxecto". Segundo recoñece o fotógrafo "estou moi orgulloso desta publicación". Malia ao tempo transcorrido desde que as tomou e toda a evolución profesional que viviu, Van Vliet recoñece que "estas fotografías continúan a ser excelentes para min. Tireinas desde o corazón. O sentimento que teño cando vexo esas imaxes é que estou de volta en Agolada, non penso na composición ou na técnica de cando as fixen".
Os temas
A situar en contexto estas imaxes, "o que fago moitas veces é comparar traballos de fotógrafos. Naquela época estaba a traballar Mapplethorpe a facer cousas moi modernas, ou Avedon a facer In the american west, e el veu aquí e achega unha ollada de sorpresa. Hai semellanzas tamén con Eugene Smith. Hai unha instantánea dun futbolín, coa xente xunta para xogar, que era algo que el non entendía. Paréceme unha imaxe modernísima, ao nivel de Bruce Davidson". Dentro desa sorpresa, Rodríguez apunta que "unha cousa que noto tamén é o descubrimento da fotografía. Hai unhas cantas referencias á propia arte nas imaxes, e ves que el ten a mente posta na fotografía. A propia imaxe que abre o libro amosa tres rapazas de Agolada a ollar sorprendidas unha foto de carné de Ton. Tamén lle resultan rechamantes as cámaras de xoguete, aparecen nalgunha imaxe".
Xente normal
Malia ao que poida semellar polo tema das imaxes que tomou en Galicia, Van Vliet non se considera un fotógrafo etnográfico. "Fago case de todo. Maioritariamente traballo fotografía documental, gústame moito tamén o retrato e a fotografía de paisaxes". Alén da diferenza de luz, lembra que "a semellanza entre o traballo galego e outro que fago é o interese que manteño pola xente normal. Non me interesan as estrelas, quero retratar xente do común". A repasar as fotografías do holandés, Rodríguez apunta que a que este "chámanlle moito a atención os colmados da época, tamén o baile, ou os nenos cos petardos". Entre as curiosidades, na súa primeira visita "Ton saía de festa pola vila coa cámara e co trípode. Entón temos imaxes nas que se aparece el mesmo, sacadas con temporizador e flash. E con el aparece moitas veces outro mozo que pensei que era de Agolada. Cando lle preguntei a Ton quen era díxome que era o seu compañeiro Jeroen, que parecía galego".
Crear un libro
Á hora de levar aquel arquivo fotográfico a unha publicación, Eutropio Rodríguez recoñece que "traballar con Ton foi moi doado. Deu moitas facilidades, colaborou moito e entendeu o meu traballo desde o comezo". O feito de compartiren oficio propiciou "o sentimento de que somos da mesma familia, a dos fotógrafos, que entendemos polo que pasamos". Van Vliet deixou nas mans do editor a selección de imaxes. "Preferín que fose un fotógrafo galego o que escollese as miñas fotos. Achega unha visión moi diferente da miña, penso que foi mellor contar con alguén que ten distancia coas miñas imaxes pero que sabe do que estou a falar", explica o fotógrafo. "Discutíamos ás veces porque eu propuña algunha mudanza nalgunha imaxe, reencadrala un pouco, volteala, e el non quería. Entón deixabamos a cousa uns días e logo ao mellor mudaba de opinión. E ao revés, el propuxo unhas mudanzas na portada que eu non vía, e logo deixei repousar a cousa e foi como el quería".
Literatura e investigación
A integración de Luísa Castro no proxecto foi unha escolla do propio fotógrafo. "En Holanda atopei un libro, que se titulaba Adeus a Galicia, que o título orixinal era O somier de Luísa Castro. Lino sen entender todo pero parecíame moi poético e tróuxome de volta o sentimento de estar en Galicia. Cando Eutropio me preguntou se coñecía alguén para escribir a historia do libro, propúxena, e fixo unha bonita historia". Segundo explica o editor, "a Luísa explicámoslle por que a necesitabamos, paseille unha selección de imaxes, aceptou escribir o texto. Ela coñece algo a cultura holandesa e aceptou case inmediatamente porque o proxecto lle pareceu interesante. Entón a partir unha selección maior de imaxes escribiu un texto que quedou espectacular, a relacionar a súa experiencia da fotografía familiar coa que facía Ton". Para alén do traballo literario e de selección de imaxes, a obra acompañouse dunha importante pescuda "Falei con algúns dos protagonistas das fotos cando estaba a facer o libro", e chegou a se identificar a maior parte das persoas retratadas na obra, explica Rodríguez.
Futuros para as vellas fotos
Segundo destaca o editor, "estas imaxes abren unha porta similar nesa época á que as imaxes de Ruth Mathilda Anderson abriron aos anos 20. Estou convencido de que este é un punto de partida para o traballo de Ton. As súas fotografías van facer parte dunha exposición na Cidade da Cultura, e seguro que a partir de aí vai facer moitas cousas e o seu traballo terá eco. Estou convencido de que outras editoriais van publicar cousas súas". Coma este caso, ou o recente redescubrimento das imaxes do etnógrafo dinamarqués Gustav Henningsen sobre a comarca de Ordes, Eutropio Rodríguez está convencido de que han aparecer máis fotógrafos foráneos que retrataron o noso país. "Por suposto. Existe moita xente que veu, e que vai seguir vindo a Galicia. Hai centos".
Logo do nacemento do festival Cámara Escura, que se celebrou entre os días seis e nove de outubro, e do desenvolvemento dun espectáculo multidisciplinar a partir das imaxes rescatadas da fotógrafa de Becerreá Maruja Roca, o proxecto fotográfico que supón esta colección semella estar en plena expansión. De cara ao futuro, segundo sinala Rodríguez, "a idea é que entren fotógrafos galegos novos na colección. Revisei moitos traballos que non me pareceron potentes como para estar en libro. Logo fáltanme cousas por descubrir, a algunhas que atopei non me deron acceso e hai outras ás que estou a tentar acceder. En Nova York mesmo hai traballos sobre Galicia que se coñecen algo aquí pero non están ben editados. Quero ir alí e pelexar coa institución para sacar máis cousas". Quedamos pendentes das novas descubertas.