Jesús Faílde: Os ollos da parroquia

O Consello da Cultura Galega recupera o traballo deste fotógrafo popular de Agolada cunha exposición

O Consello da Cultura Galega recupera o traballo deste fotógrafo popular de Agolada cunha exposición
Este 12 de xullo abría en Agolada unha exposición singular. Con A parroquia para sempre. Jesús Faílde Oro. Memoria gráfica das xentes de Agolada (1950-1960), o Consello da Cultura Galega recupera para a sociedade galega o retrato que un fotógrafo afeccionado realizou desta localidade durante apenas unha década. Un tesouro de imaxes que amosan a efervescencia dun rural en plena mudanza desde unha ollada privilexiada.

O traballo dun novo fotógrafo popular sae á luz. De xeito similar a outros nomes que se recuperan para a arte da imaxe do noso país, Jesús Faílde incorpórase a nómina de creadoras e creadores cuxo retrato da nosa sociedade, a través das xentes e lugares da súa contorna máis próxima, reclaman o seu lugar na historia da fotografía galega. Desta volta, no entanto, non falamos da descuberta dun arquivo esquecido por medio de investigacións históricas. Foi o propio autor, vivo e con 86 anos na actualidade, o que deu o primeiro paso para pór en valor a súas creacións.

Segundo recoñece Manuel Busto, grande impulsor do recoñecemento do legado deste creador desde o colectivo Baluarte dos Pendellos, "foi el que veu a min. Eu teño o blog Aquam Latam" dedicado á etnografía e a historia da comarca de Agolada". Mesmo á súa avanzada idade Faílde "seguíao a diario e pareceulle que era unha plataforma ideal para amosar o seu arquivo. Mandoume un correo contándome quen era e a me falar daquel material, e ofreceume enviarmo para o divulgar elaborando eu uns textos de apoio". Deste xeito, nunha vintena de correos, Busto foi recibindo arredor dunhas 450 imaxes das que realizara Faílde. "Eu sabía quen era por referencias locais. Coñecía a familia, sabía que era militar e que estaba en Pontevedra, pero non coñecía a súa faceta fotográfica".

A primeira fotografía


Realmente, a conexión de Faílde coa fotografía deuse de xeito circunstancial. Un tío seu emigrado trouxo unha cámara e, ao ver que non se remexía ben con ela, decidiu vendela. O sobriño artellou unha falsa venda para quedar co aparello e que non pensasen que o quería como agasallo. A primeira imaxe que ralizou, de feito, foi a dos seus tíos Pancho e Manuel, nun interior e a manter aberto o disparador o que lle pareceu, sen ter nocións previas sobre as necesidade de luz para impresionar a película. O resultado animouno a seguir experimentando, co foto posto na súa contorna máis inmediata, a aldea de Friufe e as parroquias de Agolada.


Afección e encargas



Unha peculiaridade do traballo de Faílde é o se tratar dun fotógrafo amador. Deste xeito, unha grande parte das súas obras son retratos de festas, eventos sociais e, en xeral de cousas que lle chamaban a atención. "Ten moitos retratos de amizades, outras imaxes teñen un grande valor etnográfico. En xeral todas teñen como ámbito o rural da zona. Pode verse moita xente vestida con roupas de gala que fan por saír elegantes", explica Busto.



E é que moitas destas imaxes, malia a non ser o fotógrafo un profesional, correspondían a encargas. "Algunhas eran previa demanda, outras disparaba el porque as quería para el. En moitos casos era un grupo de amigos que lle pedían que lles fixese unha foto". Na súa afección pola fotografía Faílde "foi autodidacta. Polo que sabemos, non revelaba as súas fotografías, senón que as levaba a Foto Adolfo de Melide. Adolfo foi tamén o que lle ensinou as bases da técnica fotográfica, e mantiveron unha grande amizade ata que este profesional morreu".

O recoñecemento
A publicación de imaxes no blog de Busto deu conta da importancia do traballo deste autor. "Tiveron moita repercusión e recibín peticións para empregar determinadas fotografías en publicacións". A comprenderen a importancia do legado, o colectivo Baluarte dos Pendellos, do que fai parte Busto, "falamos do valor destas fotos e pareceunos que algún organismo debía ter iso custodiado para futuras xeracións. Aí rapidamente apareceu o Consello da Cultura Galega. Puxémolos en contacto con Faílde e acordouse unha entrega do arquivo, coa petición de que sería moi interesante artellar unha exposición coma a que agora bota a andar en Agolada".

A selección
Á hora de abordar este proxecto, Busto contou con Xaime Varela, outro membro de Baluarte dos Pendellos, e co fotógrafo José Caruncho, responsable da restauración das imaxes, para realizar a selección de pezas da mostra. "Caruncho conseguiu darlles unha calidade impresionante. Á hora de escoller, el propuxo seleccionar oitenta imaxes e nós outras tantas, para ver en cales coincidiamos. Ao final nós escollemos só cincuenta, e destas, coincidimos con el en 35, ás que acordamos sumar outras seis". Esta selección correspóndese co traballo que o fotógrafo compilou entre a década dos anos 50 e a dos 60 do pasado século.

O cronista




Neste período deuse a circunstancia de que este retratista amador "era un fotógrafo case único naquela época no lugar. A exposición recolle o período desde que conseguiu a cámara ata os anos sesenta, uns seis anos. A partir de 1962 apareceron na zona outros fotógrafos e a xente xa non se retrataba só con el", lembra este historiador local. "Antes del estaban os fotógrafos da feira, pero para che retrataren no teu propio medio, na túa aldea, só el tiña acceso. Despois apareceron outros semiprofesionais". Esta situación fixo del "o notario da aldea e da contorna". Parroquias como as de Merlín, Santa Comba, Esperante, Vilariño, Agolada, Tranbacas, Borraxeiros ou Eidián quedaron retratadas polo obxectivo deste militar cando viña de visita desde Pontevedra.

Tempos de cambio


As imaxes de Faílde revelan tamén as mudanzas que estaba a vivir o mundo rural galego da época, coa convivencia entre os elementos máis tradicionais e as innovacións técnicas. "Hai moitas imaxes de motos e de bicicletas. Outras de carácter costumista amosan os preparativos para visita dun bispo, a adornar as rúas. Tamén se pode ver un carro que se empregaba para o transporte de paquetes de mercadorías entre Agolada e Friufe, retratado na parada de autobuses. Ou o propio Faílde enriba dunha moto que non era súa e que alugaban por horas".



O estilo


Xaime Varela, pola súa banda salienta que o traballo de Faílde "pode se encadrar nunha época moi particular da fotografía de Galicia durante os anos 50, onde varios fotógrafos fan o mesmo tipo de imaxes sen se coñeceren. Hai fotografías de Faílde que poden lembrar moito a Virxilio Viéitez. Virxilio viña a Agolada para facer fotos nas feiras, pero non se coñecían. E no entanto hai imaxes, como a dunha señora maior á beira dunha planta, que podía ser súa perfectamente", explica. "Tamén coinciden no emprego de paredes con liques ou da vexetación da horta como marco para as imaxes", sinala.


Os fondos


Dentro das características imaxes de Faílde, Busto salienta que "en moitas fotos vese o motivo central, que está diante, pero no fondo aparecen persoas que non fan parte desa composición. A min lémbrame un pouco a escola holandesa de pintura que metía personaxes secundarios ao fondo do cadro. Por exemplo, no autorretrato no que Faílde simula cortar leña, vese a súa irmá a sorrir desde a xanela da cociña. Estas persoas danlle unha nova profundidade á imaxe sen ser o motivo central".

O ollar interno


Nesa mesma liña, Xaime Varela destaca que "tecnicamente constrúe fotografías con todos os planos posibles, desde panorámicas a planos curtos. Vese que ensaia coas posibilidades da fotografía", explica. Ademais, "xoga moito coas persoas fóra de plano e cos espectadores internos das imaxes. En moitas non lle importa para nada que aparezan uns nenos a alucinar con como coloca a xente para a fotografía. Hai unha ollada interna de personaxes que ás veces saen difuminados e que lle dan un aquel de interese á fotografía. Hai que se fixar tamén, porque a miúdo quedamos co primeiro plano e non nos damos conta do que hai ao fondo".


Selfies


A abundancia de selfies do fotógrafo sorprende en boa medida tamén na exposición. "Ten varios autorretratos, e neste sentido é moi moderno. Faría fotografías para aparecer tamén nelas e conservar o recordo de momentos concretos da súa vida. En moitas aparece con moita espontaneidade. Como non hai río na súa aldea, amosa como ía se refrescar ao rego do muíño".

A procura de Balbino


Unha das imaxes máis destacadas é a que se empregou para presentar a mostra. Un neno cun año baixo o brazo e a levar unha vaca cunha pistola de xoguete no cinto. "A composición é de antoloxía, e amosa unha instantánea do momento de felicidade deste neno co año no colo e a pistola de xoguete, polainas e sombreiro. É unha mágoa qeu saia cos ollos fechados. Eu cando a puxen no blog falei da imaxe a través do Balbino de Neira Vilas, aínda que neste caso máis feliz". Busto mantén unha intensa pescuda a contactar a veciñanza presente e emigrada, enviar copias da fotografía e perseguir todo tipo de pistas. "Estamos a ver quen era, Jesús non o lembra, pero apuntou que podía ser por Santa Comba". Ata a pedra que se pode ver nas construcións do fondo da imaxe sérvella e este investigador para localizar o posible lugar. "As casas están feitas con granito, e aquí hai unha diferenza de pedra entre Friufe e Astrar, muda de xistos a granito, entón temos unha idea da zona na que pode estar localizada".

A composición e os ollos
"O máis especial do traballo de Faílde", conclúe Varela, "non se ve en todas a fotografías pero faise claro no conxunto. Trátase da colocación das persoas nas fotos, as composicións humanas que fai e a importancia que lle dá á ollada da xente. Todo o mundo olla de xeito especial, sexa a cámara, a outra persoa ou ao infinito. Hai unha vontade artística consciente á hora de colocar a xente, é o único que explica o xeito no que aparecen as persoas retratadas onda unha camioneta, cunha bicicleta, contra un balado ou nun monte. Ese xeito de captar a ollada dos personaxes que fotografía é moi interesante".

Un primeiro paso
A mostra a compilar corenta imaxes daquel grande arquivo chega seis anos depois da cesión do mesmo ao Consello da Cultura. Busto considera que "tardou, pero chegou a tempo para lle facer unha homenaxe ao autor e de recoñecer o valor histórico do seu legado". Desde o Baluarte dos Pendellos agardan que esta mostra sexa un primeiro paso de cara a futuros recoñecementos á importancia de Jesús Faílde. "Imaxino que a partir do coñecemento que se vai ter agora do seu traballo sairá máis amor por el, a seguir a máxima de que non se ama o que non se coñece". Para Varela "é necesario sacar á luz esta fotografía amadora e popular, penso que Galicia está chea de fotógrafos neste estilo que non coñecen". Cando menos, ata o vindeiro 12 de agosto existe a oportunidade de coñecer a Faílde nos Pendellos de Agolada.