Nos últimos anos multiplícanse no país as publicacións e exposicións que reivindican o traballo de diferentes artistas do campo fotográfico, tanto do ámbito afeccionado como profesional. O que xa non é tan común é unha iniciativa na que se recolla un século de fotografía galega a través dos ollos de tres xeracións dunha mesma familia. Esta é a proposta que achega A ollada dos Cal, unha publicación que se está a preparar en Redondela e da que achegamos un adianto.
Saturno Cal foi, a comezos do século XX, un nome destacado da fotografía galega. Desde Redondela, as súas imaxes aparecían recollidas en publicacións como Vida gallega, a madrileña Mundo Gráfico ou suplementos da ABC. Con el comezou unha saga familiar de fotógrafos que se achegaron a esta arte desde diferentes perspectivas. Desde a visión pictórica e amadora do seu fillo Avelino ata o traballo profesional e a fotografía de actualidade dos netos Félix e Mundo Cal co estudio Cal3. Esta firma promove agora, cando se van facer 50 anos do seu nacemento, a publicación A ollada dos Cal, que ten en marcha unha recadación de fondos vía crowdfunding para se completar. O libro reivindica este legado a revisar mediante artigos e entrevistas a historia destes creadores e a amosar unha selección dos seus traballos. Todo un repaso das diferentes perspectivas con que se abordou a arte fotográfica ao longo dos últimos cen anos. No seo da familia, a transmisión da disciplina continúa aínda coa bisneta, Helena, que na actualidade está á fronte do proxecto empresarial.
O proxecto
A colaborar no desenvolvemento deste proxecto de recuperación de fotografía histo´rica está a cooperativa de xestión cultural Trespés, tamén con sede en Redondela. Segundo explica Alberte Román, desde esta entidade, a proposta de desenvolver este proxecto saíu deles. "Coñecíamos de longa data a Félix e a Mundo por relacións persoais e de veciñanza. Tamén coñeciamos algo do traballo que fixeran Saturno e Avelino, que se amosara, pero de xeito escaso e con pouca transcendencia. Entón pensamos que sería interesante amosar este material e facer un achegamento desde o local para o que podería ser unha historia da fotografía en Galicia. E quixemos agrupar as tres xeracións, algo que non se fixera antes en ningún traballo, para facer unha publicación conxunta". Con esta presentación conxunta, a través do traballo dos Cal "vese a evolución da fotografía ao longo do século XX".
Vídeo de presentación de A ollada dos Cal
A primeira xeración
Saturno amosa a fotografía centrada na paisaxe local. O seu traballo coincide con transformacións urbanas moi importantes, como a transformación de toda a fachada marítima, que el fotografou cunha grande vontade documental". Canda a estes fondos máis coñecidos, "a partir da investigación no arquivo familiar apareceu un traballo moi interesante como retratista que non se coñecía. Hai fotografías sobre todo das fillas e da familia nas que xoga moito co papel dos retratos no comezo da fotografía, esa idea de construír personaxes e novas vidas coa escenificación. Vense certas posicións e composicións que remiten a referencias das revistas gráficas deses anos". A falar sobre o seu avó, Mundo Cal apunta que "de Saturno hai como dez imaxes que son unha referencia esencial para saber como era Redondela nas primeiras décadas do século XX. Resultan moi coñecidas pero moita xente non sabe que son del".
Avelino Cal
"Con Avelino compróbase a visión máis artística da paisaxe, con esas imaxes pictóricas influenciadas polo impresionismo e o orientalismo", explica Alberte Román. No seu caso as imaxes que se conservan responden ao seu arquivo privado, xa que el non exerceu de xeito profesional a fotografía. "Comezou a fotografar por influencia do pai, e xa cando marcha á Guerra de Marrocos no ano 21 leva unha cámara e fai o seus primeiros traballos", sinala. A partir de aí, esta arte "acompañaríao toda a vida. É un autor moi vinculado coa paisaxe, primeiro no ámbito de Redondela e logo a partir dos anos 50 e 60 por toda Galicia. Ten moito material de vilas e cidades do país e cunha ollada moi cultural ou etnográfica. Fíxase moito en arquitecturas, construcións populares, elementos patrimoniais ou embarcacións". No seu traballo "cómpre destacar que desenvolve toda unha liña de fotografías coloreadas a man. Emprega acuarela e consegue un resultado moi loable, ten material cunha calidade excepcional". Mundo Cal sinala do seu pai que "naceu en 1901 e desenvolveu unha sensibilidade moi especial, cun traballo de miniaturista. Sacaba pequenas fotografías que revelaba en branco e negro, e a partir dos anos 50 comezou a iluminalas con acuarela, óleo ou pastel" dándolle cor ás paisaxes retratadas.
Mundo Cal fala do seu avó
Cal3
A terceira xeración da Cal que ficará recollida nesta publicación, a dos irmáns Mundo e Félix, conta xa cun arquivo de milleiros de imaxes, resultado do seu labor profesional neste ámbito. "Este traballo é un primeiro achegamento a un arquivo enorme, que precisaría moito máis traballo e está aínda sen dixitalizar", advirten desde Trespés. "Mundo comezou o negocio no ano 75 co seu curmán Jacinto, que logo o deixou. Desde aquela o estudio realizou os típicos traballos de estudio dunha vila pequena, desde fotografías de carné a vodas ou comuñóns". Segundo lembra Mundo "comezamos cun primo que, coma min era moi afeccionado á montaña, e nuns primeiros anos faciamos fotografía como afeccionados. Foi o anticuario pontevedrés Jaime Trigo o primeiro que nos fixo unha encarga profesional para fotografar as pezas dunha poxa. E aí pensamos en montar unha pequena tenda en Redondela". Alén do labor máis vencellado á actividade comercial, Román advirte que coas súas cámaras os irmáns Cal "foron testemuñas de toda a evolución sociopolítica de Redondela nos últimos corenta anos. Teñen un material que permite achegarse a esta historia local e aínda alén. Recolleron a presenza de todas as figuras políticas de ámbito galego ou estatal que pasaron pola vila, ou o conflicto da empresa Confecciones Regojo, que marcou a década dos 80 no lugar".
A cuarta xeración
Cal3 continúa en marcha e con Helena Cal, filla de Félix, asegura a continuidade familiar no campo da fotografía. "Seguen a facer traballos de todo tipo, a incluír vídeos ou propostas de publicidade para pequenas empresas", lembra Mundo Cal. Canda a isto, desde a tenda "hai unha inquedanza por promover exposicións e toda unha serie de actividades arredor da fotografía. Eu mesmo levo máis de vinte anos a impartir cursos de iniciación" explica. Canda a Helena, Fernando Carreira, a se ocupar do vídeo, ou Tino Vilas, que abordou a dixitalización das empresa nos primeiros anos deste século, son nomes que manteñen en marcha o proxecto.
Arquivos
Á hora de abordar este proxecto, comprobouse que o estado de conservación dos arquivos fotográficos das diferentes xeracións é desigual, e no caso de Saturno o seu traballo desapareceu case totalmente. "Consérvanse moi poucos negativos en vidro, fican copias da época que quedaron na familia ou que tiña outra xente e se foron compilando", apunta Román. Mundo Cal, pola súa banda, lembra que "na familia contaban que se fixera desaparecer durante a guerra. O meu pai chegou a estar uns anos na cadea e unha tía que era mestra tamén foi depurada. Por medo, ou polo que fose, dicíase que o arquivo e perdera ou se tirara, pero a investigar para esta publicación descubrimos que quedara nas mans do seu fillo Emilio. Pero a certa altura, xa cara aos anos cincuenta ou sesenta, a maleta con ese material perdeuse ou tirouse". De Avelino, pola súa banda "teño tres ou catro mil negativos que estamos a clasificar", explica Mundo. Canda a isto, como mostras do seu traballo paisaxístico "temos sete álbums que amosan diferentes lugares de Galicia, por onde viaxou moito, con moitas imaxes de Redondela ou de Pontevedra". Da época de Cal3 "o arquivo pasa de medio millón de imaxes" apunta o fotógrafo. "Eu teño aínda unhas 18.000 diapositivas e uns 40.000 negativos" do seu traballo persoal, sinala.
O compromiso
Canda ao interese pola fotografía, outro fío que conecta diferentes xeracións da familia Cal é o seu compromiso social. Segundo lembra Mundo Cal "Saturno era unha persoa moi particular. Sen grandes estudos, botou anos a traballar en Portugal, viaxou a Inglaterra e aprendeu moi ben o idioma. Alí entrou en contacto con grupos masóns e iso influíu moito nel. Cando tivo que voltar a Redondela, onde herdara unha fonda, penso que a fotografía lle permitía expresar o que era". Neste contexto mantivo contacto "con toda a xente liberal e de esquerda de Redondela, e tanto el como o fillo foron amigos de Telmo Bernárdez, que foi asasinado no 36, de Ernestina Otero ou de Luís Pereira" e mesmo chegou a ser alcalde da vila nos anos 20. No caso de Avelino "nos anos 20 e 30 tivo unha intensa actividade social, participou no Partido Galeguista local e na campaña a prol do Estatuto do 36. Supoño que co franquismo atopou un refuxio na fotografía", explica Román. "Participou tamén no Grupo Terra e fixo un xornal local e deixounos imaxes do mitin central da campaña polo Estatuto", lembra Mundo Cal.
Alén de Redondela
"A terceira xeración foron tamén persoas moi implicadas no ámbito social. Alén da fotografía local, polo seus vínculos viaxaron moito a América Latina e tiveron relación cos procesos revolucionarios de Nicaragua, do Salvador e de Cuba. Iso tamén chegou ao público de Redondela, os que somos da xeración dos anos 80 e 90 puidemos descubrir esa realidade política a través das súas fotos", apunta Román desde Trespés. "Nós eramos xente cunha inquedanza social nas asociacións de veciños e grupos culturais, e tivemos contactos con toda a xente que se movía en Redondela. Temos documentación das primeiras asociacións, artellamos exposicións Eu nunca fun nada valente pero si moi curioso, e sempre levaba a cámara a todas partes. A partir do 83 comecei a viaxar pola miña conta e durante dúas décadas fun viaxando por toda Lationamérica, de México a Terra de Fogo. Tamén colaborei coa Asociación Entre Pueblos e cos Comités de Solidariedade con América Latina".
Recuperar o patrimonio
A consciencia sobre a importancia do traballo dos seus antergos non é novidade para Mundo Cal. "Sempre souben que era importante. Cando nos anos 80 se facían os encontros de fotografía de Vigo eu xa tiña a espiña de non sacar isto todo á luz. Acontece que son moi preguiceiro e polo xeral non teño présa por facer as cousas. A miña intención non é facer algo extraordinario, pero si algo que deixe constancia, e paréceme interesante que nun lugar como Redondela alguén poida ver algo que fala da súa vila e que ao tempo sexa universal. E tamén que haxa quen poida sentir que ten na casa, nunha fotografía, unha parte desa memoria colectiva", sinala. Con este proxecto "vemos moita expectación. Hai xa vinte anos sacaramos unha primeira publicación sobre este legado e fora moi bonito, todo o mundo se sentía partícipe. Iso será diferente porque hai un grande labor de investigación, entrevistas con nós e logo unha selección de fotografías moi ampla que amosa a variedade de enfoques de cada autor".
O interese pola fotografía histórica
O traballo sobre os Cal é unha nova mostra do interese pola recuperación polo traballo de estudios fotográficos históricos no noso país. Propostas como a colección Cámara Escura e o festival homónimo que promove aCentral Folque ou o encontro A fotografía nas coleccións locais que a Deputación da Coruña celebra en Oleiros os días 11 e 12 deste mes de novembro son outros exemplos recentes neste mesmo sentido. Segundo recoñece Román "a fotografía é un elemento de memoria moi interesante e xera moitas iniciativas. Ata o momento recuperáronse os grandes nomes da historia da nosa fotografía, pero agora está a e pór o foco en traballos de ámbito local, que permiten abrir novas páxinas desa historia". Semellante ao caso dos Cal, é o de Maruja Roca en Becerreá ou a reivindicación de Jesús Failde desde Agolada. "Vense moitas iniciativas que permiten recuperar un patrimonio ao que a miúdo non se lle dá valor no ámbito familiar ou persoal porque non son imaxes de fotógrafos de renome. Propostas como a exposición de traxes tradicionais que se fixo no Museo de Pontevedra a partir das fotografías de Ruth Mathilda Anderson amosan o seu potencial para o estudo da historia local e doutros aspectos", apunta o promotor desta iniciativa. "É importante reforzar os recursos de salvagarda deste patrimonio e que a xente tome conciencia e non tire material que pode conservar na casa", advirte.
Galería de fotografías dos Cal. Fotografías e textos achegados por Trespés.
Retrato de Rosario, Raimundo e Rosa Cal Fernández. c. 1917. Saturno Cal.
Grupo de homes, mulleres e crianzas á volta da Coca na zona da Xunqueira. Redondela. c. 1918. Saturno Cal.
Autorretrato de Saturno Cal Muíños. c.1930
Vista xeral da vila de Redondela desde o viaduto de Ourense c. 1924. Saturno Cal.
Vista do viaduto de Pontevedra. Redondela. c.1930. Avelino Cal.
A Portela. Redondela. s.d. Avelino Cal.
A Coca ao seu paso pola rua Alfonso XII. c.1950. Avelino Cal.
Carro na cidade. Pontevedra. s.d. Avelino Cal.
Amigos. Redondela 1977. Mundo Cal.
Teotecacinte. Nicaragua. 1983. Mundo Cal.
Luís Gurriarán oficiando unha misa nun campamento de refuxiados guatemaltecos. Quintana Roo. México. 1989. Mundo Cal.
Equipo armado. El Salvador. 1992. Mundo Cal.
Conferencia de Luís Soto. Redondela. 1981. Félix Cal.
Xogando aos trompos. Ventosela, Redondela. 1983 Félix Cal.
Conflito de Regojo-Telanosa. Redondela. 1986. Félix Cal.