Baleas comúns avistadas no banco de Galicia. Fonte: CEMMA
O litoral galego é zona de paso ou morada de 23 especies de cetáceos. Só "oasis no océano" como as Illas Macaronésicas superan esta cifra que dá conta dunha riqueza biolóxica pouco común nas augas continentais. Por iso nunca foi estraño albiscar desde terra arroaces, que viven dentro das rías, e mesmo golfiños comúns e caldeiróns, cuxo hábitat se atopa a máis millas da beiramar pero aínda na plataforma continental. Mais nos últimos anos tamén semella que se están a producir máis avistamentos, incluso de baleas. Pero é esta percepción real? Alfredo López, da Coordinadora para o Estudos do Mamíferos Mariños (CEMMA), advirte que a cultura das imaxes virais distorce a realidade, pero recoñece certo aumento dos avistamentos de especies de gran tamaño. As razóns, suxire o biólogo, hai que buscalas no fin da caza das baleas e, máis recentemente, no incremento dos pastos mariños na costa galega que podería ser consecuencia de certos cambios oceanográficos e climatolóxicos. "Pero polo momento non podemos saber se se debe ou non ao cambio climático, para iso precisamos series anuais longas", aclara.
Se a situación do ano pasado se repite nos mesmos termos, as baleas volverán chegar tarde finalmente ao seu destino, as augas que rodean o arquipélago canario. Alfredo López salienta este feito ante á hipótese que suxire que os avistamentos anormais de baleas no litoral galego terían que ver co cambio climático. "Con datos dun ano para outro non se pode falar diso. As conclusións con respecto ao cambio climático hai que tiralas de series temporais longas. Teremos que ir vendo en series anuais se as baleas non baixan tanto. Se realmente están aquí polo cambio climático, chegará un momento en que non cheguen a Canarias, porque a barreira cálida infranqueable ecuatorial estarase ampliando. Pero aínda non podemos afirmar iso porque o certo que é paran na nosa costa pero despois seguen o seu camiño", conclúe. Para saber máis sobre a presenza e o comportamento destes mamíferos no litoral galego fan falta máis estudos, pero nos últimos anos as campañas da CEMMA reducíronse á mínima expresión polos recortes no financiamento recibido para desenvolver o seu labor. "Ata 2011 faciamos 20 saídas cada ano en barco e iamos obtendo cifras dos avistamentos, e a maiores saiamos no buque da Xunta de Galicia Irmáns García Nodal acompañando os atuneiros. Durante tres meses estabamos facendo avistamentos desde aquí ata Os Azores, e iso permitiunos obter moitísimos datos. Pero agora só dispoñemos dos que nos facilitan os socorristas e outros membros da rede de colaboradores. Tamén facemos saídas nas rías cunha embarcación pequena que temos, pero son estudos moi limitados que non nos din nada sobre avaliación poboacional", lamenta Alfredo López. A CEMA é unha ONG nada a comezos dos 90 para o estudo e na divulgación dos mamíferos na costa galega. Outro dos seus labores é a asistencia aos varamentos e a recuperación de animais feridos, da que é responsable desde 1999 a través de convenios coa Xunta de Galicia e grazas ao traballo de socios e socias e distintas entidades colaboradoras."Con datos dun ano para outro non podemos afirmar que as baleas paren na nosa costa polo cambio climático. Se ese fose o motivo, haberá un momento en que non cheguen ao sur, pero o certo é que agora seguen o seu camiño"
Cada ano rexístranse na costa galega, de media, máis de 250 varamentos, dos que apenas un 10 % corresponden a animais vivos. É unha cifra moi elevada vinculada á riqueza biolóxica pero tamén a efectos non desexados dos labores de pesca. "Sabemos que os animais que varan son aproximadamente un cuarto dos que están mortos no mar. A maioría son cetáceos e polo que estamos vendo moitos presentan indicios de captura accidental. A nosa costa é unha zona de alta intensidade de pesca por esa riqueza da que falamos e, polo tanto, a actividade pesqueira e estes animais están sobre os mesmos recursos, os peixes. As interaccións entre os humanos e os animais non sempre son negativas, pero en moitas ocasións os cetáceos e as tartarugas mariñas terminan morrendo nas redes". O remedio pasa, de novo, por máis investimento. "Para evitar estas mortes a solución sería non pescar, pero entre esa situación e a actual sempre hai puntos intermedios. E para atopalos fai falta investigar máis para saber como, cando e onde se producen esas mortes”, conclúe Alfredo López."Cada ano varan na costa galega máis de 250 animais, dos que só chegan vivos o 10 %. A maior parte presentan signos de captura accidental pola actividade pesqueira"




