"Ángeles Alvariño diría da loita das mulleres de hoxe que xa era hora"

A filla da oceanógrafa recorda a súa denuncia ante a administración Carter por discriminación de xénero

A filla da oceanógrafa recorda a súa denuncia ante a administración Carter por discriminación de xénero
A oceanógrafa Ángeles Vilariño
Desde o pasado 22 de marzo a oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño (1916-2005) ten un monolito que a recorda no paseo das Ciencias do parque de Santa Margarita da Coruña. É a segunda muller homenaxeada neste memorial da investigación galega, xunto á matemática coruñesa María Wonenburger quen, coma ela, tivo que emigrar aos Estados Unidos cunha bolsa Fulbright para poder desenvolver unha carreira científica digna. Pero á outra beira do océano tamén atopou atrancos. Unha investigación do director do Álbum da Ciencia e do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, Xosé Fraga, baseada no arquivo persoal da eminente científica acaba de desvelar a denuncia que formulou en 1977 ante a administración do presidente Jimmy Carter contra a discriminación por motivos de xénero que sufriu no laboratorio onde traballaba. A súa filla, Ángeles Leira Alvariño, lembra como a axudou naquela batalla e outros momentos da vida de quen foi unha pioneira en moitos sentidos.

Ángeles Leira Alvariño reside en San Diego (California), o lugar onde a familia se estableceu en 1958 seguindo os pasos profesionais da súa nai, unha autoridade internacional no estudo do zooplancto mariño que describiu vinte e dúas novas especies dos microorganismos que os compoñen. Setestrelo conversou na Coruña con ela tras a inauguración do monolito instalado a iniciativa da Sección de Ciencias do Instituto José Cornide. "Coido que a miña nai estaría feliz con esta homenaxe. Dicía que os españois non apreciamos o noso propio valor e o dos nosos compatriotas, e o dela é un exemplo do que dá España porque, a fin de contas, aínda que acadou o seu máximo profesional en Estados Unidos, conseguiuno grazas ao que estudou aquí", reflexiona.



Como vivía Ángeles Alvariño a ciencia?
Traballaba e concentrábase moitísimo, e consideraba que o que facía era moi importante. E en realidade o é, porque eses animaliños transparentes que estudou son, como ela demostrou, indicadores das correntes mariñas e tamén depredadores, algo que non se consideraba antes. Para ela traballar non era un sufrimento, a única carga era que ás veces lle puñan trabas para publicar os seus traballos.

Por que?
Por envexas, por ser muller e por ser española.

Chegou a denunciar que sufría discriminación por motivos de xénero no centro do National Fisheries Service no que traballaba. Corría o ano 1977 e iniciaba o mandato presidencial Jimmy Carter, que prometera políticas a prol da igualdade. Como recorda aquel episodio?
Levaba anos estancada no mesmo nivel profesional como científica e quería progresar economicamente. Cría que o merecía, e por suposto que o merecía. Pero tropezou con argumentos como "é que é muller, os homes teñen máis necesidade dos postos altos e salarios máis elevados; é que é española e non domina o idioma...". Pero iso non era certo, manexábase en cinco idiomas e dominaba o inglés. Pediu un ascenso e negáronllo. Rebateu a resposta que recibiu pero só lle deron dúas opcións: ou aceptaba quedar como estaba o marchaba do laboratorio. Foi entón cando decidiu emprender unha demanda. Como conta Xosé Fraga, escribiulle á ministra de Comercio, Juanita Morris Kreps (despois de oíla falar nunha entrevista da discriminación de xénero) e esta respondeulle. Desde a administración enviouse unha pequena comisión de tres científicos para avaliar o caso.

Vostede a axudou naquel proceso, non si?
Tiña que facer unha presentación legal do caso, xa era maior e estaba nerviosa con este asunto. Eu díxenlle: non te preocupes, que entre ti e mais eu preparámolo todo. Eu tiña trinta e poucos anos, estaba afeita a defender en público proxectos. O que pasou foi que non dixeron nada, quedaron calados e a vida seguiu como antes. Desgraciadamente, a miña nai non conseguiu o ascenso, pero puido conservar o seu estatus ata que quixo retirarse (1987).

Ángeles Alvariño chegou aos Estados Unidos en 1957 cunha bolsa Fulbright para traballar no Woods Oceanographic Institute (Massachusetts), onde colaborou cunha destacada oceanógrafa, Mary Sears (1905-1997). Quizais dalgún xeito foi un exemplo para ela, axudou tamén a súa nai a outras mulleres de ciencia?
Mary Sears era unha muller moi interesante, sempre se dedicou por completo á ciencia, foi unha verdadeira pioneira no seu tempo, mesmo desde a parte práctica, facía mergullo para recoller mostras e outras moitas cousas que hoxe consideramos correntes pero que daquela non o eran [para as mulleres]. A miña nai aprendeu con Mary Sears as técnicas de identificación dos organismos cos que traballaba, por iso foi estudar a Massachusetts. Despois ela mesma tamén axudou a outras mulleres ás que lles supervisou a tese: unha bióloga de Venezuela, varias mexicanas..., e a homes tamén.

Marchar aos Estados Unidos supuxo un salto cualitativo na carreira, pero xa traballara no estranxeiro, no Reino Unido (1953-1954). Como recordaba o contraste que debeu de supoñer volver ao laboratorio vigués do Instituto Español de Ocenaografía coa experiencia británica e estadounidense?
España estaba pasando momentos moi especiais, non había medios para investigar. Cando chegou a La Jolla, tiña mostras de todos os mares da Terra, desde a Antártida ao Polo Norte. Alí contou cunha capacidade de investigación enorme que en España non era posible, aquí os postos que existían para o seu perfil eran os de inspección de pesca.

En calquera caso, tanto en España como en Reino Unido xa foi unha pioneira, dise que foi a primeira muller a bordo dun buque oceanográfico británico.
Si, foi a primeira en moitas cousas. Cando foi traballar a Vigo, tiña que saír cos barcos do goberno para controlar que os mariñeiros cumprían as vedas, pero a unha muller non lle facían caso. "Unha muller, que sabe!", dicían. Ela entendeu que precisaba que lle recoñecesen un estatus para que lle fixesen caso, e conseguino! Déronlle o de "asimilado capitán de la Armada española". A min encantábame! Dicíalle: "Ah! Es capitán da Armada! Tes un posto máis alto que o meu pai (o mariño Eugenio Leira)!", e saudábaa. Era unha muller afouta, en Ferrol foi a primeira que puxo pantalóns. Lembro que cando iamos polas camiñando polas aldeas desde Ferrol a Doniños a xente insultábaa por levar pantalóns. Si, foi pioneira en moitas cousas, ela sentía que era igual a calquera outro ser humano e que se tiña interese en facer algo íao facer.

Como viviría Ángeles Alvariño o momento actual de reivindicación dos dereitos das mulleres. En Estados Unidos cobraron forza movementos como o Time's up (O tempo acabouse) e en España o pasado 8 de marzo saíron á rúa millóns de mulleres reclamando a fin de calquera tipo de discriminación por motivos de xénero.
Ela diría que xa era hora! E tamén o digo eu. Realiceime profesionalmente nos anos 60 e 70 e tamén tiven que loitar, porque exercía nun campo, o da arquitectura e o urbanismo, maioritariamente de homes. Agora vexo isto e digo: "benvidas, benvidas á loita".

Como é ser filla de Ángeles Alvariño? Que aprendeu dela?
É un orgullo ser a súa filla, dela aprendín todo. A estar segura de min mesma, a loitar. Do meu pai aprendín a observar, a buscar a ocasión de actuar. Ela sempre actuaba, meu pai buscaba a ocasión, así que aprendín dos dous.

Antes vostede fixo mención á formación que Ángeles Alvariño recibiu en España. Empezara a estudar en 1934 bioloxía en Madrid, onde viviu na Residencia de Señoritas ata que comezou a guerra civil. Transmitiulle lembranzas daquela época?
Si, moitísimas. É máis, cando fomos vivir a Madrid (en 1948, para ela traballar no Instituto Español de Oceanografía), insistiu en que eu non ía ir a unha escola relixiosa, que eran practicamente as únicas que había daquela en España, senón a unha que crearan os intelectuais que quedaron en España, o colexio Estudio, no mesmo edificio que ocupara a Residencia de Señoritas, na rúa Miguel Anxo, 8. Para ela aquela etapa na Residencia de Señoritas foi moi importante porque confluíron varias cousas: tiña 18-19 anos, a idade da entrada na universidade e o momento en que unha persoa cambia, e tamén eran os tempos da República, cando todo se estaba a abrir e os intelectuais estaban en alza. O equivalente para min foi ir á Universidade de California en San Francisco. Saía de San Diego, que é un lugar moi bonito e cun clima estupendo pero pechado, e cheguei a un lugar sumamente urbano onde me relacionaba con intelectuais e arquitectos famosos. Abríuseme a mente! Si, ese período de principios da década dos anos 30 foi moi importante para ela, e eu enténdoo perfectamente, porque transcorreron para ela nunha idade que é crítica.

Pero a Madrid chegou a estudar Ciencias Naturais como segunda opción, pola oposición do seu pai, que era médico, a que cursase Medicina. Por que motivo?
O seu pai dixo que era unha profesión moi cruel na que tes que ver e deixar a xente morrer. El non quería que a súa filla coñecese ese sufrimento e negouse a que estudase Medicina. Daquela elixiu Ciencias Naturais por seren o campo que máis se lle parecía á medicina. Debeu ser médica, porque era fantástica a habilidade que tiña de analizar as cousas. En calquera caso, sentiuse realizada, atopou un eido moi parecido no tocante ao labor de análise e estudo e enfocándose no mar, que tamén lle gustaba moito.

Vostede decidiu que o Arquivo Municipal da Coruña custodie o arquivo persoal da súa nai, un fondo documental imprescindible para profundar na súa vida e na súa carreira como oceanógrafa.
Quixen que estiveran accesibles nun mesmo centro moitos dos seus traballos, que tamén se atopan en bibliotecas, e ademais información sobre a súa vida, porque unha persoa non é só o seu traballo científico, é moito máis, a súa contorna tamén é moi importante. Penso que estes fondos brindan unha ocasión estupenda para reflexionar sobre unha muller da potencia internacional que foi Ángeles Alvariño.