Están o mundo da ciencia e o das emocións condenados a unha relación imposible? Malia o que poida parecer, cando de discurso se trata a resposta é negativa. Esta é a tese na que leva anos traballando o lingüística e teórico da argumentación Christian Plantin, profesor emérito da Universidade Lyon 2 e antigo director de investigación do Centre Nacional de la Recherche Scientifique (CNRS) galo. E deféndea, como non, con argumentos científicos acompañados de doses de emoción que fluén tanto a través das palabras que tanto ten estudado e a súa entoación como da linguaxe xestual. E tamén con exemplos que ilustran con claridade a importancia desta relación, sobre todo cando se trata de vencer as reticencias sociais a aceptaren certas probas científicas.
O investigador, autor de Les bonnes raisons des émotions (As boas razóns das emocións), participou o pasado 22 de xuño na xornada do Consello da Cultura Galega As ciencias ensinan a pensar: razoamento científico e pensamento crítico, coordinadas pola catedrática de Didáctica das Ciencias e membro da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade Marilar Aleixandre. Aproveitamos a ocasión para conversar con el nesta entrevista, só uns días antes de que máis dun cento de premios Nobel lle pedisen a Greenpeace que cese na súa oposición aos transxénicos nunha carta que ben podería sumarse á lista de exemplos de como comunicar a ciencia á sociedade é un exercicio que xunta razón e emoción.
Vostede e un pioneiro no estudo das interaccións entre as emocións e a razón no discurso argumentativo. Tendemos a pensar que nun bo discurso argumentativo non hai cabida para as emocións. É iso certo?
Efectivamente hai unha visión estendida de que o discurso da razón, que sería o discurso argumentativo válido, e o discurso emocional se opoñen, de tal xeito que a emoción sempre interviría como unha perturbación nun razoamento científico. En xeral, está moi asentada a idea de que as emocións perturban os intercambios racionais. E para min ese é un punto de partida, pero non a fin. A miña estratexia de investigación intenta refutala.
Como?
Hai varias liñas de ataque. Ningunha delas é totalmente concluínte pero indican unha dirección. Unha refírese á alexitimia, un transtorno psicolóxico que impide identificar as emocións propias e, polo tanto, expresalas verbalmente. Se o discurso alexitímico se considera unha perturbación do discurso normal, paréceme moi difícil poñer como exemplo dun bo discurso argumentativo aquel que exclúe as emocións. É tan sinxelo como iso. Existe tamén un tipo diferente de transtorno do discurso, resultado dun accidente, que leva igualmente a un discurso que exclúe as emocións: o discurso do traumatizado, que tampouco se pode tomar como ideal.
Para reforzar a súa tese vostede tamén se refire ao estudo duns colegas franceses que traballaron con alumnado de sete ano con dificultades de expresión lingüística e matemáticas.
Si. O que fixeron foi amosarlles aos rapaces unha tira de banda deseñada na que a emoción xoga un papel totalmente esencial. Decatáronse de que os alumnos con estes problemas non son capaces de interpretar os signos da emoción, unha cara de horror, de medo, e esa incapacidade de identificar a emoción condúceos a non entenderen nada do que ocorre na tira. Non son capaces de establecer a relación entre o estado emocional e a situación que é fonte desa emoción, a boa razón da emoción, e iso lévaos a producir relatos que son un mero conglomerado de descricións parciais de cousas que non teñen sentido, sen coherencia narrativa.
Pero no caso dun discurso científico ou de divulgación científica, que plus poden engadir as emocións?
Esa é unha pregunta un chisco difícil. Traballo en lingüística e interésanme especialmente as manifestacións ordinarias de emoción, tal como se expresan nas palabras, na conversa, na linguaxe corporal, na que todo o corpo se volve significante. Cando nos centramos en intercambios discursivos ordinarios estamos fronte ao gran poder da linguaxe natural, que está marcada pola subxectividade. Cando un cambia e se pasa ás ciencias, hai que distinguir varias situacións. Unha delas é a referida á súa aprendizaxe ao longo de todo o sistema educativo. Neste caso, o profesorado e o alumnado falan a mesma lingua natural, na que se integra o falante como suxeito de emoción. Non quero dicir nin emocionante nin emocionado, porque son tipos específicos, pero prodúcese un posicionamento que ten algo que ver coa emoción. A tese máis xeral que eu defendo é a propósito da inseparabilidade da razón e da emoción (...). A linguaxe natural eu véxoa un pouco coma o pai, ou a nai, das linguaxes especializadas, por exemplo da científica, cando menos ao nivel da aprendizaxe. Evidentemente, despois estas linguaxes especializadas funcionan nalgún momento de forma totalmente autómata e non son de expresión da emoción, porque non teñen a súa orixe nunha situación de interacción, no "nós, aquí, agora". Iso vese moi claro na linguaxe matemática, que segue as súas propias leis.
Outra cousa é cando se trata de comunicar a ciencia á sociedade. Nese caso, non ten que volver a ciencia á linguaxe natural, ás emocións, para transmitir a súa mensaxe con éxito?
Por suposto. É interesante ver como a argumentación no emocional reaparece coas polémicas científicas. Daquela os científicos deben empregar unha linguaxe común e reaparecen declaracións de emoción e de atribución de emoción moi fortes. Isto dáse con moita forza, por exemplo, nas discusións nas que se nega a teoría da evolución. Outro caso que ilustra ben isto e que me gusta empregar é o dun café científico na cidade brasileira de Belo Horizonte no que un experto en saúde pública pretendía concienciar a xente sobre como protexerse fronte ao dengue. Desde o público, unha muller replicoulle que o que quería era arruinala facéndoa mercar certas cousas cando se podía protexer coas súas infusións. É un exemplo de confrontación moi dura, e require que o científico acepte deixar a súa linguaxe especializada, e cando o fai vólvese unha persoa ordinaria. Hai que afrontar tamén ese tipo de situación.
É un exemplo especialmente duro polas consecuencias que pode chegar a ter o dengue, pero en calquera sociedade hai centos de crenzas incompatibles co coñecemento científico asentado.
Así é. Nunha ocasión acudín a un café científico en Chambéry (Francia) con astrónomos. Foi fantástico, xuntou nun gran bar unhas 150 persoas. É importante levar este tipo de encontros fóra da universidade, porque os cafés son lugares como o mundo. Todas as persoas teñen dereito ao seu sitio, á súa palabra, á discusión. Pois ben, a medida que avanzaba a noite, entre o público expresáronse crenzas bastante raras. E que pode, que debe dicir un especialista ante á xente normal que se resiste a aceptar a proba científica? Para min estas situacións representan un dos maiores desafíos do contacto entre ciencia e sociedade, e nelas as emocións xogan un papel esencial. Teño verdadeira admiración polos investigadores que intentan explicar ben o que fan e os seus resultados. Actúan como cidadáns responsables informando a sociedade dos impactos que a ciencia ten sobre ela.
Como en tantas cousas, o éxito dependerá de sermos capaces de xerar empatía, non? E ás veces os discursos desde o escepticismo científico semella que provocan a emoción contraria nas persoas que teñen fe nas pseudociencias.
A empatía é a base, porque do que se trata é de conseguir reconstruír o discurso desas persoas que, por exemplo, cren cousas que lle afectan á súa saúde. Pero que pasa cando se toca coa proba científica algo que define súa identidade? Eu non teño a solución, pero penso que é moi importante levar a ciencia a lugares comúns como os cafés, explorar experiencias como as que mencionei. Espazos como a universidade ou o Consello da Cultura Galega son lugares "da verdade", nos que sistematicamente hai unha preferencia polos científicos. En contextos como estes, son os opoñentes os "pseudocientíficos", os que soportan a carga da proba, mentres que nun bar esta recae sobre os especialistas, que teñen que recorrer á linguaxe ordinaria para probar o que queren dicir.
Vostede fala das boas razóns das emocións, pero vivimos nun tempo de discursos con demasiadas emocións e poucas razóns. Vémolo cada vez máis nos medios de comunicación, nas campañas electorais... É o equilibrio cada vez máis complicado?
Moitas emocións están vinculadas a unha representación do mundo. Que podemos facer ante aquelas que nos parezan erradas ou falsas? Por improvisar unha estratexia, eu diría que hai que rectificar a representación subxacente. Vou empregar outro exemplo. Pensemos na afirmación "odio os inmigrantes porque son todos uns criminais". A quen diga iso de nada lle vale que lle repliques "non debes odiar", o que hai que intentar facer é rectificar a representación dos inmigrantes que soporta esa afirmación, ir á descrición, non enfrontar emoción contra emoción. Paréceme unha estratexia posible. Outra cuestión fundamental é aprender o control das emocións, penso que é unha tarefa pendente da educación.
E pode axudar a linguaxe no control das emocións asignándolle palabras?
Si, é unha dimensión moi importante, como comentei no caso dos rapaces que tiñan que resumir unha tira de banda deseñada. Ao meu xuízo, o teatro pode ser tamén un bo instrumento para a educación das emocións, tanto para desenvolver a capacidade de expresalas como de comprendelas.

"A razón e a emoción son inseparables"

"A lingua natural eu véxoa un pouco coma o pai ou a nai das linguaxes especializadas, por exemplo da científica, cando menos a nivel de aprendizaxe"

"Penso que é moi importante levar a ciencia a lugares comúns como os cafés, onde os especialistas teñen que recorrer á linguaxe ordinaria para probar o que queren dicir"
É un exemplo especialmente duro polas consecuencias que pode chegar a ter o dengue, pero en calquera sociedade hai centos de crenzas incompatibles co coñecemento científico asentado.
Así é. Nunha ocasión acudín a un café científico en Chambéry (Francia) con astrónomos. Foi fantástico, xuntou nun gran bar unhas 150 persoas. É importante levar este tipo de encontros fóra da universidade, porque os cafés son lugares como o mundo. Todas as persoas teñen dereito ao seu sitio, á súa palabra, á discusión. Pois ben, a medida que avanzaba a noite, entre o público expresáronse crenzas bastante raras. E que pode, que debe dicir un especialista ante á xente normal que se resiste a aceptar a proba científica? Para min estas situacións representan un dos maiores desafíos do contacto entre ciencia e sociedade, e nelas as emocións xogan un papel esencial. Teño verdadeira admiración polos investigadores que intentan explicar ben o que fan e os seus resultados. Actúan como cidadáns responsables informando a sociedade dos impactos que a ciencia ten sobre ela.
Como en tantas cousas, o éxito dependerá de sermos capaces de xerar empatía, non? E ás veces os discursos desde o escepticismo científico semella que provocan a emoción contraria nas persoas que teñen fe nas pseudociencias.
A empatía é a base, porque do que se trata é de conseguir reconstruír o discurso desas persoas que, por exemplo, cren cousas que lle afectan á súa saúde. Pero que pasa cando se toca coa proba científica algo que define súa identidade? Eu non teño a solución, pero penso que é moi importante levar a ciencia a lugares comúns como os cafés, explorar experiencias como as que mencionei. Espazos como a universidade ou o Consello da Cultura Galega son lugares "da verdade", nos que sistematicamente hai unha preferencia polos científicos. En contextos como estes, son os opoñentes os "pseudocientíficos", os que soportan a carga da proba, mentres que nun bar esta recae sobre os especialistas, que teñen que recorrer á linguaxe ordinaria para probar o que queren dicir.
"Hai que desenvolver unha educación para o control, a expresión e a comprensión das emocións"