"O cambio climático pode afectar a toda a produción mariña"

Elena Ojea estudará desde Vigo, cunha das axudas da UE máis cobizadas, como adaptar a economía pesqueira a un desafío global

Elena Ojea estudará desde Vigo, cunha das axudas da UE máis cobizadas, como adaptar a economía pesqueira a un desafío global
Elena Ojea. Foto: Sara Ojea
As Starting Grant son as axuda europeas máis cobizadas polas novas xeracións no mundo da ciencia. Creadas en 2007, concibíronse para facilitar que os científicos e científicas máis prometedores se independicen e creen os seus propios grupos de investigación. Elena Ojea (Nigrán, 1981), licenciada en Ciencias Ambientais e doutora en Económicas, regresará a Galicia no verán para emprender este reto cunha destas bolsas, dotada con 1,2 millóns de euros. E faino cun proxecto que aborda un dos maiores desafíos globais das vindeiras décadas, a adaptación ao cambio climático, desde unha perspectiva moi ligada a Galicia: a explotación económica do medio mariño. A pesca artesanal galega é un dos casos de estudo nos que profundará.

Tras varios anos no Basque Centre for Climate Change e estadías na Universidade de California ou a Fondazione Eni Enrico Mattei de Venecia, Ojea decidiu iniciar unha nova etapa coa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) que acaba de conseguir fichando pola Universidade de Vigo, unha aposta coa que, unha vez se concreten os detalles do programa Oportunius da Xunta, podería converterse ademais na segunda persoa en adherirse a el. Polo momento desde Bilbao, resume para Setestrelo que se sabe sobre os efectos do cambio climático no medio mariño, os retos deste complexo eido de investigación e as claves do proxecto no que traballará nos vindeiros cinco anos.

O seu proxecto céntrase na adaptación do medio mariño ao cambio climático. Semella xa irremediable frealo?
Por suposto. A adaptación é necesaria para afrontar os impactos que xa están tendo lugar, que veñen das emisións de gases de efecto invernadoiro que xa emitimos, e para prepararse para os impactos que teremos nas vindeiras décadas. Se freamos as emisións agora, iso terá un efecto positivo pero que se verá dentro dunhas décadas. Por iso temos que actuar nas dúas frontes: adaptación e mitigación.

Tardou máis en estudarse o impacto deste fenómeno no mar ca en terra?
No propio informe do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático a información referida á adaptación no medio mariño é escasa comparado co que sabemos para outros ecosistemas. Porén, hai cada vez máis investigación e xa sabemos máis sobre os impactos do cambio climático nos océanos e as implicación que pode ter para as especies de pesca, por exemplo.

Está xa a influír o cambio climático na pesca de captura e na acuicultura?
Hai estudos que amosan cambios que xa se veñen producindo. Cando se analizan series temporais, por exemplo de capturas de pesca, obsérvase unha variación nas especies: aumenta a presenza de especies de climas máis cálidos no norte. Aínda queda moito que estudar. A acuicultura tamén se ve afectada, por exemplo pola acidificación nos océanos ou por eventos extremos e inundacións.


"Hai estudos a futuro que amosan unha redistribución de especies. Ao perderen o hábitat, moitas delas poderán desaparecer"


Afectará daquela moito o cambio climático á distribución e produtividade das distintas zonas mariñas? Traerá outro tipo de peixes ás nosas costas o quentamento da auga?
Pénsase que vai influír significativamente. De feito, xa hai estudos con modelos a futuro que amosan cambios na produtividade primaria dos océanos ou unha redistribución de especies, e as que non teñan un hábitat adecuado ao que migraren poderán perderse.

Pode modificar tamén a produción de mariscos, de bivalvos cultivados, como o mexillón e as ameixas, ou mesmo das algas?
Pode afectar a todo o medio mariño. Tanto cambios graduais, como o aumento da temperatura ou a acidificación, como episodios de eventos extremos, como inundacións de auga doce, van afectar a produción mariña con impactos tamén económicos e sociais en moitos casos.

É máis complexo concretar que acontecerá no medio mariño?
No medio mariño é necesario o monitoreo e o estudo continuado para entendermos como reaccionan as especies e os ecosistemas aos impactos. Do mesmo xeito, é necesario entender como están vencellados estes sistemas mariños ao sistema social e económico.

"A nivel internacional será importante revisar os acordos entre países. Ao local fálase da diversificación de medios de vida, ou da xestión comunitaria da pesca"


En terra xa hai compañías que se están a anticipar ás consecuencias do cambio climático, comprando, por exemplo, terras para cultivar viñas no sur de Inglaterra. Que se podería facer no mar?
As estratexias de adaptación poden ser diferentes pero falta entender a súa eficacia e os seus impactos. As medidas de adaptación van sempre asociadas a unha xestión sustentable dos recursos, e temos que entender cal é a mellor forma de aplicalas dado o contexto. A nivel internacional será importante revisar os acordos entre países, mentres que a nivel máis local se fala da diversificación de medios de vida da poboación dependente, da conservación, da xestión coordinada, etc. Interésame explorar que medidas de adaptación se poden aplicar e como é mellor facelo para garantirmos a equidade social, a conservación dos ecosistemas e os fluxos de servizos que podemos obter.

Pode chegar a afectar o quentamento global ao cumprimento das recomendacións de consumo de proteína de orixe mariña?
Hai cada vez máis expertos facendo análises sobre a oferta futura de proteínas e o cambio climático. É un feito que o cambio climático é un condicionante para garantir esta oferta de alimentación para a poboación mundial. Os océanos xogan un importante papel na alimentación mundial e por suposto que os impactos do cambio climático no mar, xunto ao aumento da poboación, van comprometer esta oferta. A adaptación sempre ten unha dimensión humana, pois somos nós quen queremos adaptármonos ao cambio climático. Por iso, e sabendo que é necesario conservar os ecosistemas para seguir alimentándonos no futuro, as medidas que se desenvolvan sempre terán en conta este problema.

"Os océanos xogan un importante papel na alimentación mundial. Os impactos do cambio climático no mar, xunto ao aumento da poboación, van comprometer esta oferta"


Hai algún país que xa se estea a anticipar neste sentido con medidas novidosas de xestión pesqueira? É urxente actuar no redeseño da política pesqueira e acuícola desde a perspectiva do quentamento global?
Precisamente nesta pregunta é onde se centrará o meu traballo de investigación. Dende a Unión Europea hai vontade de avanzar neste tema e é unha responsabilidade incluír o cambio climático en todas as vertentes na planificación pesqueira. Cada vez temos máis información de como se pode facer pero necesítase avanzar moito máis.

O cambio climático influirá na explotación pesqueira. Inflúe esta tamén no cambio climático?
Por suposto. Inflúe de varias maneiras. Por unha banda, o esforzo pesqueiro contribúe á emisión de gases de efecto invernadoiro, sendo parte da causa xunto a outras industrias. Por outra, a pesca descontrolada pode poñer os recursos pesqueiros nun estado de sobreexplotación no que son moito máis vulnerables aos impactos do cambio climático. Un stock de peixe sobreexplotado terá menos probabilidade de resistir certos impactos do cambio climático, e polo tanto podemos estar facendo máis vulnerable o mar, e por ende a nós.

O seu proxecto pretende adaptarse ao caso galego. Como se pode afinar tanto unha análise cando se fala dun medio como o mariño e dun fenómeno tan global como o cambio climático?
Un dos casos de estudo que propoño é a pesca artesanal galega. Existen expertos científicos que teñen estudado ou modelizado impactos a pequena escala, como no caso galego, e aínda que hai que ter en conta a incerteza nas proxeccións, eu pretendo basearme nestes impactos para avaliar diferentes opcións de adaptación.

Formouse como ambientalista e doutorouse como economista. Como se define hoxe profesionalmente?
Formeime en Ciencias Ambientais na Universidade de Salamanca e fixen o doutoramento en Economía na Universidade de Santiago, con María Loureiro. Teño un perfil bastante multidisciplinar e interésame a investigación que se fai no nexo da ecoloxía, das ciencias sociais e do cambio climático.

Non é frecuente este tipo de perfís con formación fonda en dúas disciplinas. Que lle atraeu de cada unha?
Das ciencias ambientais motivoume sobre todo a natureza dos problemas ambientais e a súa complexidade, que require dar respostas integrais que abranguen diferentes disciplinas. O caso do cambio climático é un exemplo moi claro desta transversalidade e complexidade. Pouco a pouco deime conta do importante que son a economía e as ciencias sociais para entender os problemas e para propoñer respostas, polo que seguín tirando por aí facendo o doutoramento.

Que lle animou a regresar a Galicia despois de varios anos nun centro punteiro do País Vasco? Que agarda atopar na Universidade de Vigo?
O que máis me motiva de Galicia é poder traballar no meu contorno e no ámbito da investigación mariña, que sempre me interesou moito. Gustaríame integrarme na comunidade científica galega e aprender do que se está a facer nestes temas. Estou moi contenta de ter a oportunidade de facelo, grazas ao ERC e á Universidade de Vigo, e son moi positiva de cara aos vindeiros anos.

"Preocúpanme moito algunhas ideas aínda moi presentes na nosa sociedade sobre as capacidades da muller na ciencia"

É a primeira galega que acada unha Starting Grant. Por que cre que son menos as mulleres que concorren e conseguen este tipo de axudas, que se conceden a persoas de xeracións nas que as mulleres xa eramos maioría nas aulas universitarias?
Desgraciadamente, hai unha realidade tamén na ciencia na que a muller está menos presente e ten menos visibilidade. Hai moitas razóns, penso que aínda levamos a resaca da historia, pero preocúpanme moito algunhas ideas aínda moi presentes na nosa sociedade sobre as capacidades da muller en ciencia.

Que se pode facer, ao seu xuízo, para mudar esta situación?
Penso que para mellorar a situación é importante dar visibilidade ás científicas, mellorar a comunicación da ciencia á muller e á sociedade, e pouco a pouco tornar esta percepción tan nesgada que aínda arrastramos doutras épocas.