«A transición cara a unha economía verde ten que ser xusta para quen traballa»

Nora Rätzhel, experta nas relacións entre traballo e natureza

Nora Rätzhel, experta nas relacións entre traballo e natureza
As relacións entre o traballo e a natureza son o campo de estudo de Nora Rätzhel, catedrática de Socioloxía na Universidade de Umea (Suecia). A investigadora achegou esta perspectiva na última xornada Bo uso e mal uso do mar, organizada pola Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e o Campus do Mar. Desde este punto de vista fala tamén nesta entrevista, na que salienta a necesidade dunha transición xusta para as traballadoras e os traballadores cara a unha economía ambientalmente sostible.

Vostede lembra que tres cuartas partes das emisións que contribúen ao cambio climático proceden da produción de enerxía, da manufactura, do transporte e da construción. En definitiva, actividades vinculadas á economía. É posible facer compatibles o emprego e a preservación do medio natural?

Ben, ten que ser posible, porque se non imos destruír o planeta. O que sucede é que un dos problemas cando, por exemplo, se quere pechar unha planta industrial por cuestións ambientais é que non existen plans que inclúan os dereitos do traballadores, que contemplen o que os sindicatos chaman unha transición xusta. Precísase unha transición cara a unha forma de produción que sexa compatible co planeta, coa loita contra o cambio climático, e esta transición debe ir acompañada deses plans alternativos para que os traballadores e traballoras poidan empregarse noutros sitios. Hai moreas de investigacións que amosan que nunha economía verde hai moito máis traballo ca na economía que temos agora mesmo, pero non están sendo tomadas en serio nin polos gobernos nin polas grandes compañías e as persoas que as dirixen.

A idea estendida é que as empresas tenden a subir ao carro no que hai negocio. Daquela, por que non apostan por unha economía máis respectuosa co medio natural se tamén pode ser rendible en parámetros económicos?
No sistema neoliberal en que vivimos a economía está dominada pola financialización, o que quere dicir que os beneficios máis rápidos e maiores se obteñen na especulación das finanzas, na bolsa. O que importa agora é obter iso, beneficios rápidos e moi grandes. Se obtemos uns beneficios elevados pero menores cós do ano pasado, as accións baixan e non hai cartos para investir. Este sistema impide investir en novas economías nas que os beneficios serían máis lentos e quizais tamén menos avultados no momento. Un exemplo disto é a venda por parte de Shell do seu negocio solar. A propia compañía dixo que o vendeu porque non xeraba beneficios suficientemente grandes.

"Ante o cambio climático hai que pensar ao mesmo tempo en cambiar o xeito de producir e de consumir"


E non semellan os tempos que corren, nun contexto de crise económica, os mellores para que facer mudar os discursos e as accións dos gobernos e das empresas.
Pero xustamente porque hai crise, se se tomasen en serio as estimacións sobre os postos de traballo que xeraría unha economía verde, estariamos a tempo para cambiar non só o discurso senón a forma de producir e de empregar a enerxía.

En calquera caso, a economía verde da que vostede fala requeriría tamén o cambio de hábitos da cidadanía como consumidores, non? Que din os estudos sobre isto?
Claro, require que gastemos dun xeito máis responsable, que empreguemos menos o coche, que consumamos menos enerxía. Sobre isto hai máis ou menos dúas posicións básicas. Unha é a que sostén que con outras tecnoloxías podemos salvarnos, facendo uso de diferentes formas de enerxías renovables, como a solar, a eólica ou a xeotérmica, e coa implantación do coche eléctrico. Pero o problema é que se seguimos a gastar nos países do norte ao mesmo ritmo, o planeta non é suficiente. Cantas plantas solares teriamos que instalar? Hai que pensar ao mesmo tempo en cambiar o xeito de producir, de empregar a enerxía e as formas de consumir. O movemento coñecido como decrecemento está traballando niso: se consumimos menos tamén precisamos menos enerxía e podemos traballar menos horas.

Vostede traballa en Suecia, nun contorno, os países nórdicos, que se considera unha referencia en moitos avances. Calla alí este discurso?
En Suecia hai conciencia de que un ten que gastar menos enerxía ou separar o lixo para a reciclaxe. Pero se miramos os sindicatos, cos que eu teño traballado moito, son menos conscientes do problema do crecemento, de que non abonda con cambiar a tecnoloxía para combater o problema. Os sindicatos españois foron os primeiros, no ano 1992, en traballar contra o cambio climático.

"A industrialización fixo que percibamos o medio como algo alleo, só coma unha paisaxe, sen conciencia de que todo o que estamos empregando é natureza transformada"


Ten dito que dalgún xeito a preservación do medio se percibe coma un luxo e como algo alleo ao traballo. Ten que ver con como cambiou a nosa relación coa natureza ao longo do proceso de industrialización?
Exactamente, ten que ver co proceso de industrialización, que nos fai colocarnos nunha posición cada vez máis allea á natureza. Percibímola coma unha paisaxe, pero sen conciencia de que todo o que estamos empregando é natureza transformada. Considero moi necesario reconstruír todo ese coñecemento arredor de onde veñen as cousas que utilizamos.

Como valora a última conferencia mundial sobre o cambio climático celebrada en París?
Parece que os acordos son fantásticos, fálase de que a temperatura media do planeta non suba por riba dos dous graos. Pero se miramos o que os países prometen que van facer e o que despois fan, vemos que esas promesas non son suficientes. Para acadar os retos fixados habería que pasar á acción.