Vista desde o buque de investigación 'Lance' nunha misión para observar os efectos do cambio climático. UN Photo: Rick Bajornas
Que o noso planeta está a experimentar un drástico cambio ambiental ao longo das últimas décadas é unha evidencia. Dende hai case dous séculos, a especie humana aumenta a súa presenza na terra a unha velocidade que se axusta a un modelo de crecemento exponencial, semellante ao que caracteriza a todas as especies que conforman pragas. Esta explosión demográfica e, sobre todo, unha crecente capacidade tecnolóxica, derivou nunha voracidade sen precedentes no consumo de recursos por unha parte moi pequena da humanidade. En consecuencia, o noso planeta non só se enfronta ao fenómeno do cambio climático, senón que este é apenas un dos síntomas dun proceso de dimensión global e intensidade extraordinaria que, analizado desde unha perspectiva ecolóxica, ten a capacidade de perturbar os fluxos de enerxía entre os diferentes compartimentos da biosfera e mesmo é responsable do establecemento de novas vías de transmisión desta enerxía inéditas na historia do planeta. Así, procesos como a extinción acelerada de especies, a transformación masiva dos usos do solo, a acidificación dos océanos, a alteración a escala planetaria da circulación do nitróxeno, ademais do xa mencionado cambio climático, son a consecuencia da actividade dunha soa especie, Homo sapiens.
Lean de novo, se fan o favor, a primeira frase deste prólogo: “Manter o incremento medio da temperatura da atmosfera terrestre por baixo de 2ºC…”, léana porque paga a pena reflectir por un momento sobre a súa esencia. O que está implícito na frase é que un grupo numeroso e influente de persoas, reunidas nunha das máis fermosas cidades construídas pola especie humana, acordan adoptar as medidas precisas para modificar a composición química da atmosfera terrestre coa finalidade de evitar riscos para o futuro das nosas sociedades. Por primeira vez, nos aproximadamente 3.800 millóns de anos de historia da vida no planeta, unha única especie ten a capacidade de transformar a composición e, en consecuencia, os balances de enerxía do conxunto da atmosfera do planeta. Esta é a esencia do problema que ten levado algúns autores a defender a existencia dunha nova era xeolóxica: o antropoceno, a era do impacto masivo e global do Homo sapiens sobre o planeta terra.
O antropoceno é o produto da sociedade industrial capitalista. Un modelo de sociedade que depende e ten a súa razón de ser no uso masivo de enerxía e na transformación intensiva do territorio a cambio de substanciosas recompensas en termos de comodidade e benestar para unha reducida fracción da poboación humana. Confiar na efectividade do Acordo de París, baseado, non o esquezamos, no compromiso voluntario dos diferentes estados, pode constituír un saudable placebo que nos permita vivir cunha aparente tranquilidade de conciencia nas próximas décadas, pero a súa efectividade é, sen dúbida, cuestionable. De certo, a inacción ante este escenario de cambio global é irresponsable. Pero unicamente podemos imaxinar un futuro esperanzador para a humanidade, tras a substitución do modelo económico e social causante do problema.
Emilio Fernández Suárez: catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus do Mar
María M. Álvarez Lires: profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo e membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega



