Cerimonia de clausura da COP2015. UN Photo / Mark Garten
"As dúbidas sobre a posibilidade dun mundo sen emisións netas desde 2050 son considerables"
Nese contexto, o Acordo de París basease nas denominadas contribucións voluntarias dos países, que deben permitir o cumprimento do obxectivo de suba da temperatura media en 2ºC a finais de século con respecto aos niveis preindustriais. Fálase incluso dun obxectivo aspiracional máis baixo, 1.5ºC, que se encontra probablemente xa fóra do noso alcance (na actualidade a temperatura media xa subiu un grao, co que a marxe é xa moi baixa). O acordo introduce ademais o obxectivo de conseguir a neutralidade de emisións na segunda metade do século, que, asumindo a práctica descarbonización das economías avanzadas nese momento, debería levar a captación dos remanentes de emisións que han de esperarse aínda do mundo en desenvolvemento durante eses anos.
É bastante evidente que o Acordo de París é bastante ambicioso ambientalmente, aínda que vago en ocasións, pero as dúbidas sobre a posibilidade dun mundo sen emisións netas desde 2050 son considerables dado o estado actual e perspectivas das tecnoloxías de captura. Como positivo é tamén a incorporación de mecanismos correctores se as contribucións non permiten avanzar cara ao obxectivo fixado e, sobre todo, a creación dun sistema homoxéneo de verificación da mitigación entre os países asinantes.
Porén, as sombras son tamén abundantes. Comezando pola cerna do sistema, as contribucións nacionais, que non parecen o instrumento axeitado para resolver un problema global como o cambio climático. Abofé, segundo os primeiros cálculos das contribucións xa comunicadas o esquema está a levar a incrementos de temperatura moi por riba dos 2ºC, o que demostra as limitacións xa apuntadas. Un segundo problema ten que ver co tratamento imperfecto dos aspectos distributivos. Por unha banda asúmese que as contribucións nacionais permitirán axustar os compromisos dos países de acordo coas súas capacidades (mitigación en termos absolutos o respecto á evolución prevista) e por outra establecese o umbral mínimo de 100.000 millóns de US$ como cantidade anual para o fondo de mitigación e adaptación que deben alimentar os países desenvolvidos para facilitar a resposta do resto do mundo ante o cambio climático. No primeiro caso vese, de novo, vaguidade, e no segundo unhas cantidades económicas que semellan moi lonxe das necesarias.
"Introducir os prezos do carbono recolle os danos ambientais nos custos dos produtos e facilita o cambio de comportamento. A súa ausencia no acordo é unha mala noticia"
Por último, pero non menos importante, o Acordo de París non inclúe ningunha referencia aos prezos de carbono. Dada a magnitude do cambio requerido para afrontar o cambio climático é fundamental que se utilicen instrumentos que minimicen os custos de redución de emisións, para o que o uso de prezos (mercados de emisión ou impostos) son fundamentais. Asemade, os prezos permiten recoller os danos ambientais nos custos dos produtos, facilitando o cambio de comportamento, e son unha ferramenta fundamental para dirixir o investimento cara ás tecnoloxías baixas en carbono. Por todo iso, a ausencia dos prezos no Acordo de París é unha mala noticia.
En calquera caso, as sombras non deben esconder as luces e o feito de ter o Acordo de París acércanos máis á solución do problema con respecto á situación precedente. A miña esperanza fundamental ten que ver cos aspectos facilitadores do acordo para que os principais emisores (menos de dez países que representan dous terzos das emisións globais) poidan avanzar coordinadamente con contribucións nacionais que permitan alcanzar o obxectivo marcado porque a verificación e o establecemento de políticas equivalentes limitará os comportamentos estratéxicos e permitir o progreso no control do cambio climático.
A estas alturas é claro que o éxito ou efectividade do acordo dependerá da ambición das contribucións voluntarias pero, sobre todo, da implantación das políticas que permitan o seu cumprimento. A marxe de manobra vaise reducindo: o pico de emisións global debería producirse antes de 2030 e a descarbonización debería estar moi estendida vinte anos despois. As políticas necesarias para iso deberán ser moi extensas e intensas, algo moi lonxe do que estamos a ver na actualidade. Cómpre esperar uns anos para ver se entramos nunha nova traxectoria, grazas ao Acordo de París, ou fracasamos de novo. O tempo esgótase, pero aínda temos unha oportunidade: cómpre mudar comportamentos e hábitos, demandar os produtos axeitados das empresas, e presionar os políticos para que as contribucións nacionais necesarias para mantérmonos por baixo dos 2ºC se materialicen.




