O pioneiro dos contos

Un libro-disco e un espectáculo recuperan o traballo do célebre humorista Joselín

Fragmento do retrato de Joselín, por Pacheco.
Fragmento do retrato de Joselín, por Pacheco.
Foi un dos primeiros contacontos contemporáneos en galego. Un pioneiro en empregar a radio e os discos para divulgar a súa obra. Esquecido durante anos, a Central Folque recuperou agora a obra completa de Joselín, nun libro disco que recolle a súa apaixonante vida. Ademais, o proxecto inclúe tamén un espectáculo que recupera estes contos.

Un Farruco ou un Xestal dos anos 30. A figura de José Rodríguez de Vicente, máis coñecido como Joselín, revélase como a dun dos primeiros contacontos modernos do noso país. Historias na nosa lingua, a retratar tipos populares e situacións cotiás que acadaron no seu día unha importante popularidade e que agora voltan a vida. A Central Folque, en colaboración con Inquedanzas Sonoras, presenta un libro-disco recupera a memoria deste personaxe e recolle o conxunto dos contos que gravou en vida. A maiores, un espectáculo levará de novo estas historias a escena. Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e e mais José Luís Gutiérrez Guti repetirán os contos e integraranos coas súas propias historias. A obra complétase coa proxección de fotografías de época e coa reprodución dun dos contos na voz do propio Rodríguez de Vicente.

Irmandades e humor
A traxectoria de Joselín comezou moi vencellada ás Irmandades da Fala. De feito, Rodríguez de Vicente foi considerado a man dereita de Vicente Risco durante varios anos e pode ser que o ourensán intercedese para o situar na alcaldía de Baiona, un posto que ocupou durante varios anos. "Comezou a actuar nos anos vinte, e participaba en actuacións como as da coral De Ruada, nas comidas de galeguistas ou nos actos das Irmandades da Fala sobre todo polo sur de Galicia, tiña o apoio deste sector", explica Laura Tato, especialista na historia do noso teatro e autora do texto sobre a vida do autor que agora se publica. "Vai construíndo xa entón o personaxe que mantería sempre. Ía vestido como un gaiteiro en traxe de gala".

A aposta polo disco
Malia á súa orixinalidade, Joselín non era o único que contaba contos na época "Germán Prieto, por exemplo, era un médico amigo de Castelao que tamén o facía, e había máis". No entanto, a maior peculiaridade de Joselín era a súa decidida aposta polas gravacións, xa que malia a importancia que a escena tivo na súa vida profesional, a carreira de Joselín quedou fondamente vencellada á radio e aos rexistros sonoros. Segundo explica Ramón Pinheiro, investigador que recuperou o conxunto das gravacións, "entendemos que son as primeiras gravacións comerciais de teatro en galego". Segundo explica Laura Tato, "coa dictadura de Primo de Rivera ponteciouse moito a gravación de discos e a radiofusión. Como faría despois Franco con iniciativas como os teleclubs, desde o Goberno distribuíronse radios pola parroquias, aínda que é algo que está aínda por estudar". Resulta curioso que nunha época tan temperá funcionase un mercado de discos de humor en galego. Para alén da distribución limitada dos aparellos de reprodución, cómpre ter en conta que daquela cada volume só recollía dous contos, un por cara. No entanto, segundo asegura Tato, "vendíanse moito, e aparecían moito na radio, o que contribuíu enormemente á súa popularización, sobre todos nas emisións do exilio". Ata tal punto chegou a popularidade que o autor queixábase de que se facían edicións piratas dos discos.

As gravacións
A evolución da técnica favoreceu este salto xa que, segundo Pinheiro, "a partir de 1925, cos tocadiscos eléctricos, popularízase moito máis este soporte e mellora moitísimo o son. Os discos deixan de ser un xoguete que tiñan uns poucos burgueses e pasan a ser algo masivo, e entón as discográficas apostan por un público máis popular. Isto coincide ademais, a nivel internacional, co lanzamento da radio. No caso galego, atendíase especialmente ao público emigrante, as casas discográficas buscaban supervendas". No caso concreto de Joselín foi a casa Regal, subselo de Columbia, a que apostou por gravar un catálogo exclusivamente galego. Unha sesión no Teatro Principal de Ourense en xuño de 1929 marcou un fito na nosa música cos rexistros sonoros de formacións como De Ruada, os Gaiteiros de Soutelo, Faustino Santalices, Banda de Música Batallón Mérida de Ourense e, como non, Joselito, entre outros artistas. A aposta da casa funcionou moi ben, xa que segundo sinala Pinheiro "nas grellas das primeiras radios que funcionaban en Galicia, como en Compostela ou en Pontevedra, estas gravacións aparecen constantemente. En realidade era o único material que había de tema galego".

Os contos
En canto ás historias de Joselín, segundo sinala Tato, "como outros contacontos, herdaba da tradición historias e levábaas das lareiras e das feiras ás tertulias das cidades. Hai que pensar que a cultura galega mantívose practicamente ágrafa desde o século XVI, así que existía unha importantísima tradición oral". Segundo ela, Joselín "contaba chistes tradicionais que escoitaba na casa, nalgúns casos semellan moi antigos e noutros vai metendo algunhas actualizacións. Por exemplo, nun dos contos aparecen os veraneantes que ían por Baiona, noutros fálase da reacción dos labregos cando van á cidade ou do asombro cando chega o teléfono". En todo caso, trátase sempre de historias cun marcado ton humorístico. "Baséanse moito nas confusións, tamén se retrataba a picaresca habitual nas feiras", aínda que segundo explica a profesora, "non hai un ton reivindicativo" nos contos. "Era un humor que se podía radiar durante o franquismo". Segundo ela, o intérprete "empregaba recursos da literatura tradicional, como as apelacións continuas ao público, interrogacións retóricas, exclamacións ou , repeticións".

A obra
En total, a obra completa dos contos de Joselín non é moi estensa. Apenas 27 contos escritos, dos cales 23 foron gravados, e só tres publicados en versión impresa. Á primeira gravación do 29, seguiron outras nos anos 30 e 31, e nelas quedou rexistrado o conxunto dos contos do artista. "Nos anos 30 completou a súa obra, e a partir de aí repetiu o mesmo repertorio" explica Tato. De feito, en 1954 voltou gravar algunhas das súas historias para Columbia, dado que se estragaran algúns dos masters orixinais. "Polo que vimos", explica Pinheiro, "nestas gravacións retoca frases puntuais dalgúns contos para non deixar tan exposta a Guardia Civil ou o cura, pero segue igual". A actual publicación recolle por vez primeira o conxunto destes contos.

Alén do personaxe
Para alén da súa carreira como monologuista. Rodríguez de Vicente asinou tamén outros dous textos teatrais e mesmo montou algunha compañía coa que tentou, sen éxito, triunfar en Bos Aires a comezos dos anos 30. Cunha vida a cabalo entre Galicia e Arxentina, Joselín embarcouse nos anos 50 na produción cinematográfica da man de Suevia Films, a guionizar e elaborar unha serie de filmes documentais sobre o noso país, un xénero con grande éxito na comunidade de emigrados e exiliados. Durante a súa etapa como director de Turismo para o norte de España, nos anos 1928 e 29, elaborou un proxecto para reconversión en parador do castelo desta localidade, unha iniciativa que só se faría realidade corenta anos despois baixo o Franquismo. Como alcalde de Baiona, chegou a trabar amizade con Primo de Rivera, a quen levou a visitar a vila canda ao propio rei Alfonso XIII. Congraciado coa ditadura franquista, dirixiu programas de radio e revistas para comunidade española en Arxentina, e á súa morte foi condecorado coa Cruz de Isabel A Católica.

O esquecemento
Malia a popularidade que acompañou o personaxe ao longo da vida, logo da súa morte en 1958 as historias de Joselín acabaron no esquecemento, aínda que sobreviviron en moito o seu autor. "Ata que chegou O Xestal a mediados dos sesenta, Joselín era todo o que había. Seguían a soar na radio logo de corenta anos. A miña nai e as veciñas lembran escoitalo na radio en Vigo, o mesmo que Méndez Ferrín", lembra Pinheiro. Aínda houbo, da man do seu amigo Valentín Paz Andrade, tentativas de reivindicar a arte de Rodríguez de Vicente, e en 1976 reeditouse unha selección dos contos. Desde entón a figura caera no esquecemento. Cando menos ata o de agora. Os interesados en coñecer máis sobre o personaxe, terán ocasión na presentación do prexto, este venres 21 de marzo na Galería Sargadelos de Compostela, ou o vindeiro día 24 en Baiona.