Chichi Campos desde o outro mundo

Un libro, unha exposición e un documental reivindican a figura deste creador aos 31 anos da súa morte

Un libro, unha exposición e un documental reivindican a figura deste creador aos 31 anos da súa morte<br />
A súa vida e traxectoria resumen a década dos 80 en Galicia. A militancia política, o xornalismo, o audiovisual, o humor gráfico ou o activismo cultural atópanse na figura de Chichi Campos. Desde o seu falecemento en 1991, a figura deste incisivo creador foi quedando no esquecemento. Neste 2022, da man do seu fillo, un documental, unha exposición e un libro reivindican a súa importancia na cultura do país.

Ollar a Chichi Campos é contemplar outro mundo. A través do seu traballo albíscase un tempo no que os marcos que definen o aceptable para a cultura do país non estaban claros, e como resultado publicábanse e dicíanse cousas que hoxe non semellan posibles. Nos anos 80, a Autonomía estaba dar os seus primeiros pasos, a cultura comezaba a contar con institucións propias mentres o panorama mediático adaptábase a un contexto cambiante, cunha maior pluralidade política. O nacemento da TVG, a internacionalización da creatividade galega na arte plástica, na música ou no deseño, a multiplicación de editoriais ou as primeiras políticas culturais son algúns dos riscos dun período de enorme actividade. Tal e como comenta Ledicia Costas, ao ler os textos de Campos "sinto nostalxia de non ter vivido a efervescencia daquela época en que o descaro era pura elegancia e todos semellaban conscientes de estar escribindo un episodio histórico".

O relanzamento
Costas é unha das sinaturas que colaboraron na reedición de Estampas do mundo elegante, único libro que existe asinado por Chichi Campos. O volume póstumo, publicado en 1992, recupera as colaboracións que o autor realizou durante anos no semanario A Nosa Terra e nas que mesturaba textos e ilustración. Logo de 30 anos practicamente esgotada, a obra sae de novo cando se fan 31 anos do falecemento do autor, que se producía un 26 de febreiro. "Queriamos facelo o ano pasado pero por mor da pandemia e outros motivos non se puido e quedou para este trinta aniversario máis un. Tamén queríamos facer a primeira presentación do proxecto o día 26, data da súa morte, pero cadraba sábado e preferimos mudalo para un 23F", explica Nico Campos, fillo do homenaxeado e promotor da iniciativa. Esta reedición supón o primeiro lanzamento dos varios que verán a luz a longo de 2022 arredor de Chichi, aínda que non foi a orixe do proxecto. "Todo comezou porque quero facer un documental sobre o meu pai, que vou comezar a gravar agora. Estivemos a procurar patrocinios, na idea de complementar o filme coa reedición do libro e cunha exposición. Jacobo Bermejo, de Tórculo Comunicación Gráfica, ofreceuse a sacar o libro e que os beneficios se destinasen a financiar o documental".

Explicarlle Chichi aos millenials
A obra que agora ve a luz complementa os textos orixinais cunha nutrida listaxe de colaboracións que achegan contexto e explicacións sobre os mesmos e completan unha visión do autor para os tempos actuais. "A min mesmo, ao repasar estes artigos, custábame pillar cousas, faltábanme referentes. Entón quixen procurar xente que os contextualizase e os achegase ao presente. A idea de fondo é explicarlle Chichi aos millenials", explica Nico Campos. No entanto, tamén se atopou con que "unha grande parte dos artigos segue plenamente vixente e non precisan unha especial explicación. Entón moitas das colaboración se transformaron en tributos. Ao final na obra hai de todo, desde textos serios a propostas cómicas e ensaios" arredor da obra orixinal . En total trinta e sete persoas contribúen ao volume "desde o prólogo de Manolo Rivas e o epílogo de Ledicia Costas temos a persoas como Julián Hernández, Carlos Meixide, Carlos Santiago, Tamara Montero, Xosé Hermida, Pilar García Rego ou Gonzalo Cortizo por só mencionar uns poucos".

Ilustración para o texto Nada sério. <i>A Nosa Terra</i> 1987.
Ilustración para o texto Nada sério. A Nosa Terra 1987.


O outro mundo
Nos textos da obra atópanse retratos de todo tipo de personaxes que percorrían a Galicia dos 80. Desde os máis coñecidos, como Fraga, Antón Reixa, Ramón Piñeiro ou Pepe Barro, a tipos e colectivos como os PNN (Profesores Non Numerarios), os zascandís ou os deseñadores que xurdían por todas partes. Non faltan tampouco crónicas fabuladas que exemplifican con grande ironía como eran as inauguracións da época, as festas do verán en Compostela ou a morte do toureiro Paquirri, combinadas con sátiras sobre as accións de galeguización dos sinais de tráfico, ou arredor da resignificación das figuras de Rosalía de Castro e de Castelao pola intelectualidade galeguista do momento. Canda a isto, ocorrencias como o Partido Onanista, o Partido da Moda Galega ou o Partido Galego Sen Demora que botan luz sobre o panorama político do momento. "Hai moitos textos que me sorprenden porque seguen a estar completamente vixentes. Por exemplo, as críticas á programación de televisión, a certos políticos ou mesmo retratos dalgúns estereotipos que mudaron algo pero que seguen a ser o mesmo tipo de xente" explica Nico Campos.

Alén das estampas
Malia a ser esta a única publicación monográfica ao seu nome, as Estampas por si soas non dan unha idea axeitada da importancia de Chichi Campos. "É das persoas máis importantes que deron os anos 80 en Galicia, e das máis esquecidas. Foi pioneiro do cómic" (coa súa participación na seminal revista A Cova das Choias) "e do guión de comedia, fixo televisión, escribiu, dirixiu a galería Sargadelos de Santiago e realizou un lote de cousas antes de morrer con só 39 anos", reivindica o seu fillo. "Resumiu os anos 80 en Galicia. Fíxose comunista a loitar contra o réxime franquista, meteuse en política, estivo en todo o mundo cultural da década, na primeira TVG e morreu de SIDA en 1991". Nico Campos recoñece que viviu todo un proceso de redescubrimento da figura paterna. "Tiven que o descubrir despois do seu pasamento. Morreu cando tiña once anos, e naquel momento a xente que tes arredor é a túa familia, non figuras míticas. Cando foron pasando o tempo vin todas as cousas que fixo. Con este libro o que quero é que a xente máis nova do que eu descubra tamén ao meu pai. Para alén do cariño familiar paréceme unha obra moi interesante".

Ilustración para Futbolismo. <i>A Nosa Terra</i> 1987.
Ilustración para Futbolismo. A Nosa Terra 1987.


O cronista
Dentro da multiplicidade de intereses que caracterizou a carreira de Campos "o que máis lle gustaba era debuxar, era o que lle daba vida. Toda a xente coa que falo sobre el lembra que non paraba de debuxar. De pequeno teño memoria de que se había un mantel de papel nalgures acababa sempre cheo de debuxos porque non podía parar. A verdade é que non teño claro se pretendía facer o mundo máis bonito ou porque se aburría, pero sospeito que no fondo o que procuraba por riba de todo era divertir a xente", lembra o seu vástago. A publicación humorística Can sen dono ou A Nosa Terra acolleron moitas das súas creacións neste campo. "Nunha entrevista chegou a dicir que a súa vocación era ser cronista de sociedade, e penso que ese concepto está intimamente ligado ao humor, que esixe ser quen de facer a radiografía do que pasa na sociedade para burlarse". Precisamente no prólogo á reedición das Estampas, Manuel Rivas reivindica a ollada do autor e destaca que "os seus escritos e trazos constitúen unha psico-xeografía e unha cartografía á vez íntima e colectiva". Para alén da importancia da obra de Chichi Campos, grande parte da súa transcendencia está relacionada coa súa propia personalidade. "Penso que en boa medida o seu impacto débese tamén a que era un tipo simpático e divertido. Ademais marchou cedo, e iso sempre mitifica algo, non tivo tempo de se acabar convertendo na sombra de si mesmo. En xeral era alguén que se facía querer, aínda que tamén odiar, con moita facilidade".

Ilustración do texto O diário que a diário <i>A Nosa Terra</i> 1988
Ilustración do texto O diário que a diário A Nosa Terra 1988


O kamikaze oculto
Malia á relativa popularidade que adquiriu en vida, boa parte dos logros de Chichi quedaron ocultos en proxectos colectivos como foron os seus guións televisivos. "A xente non sabe que el foi quen xuntou por vez primeira a Manquiña e a Morris naquel programa chamado A ver que vai ser isto, no que repasaban a programación da TVG daqueles anos en clave de humor", explica Nico Campos. Naqueles primeiros anos dunha canle autonómica aínda a explorar o seu ton, o grado de liberdade nos guións era importante. "Facían o vándalo sen parar, moitas cousas non se poderían dicir na televisión de hoxe. A certa altura censuráronlle un capítulo do programa e non se lle ocorreu mellor cousa que facer unha rolda de prensa nun piso de Santiago a denunciar a censura aos creadores. Estaban el Manquiña, con pasamontañas en plan terrorista e unha fotografía de Morris, que non puidera ir, cun crespón negro. Ata fixeron un logo e leron un comunicado no máis puro estilo banda armada". Como exemplifica esta anécdota, Campos "era un kamikaze que vivía o momento e nada máis, tiña unha actitude moi punk e non amosaba interese en transcender, só procuraba a liberdade e un descerebre absoluto".

O esquecemento
O caso de Chichi exemplifica, como a recente homenaxe a Reimundo Patiño, a dificultade que ten a nosa cultura para lembrar artistas que desenvolven o seu lugar fóra da literatura, das universidades e dos espazos e xéneros consagrados. Banda deseñada, humor gráfico, ilustración, música ou audiovisual son ámbitos que teñen ata o momento difícil entrar no canon cultural do país e mais aínda ser lembrados pasado o tempo. Ao igual que moitos creadores da historia recente do país, Campos sufriu un importante esquecemento dentro da cultura do país. "Despois da exposición póstuma do 93 e do libro ata agora non houbo ningunha tentativa por o recuperar, neste tempo non se lle fixo caso", lembra o seu fillo. No esquecemento en que ficou o autor, Nico Campos ve tamén o factor de se tratar "dun personaxe algo incómodo. E aos humoristas tampouco se lle homenaxea moito, cando menos neste país". Tamén pode ter que ver con ese carácter salvaxe e a sátira implacable coa que retrataba a sociedade do país, sen igual desde a súa desaparición. Dentro das lembranzas que fican del, para alén do libro e da exposición monográfica que se lle dedicou no 93, fica a estatua realizada para esa mostra que se conserva no Museo do Humor de Fene. "Tamén tivo un apartado especial na exposición da Revolta do Cómic Galego, e unha homenaxe recente da Academia Galega do Audiovisual". Non contribúe tampouco o estarmos a falar dun autor que "ten a súa obra dispersa. O libro levaba vinte anos sen se reeditar e é moi difícil conseguilo. Publicado en libro ten isto e o catálogo da exposición do 93".

Nico e Chichi Campos
Nico e Chichi Campos


O punto de inflexión
Decidido a remediar esta falta de coñecemento, Nico aposta porque este 2022 marque un punto de inflexión na presenza da figura do seu pai na cultura do país. Así, para alén desta reedición e do documental anuncia a realización da exposición Xesús! 70 anos de Campos na Fundación Seoane ao longo do ano. "Alí falaremos máis da súa obra gráfica e tentaremos conseguir máis textos seus". Cada un dos proxectos céntrase así nun aspecto do autor. "O libro aborda a súa produción xornalística, a exposición a obra gráfica e o documental quere falar sobre a persoa. Vou ser eu a facer as preguntas que nunca fixen sobre el á xente que mellor o coñecía. E mentres vou facendo esa procura do pai ausente, faise tamén un retrato da época". A porta ao outro mundo está aberta.