O Xestal: As risas esquecidas

Un libro recupera a memoria do humorista galego supervendas dos anos 70

Capa de <i>O Xestal</i> (1970)
Capa de O Xestal (1970)
Un creador que, no final do franquismo, bateu marcas de vendas e de gravacións na nosa lingua. Un personaxe famoso que caeu no esquecemento e cuxa obra é hoxe imposible de encontrar. O Xestal empregou o humor como un xeito de activismo e reivindicou a nosa cultura, conseguindo un grande éxito. Agora, un libro reivindica a súa memoria.

Se fose músico, e dada a sona que acadou posiblemente hoxe sería un referente como o é Pucho Boedo e Os Tamara. Se seguise vivo, é posible que ata hai ben pouco se convertese nun habitual das noites do Luar. Pero facía humor e o soporte da súa obra, as gravacións sonoras, non recibiron atención abonda para xustificar novas edicións, unha situación que se dá tamén con moitos outros discos da súa época. É así que a memoria e extensa obra de Carlos Díaz Gestal, O Xestal, está prácticamente perdida. O filólogo Xohán Xabier Baldomir Cabanas acaba de publicar, da man da Editorial Académica Española, o libro O Xestal. Contador de contos, no que se achega ao traballo deste humorista mediante a análise de 83 dos seus relatos.

Os discos
"Non sei exactamente as súas cifras de vendas, pero a prensa falaba de que chegara a ser o artista non musical que tivera máis vendas nun só ano en todo o Estado Español!, explica Baldomir a resumir a pegada deste artista. O auxe da actividade deste polifacético galego deuse sobre todo na década dos anos 60 e 70, nos que existía un grande público para o humor, e en xeral para os produtos discográficos, entre os galegos emigrados. "Chegou a gravar discos en exclusiva para Venezuela e Arxentina, debeu de pasar das vinte gravacións en total", explica Baldomir. "A emigración xogou un papel fundamental na súa carreira, conectaba moi ben con eles e conseguía unha grande complicidade co público".

Humor reivindicativo
Baldomir salienta a importancia reivindicativa dos textos do Xestal, que o afastan do papel de pailán co que a miúdo se identifican hoxe os humoristas galegos que desenvolveron a súa traxectoria durante o Franquismo. "Non era só humor. Tiña tamén unha grande riqueza á hora de transmitir trazos folclóricos do país, e unha denuncia por detrás do seu traballo. O humor moitas veces é moi serio, e O Xestal caracterizábase sobre todo por ser un artista. Logo expresábase como podía, fundamentalmente mediante a música e mais o humor". Encol dos formatos nos que O Xestal exercía o seu labor, o filólogo salienta que "traballaba varios campos. O que facía na maior parte das pezas era algo moi semellante ao monólogo humorístico, non era exactamente stand up comedy, pero si moi similar. Polo xeral eran relatos realistas". De entre os contos do Xestal, Baldomir lembra algús como O candil de jás. "Chamoume moito a atención porque é un alegato impresionante contra a pena de morte a través do humor. Logo hai outro chamado Os fogueteiros que fala sobre a carreira espacial e me impactou bastante".

Canda aos contos, os discos de O Xestal incorporaban habitualmente pezas musicais interpretadas por el mesmo. “A modo de homenaxe, en ocasións contaba monólogos ou chistes que non eran del. Logo reproducía cancións populares que recollía e mesmo chegou a recitar poemas do século XIX e comezos do XX”. No momento, o xeito de traballo do Xestal non foi nin moito menos único na época, "Farruco era outro personaxe que fixo no seu día un labor semellante ao del" e pódese considerar que o seu xeito de facer humor deixou pegada. "Hoxe dúos como Nucha e Mucha poderíanse entender como herdeiros do seu traballo", explica Baldomir.

Lingua
O emprego practicamente exclusivo do galego nos seus traballos verifica que o público do Xestal era do país, e que non se trataba dun humor feito a partir de elementos galegos para Madrid. "Só empregaba castelán nalgúns casos precisamente para denunciar o abandono do galego ou facer burla", lembra este investigador. "En xeral empregaba un galego popular, ao principio da zona da Coruña con gheada e seseo ocasional. Logo notóuselle na lingua cando se trasladou a Carballo. E a partir dos últimos 60 déixase sentir unha certa influencia da lingua literaria".

Música
En canto ao traballo de recuperación musical, debémoslle ao Xestal a popularización de pezas como a Marcha do Antigo Reino de Galicia, a Foliada de Montemaior ou a celebérrima Apaga o candil que durante moitos anos fechou o programa Luar, entre moitas outras pezas que el mesmo recollía e gravaba. Ademais "fundou o coro Aires de Bergantiños", aínda en activo, "o Coro da Casa de Galicia en Harnen, Holanda, traballou co Ballet Rey de Viana e en cuestións de dinamización cultural e lingüística". A finais dos anos 70 chegou a se implicar activamente na loita contra a privatización do areal de da lagoa de Baldaio. "A el nunca lle importou mollarse", lembra Baldomir.

Esquecemento e lembranza
Encol do esquecemento, Baldomir apunta unha multiplicidade de factores. "Non o teño moi claro, puideron ser moitas cousas, non podería dicir en concreto. Era unha persoa moi humilde". A mudanza do público na emigración ou a aparición de novos soportes para o humor como a popularización da televisión poden estar detrás do decline da carreira do Xestal nos anos oitenta. Ao tempo, o escaso recoñecemento que durante moito tempo se lle outorgou na nosa cultura a soportes sonoros e a xéneros considerados menores ou de entretemento como o humor son algúns dos factores que explican o esquecemento deste personaxe. Hoxe non existe xeito para o grande público de escoitar a súa discografía, fóra dalgunhas ligazóns para descarga na rede. Baldomir sinala que "non atopei xeito de acceder á súa produción, e hai discos que se editaron directamente fóra, en Arxentina por exemplo, que eu non din conseguido. Para facer este traballo eu xogaba con vantaxe porque tiña na casa as súas cintas". O Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega aparece como unha fonte destacada para os interesados en investigar a obra de O'Xestal.

"Penso que é unha figura que debía ser reivindicada, hoxe moita xente nin o coñece. Só hai algunhas figuras particulares que o reivindican, pero fóra de Carballo apenas se sabe del". Entre os nomes que reivindican o legado do Xestal atopamos a Carlos Blanco, Cándido Pazó ou Mini e Mero, que participaron na homenaxe que se lle tributou ao humorista en 2010 no Concello de Carballo. Neste 2013, a coincidir cos 20 anos do seu falecemento, o coro Aires de Bergantiños prepara unha nova homenaxe que poida que tire O Xestal definitivamente do esquecemento.

Galería: Discos de O Xestal

Galería: Discos de O Xestal

Cuentos Gallegos por O Xestal. 1961. Primeiro disco do humorista. Fonte: Xohán Xabier Baldomir Cabanas

<i>Grupo folclórico O Xestal</i> 1968

Grupo folclórico O Xestal 1968

Fonte: Xohán Xabier Baldomir Cabanas

<i>Cuentos Gallegos</i> 1969

Cuentos Gallegos 1969

Fonte: Xohán Xabier Baldomir Cabanas

<i>O Xestal</i>, 1970

O Xestal, 1970

Fonte: Xohán Xabier Baldomir Cabanas

<i>Contos de Bergantiños</i> (1988)

Contos de Bergantiños (1988)

Fonte: Xohán Xabier Baldomir Cabanas

<i>Se eu fose grego</i> (1992). Último disco gravado polo Xestal

Se eu fose grego (1992). Último disco gravado polo Xestal

Fonte: Xohán Xabier Baldomir Cabanas

Transcricións de tres fragmentos de O Xestal.
Fonte: Xohán Xabier Baldomir Cabanas