Ladridos que fixeron historia

Culturagalega.gal súmese ao 40 aniversario de Can sen dono coa publicación da colección completa de portadas da histórica revista

Culturagalega.gal súmese ao 40 aniversario de <i>Can sen dono</i> coa publicación da colección completa de portadas da histórica revista
Fragmento do cartel da exposición 40º aniversario da revista Can sen dono
Ao longo dos anos oitenta, unha revista de humor en galego mantívose nos quioscos a conseguir importantes cifras de vendas. Can sen dono marcou un fito para o humor gráfico e literario galego e contribuíu a dignificar estes oficios. Agora, unha exposición no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene reivindica aquel legado cando se fan catro décadas do comezo daquela aventura. A se sumar á conmemoración, e coa colaboración desa entidade, Culturagalega.gal publica a colectánea de portadas daquela histórica publicación nun pdf.



En 1983 chegaba ás bancadas dos quioscos galegos o número cero unha publicación singular. Can sen dono aparecía como unha revista que seguía a estela doutras publicacións de humor que durante a transición desde o franquismo conseguían un grande éxito a nivel estatal. Desta volta, tratábase dunha cabeceira integramente galega na que o humor gráfico e o literario marcaban os contidos. Unha proposta pioneira que reuniu ao longo dos seus 24 números e varios especiais a un cento de colaboradores, entre os que se contan algúns dos principais nomes do humor galego das últimas décadas. A exposición 40º aniversario da revista Can sen dono conmemora no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene este proxecto único. Desde o pasado 8 de setembro e ata o 21 de outubro unha selección de debuxos orixinais, a colección completa das capas da publicación e diferentes contidos sobre a mesma amosan a creatividade e as coordenadas da sátira dun momento moi diferente ao actual.

A orixe do can
"O proxecto naceu principalmente da necesidade que tiña Pepe Carreiro de atopar un medio no que dar saída á súa creatividade", lembra Francisco Oti, comisario da mostra. O propio Carreiro, no encontro que abriu a exposición, recoñecía que os seus referentes eran as revistas estatais do humor do momento, como Hermano Lobo, canda a propostas foráneas como Punch ou Private Eye. Carreiro "era un desbordamento de creatividade" e o proxecto nacía nun contexto altamente creativo. "Penso que se pode vencellar á movida e á eclosión de fanzines que se deu naquel momento, todo o mundo tiña un, e non só a nivel galego, foi un movemento a nivel internacional.

O camiño ata o lanzamento do número cero foi longo. Xa en 1982 Carreiro levou ao Seminario do Humor de Sada, promovido por Isaac Díaz Pardo, a idea da publicación, que levaban por entón preto dun ano como idea. Naquel momento apareceu a posibilidade de vencellar o que sería Can sen dono ao proxecto do xornal Galicia, que o grupo Sargadelos preparaba, pero a proposta non foi adiante. Para alén da creatividade de Carreiro, para o desenvolvemento da publicación resultou fundamental a implicación de Gogue, que puxo en contacto a Carreiro con Lois Mariño, por entón director de Xerais, que en múltiples xuntanzas foi formando o equipo inicial na problemática práctica de lanzar e xestionar unha revista. A eles sumouse Antón Mascato, que se encargou das cuestións máis técnicas da imprenta. Así, con Gogue como coordinador, Carreiro como director e Mascato como editor, un trío que por entón roldaba a vintena, viu a luz o número cero da publicación.



Pluralidade radical
"A idea era facer unha revista onde puidesen publicar todos os humoristas gráficos, os que xa estaban a publicar, como Xaquín Marín, e outra xente que non publicabamos en ningún sitio", lembraba Carreiro na presentación da exposición, a lembrar que aquel era un momento no que resultaba complicado traballar no campo do humor gráfico cunha perspectiva política diferente á dos xornais existentes. Esta perspectiva de pluralidade da publicación mantívose ao longo da súa historia. Como lembra Oti, a definición máis acaida do proxecto deuna Chichi Campos ao sinalar que "era a revista onde tiñan cabida todos os sectarismos". Nas súas páxinas mesturábanse as propostas do propio Campos, de Xaquín Marín, de Siro ou de Cermeño cos chistes do falanxista Lalo Vázquez Gil ou de Mariano Marcos de Abalo, tamén de dereitas.



"Ao carecer cunha estrutura empresarial que marcase liñas editoriais non había unha ideoloxía común entre todos os que participabamos, ninguén impuña temas, agás cando se facía un extra específico. Cada un expuña o que consideraba e había moitas ideas". Canda a eles, Nacho Hortas, Xosé Lois, Calros Silvar, Lola Blázquez (única muller que colaborou no proxecto), o propio Paco Oti, Gulín, Gonzalo Vilas, Picho Suárez, Fran Jaraba, Quesada, Lalo, Bernar, Viqueira, Ínsua, Kukas, Méndez, Vial, Ferreiro, Xosé Guillermo, Baranga ou Forxán fixeron parte do medio cento de colaboradores gráficos aos que se debe sumar unha cifra similar de sinaturas literarias. "Isto era posible naquel momento de transición, se hoxe se reeditasen aqueles números moita xente poría o grito no ceo. A revista burlábase dunha censura que hoxe volvemos ter enriba", lembra Oti.

Unha proposta coma esta, que hoxe pode semellar dunha sustentabilidade complexa, conseguiu funcionar ata 1991 en base ás vendas e á publicidade. Iso si, sen que os colaboradores cobrasen, segundo lembra Oti. "Eu polo menos nunca cobrei. Aquilo non pretendía ser un negocio nin moito menos, e afinal ía o comido polo servido. Cubríanse gastos de xestión e imaxino que algúns desprazamentos". Os ingresos por publicidade e as vendas mantiveron en marcha o proxecto con tiraxes que oscilaban entre 1.500 e 2.000 exemplares que, polo xeral, esgotaban. Segundo lembraba Antón Mascato na presentación da mostra "vendía mais do que todas as publicacións estatais de humor xuntas, a incluír pesos pesados como El Jueves".




A traxectoria
A revista dedicou a súa capa, alongo das dúas épocas que atravesou, a cuestións como os residuos nucleares da Foxa Atlántica, a reconversion naval, a chegada ao poder de Fraga, o goberno tripartito da Xunta ou a visita do Papa Xoán Pablo Segundo. Entrevistas a Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Piñeiro, Paco Vázquez, Xosé Abraira ou unha inventada feminista bretoa Merry Gurbegkian ocuparon tamén as páxinas da publicación. Aos números ordinarios, a colección completa da revista inclúe un extra sobre humor histórico, un especial do Luís Seoane e outros dous sobre a Festa da Ostra de Arcade e o conflito pola Carballeira de San Xusto, ademais de dous extras dedicados ás eleccións autonómicas e estatais de 1989.

A exposición
O proxecto da mostra que se pode ver no Museo do Humor Xaquín Marín ata o vindeiro 27 de outubro debeuse a un achado relativamente fortuito por parte do comisario. "Descubrimos de casualidade nos arquivos da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, as caixas que depositara alí Mascato e que inclúian de todo. Ilustracións orixinais, fotolitos, os colaxes que se empregaban para compoñer a revista… pareceume un cofre do tesouro e pensei que conviña sacalo á luz". Entón, coa colaboración do Concello de Fene, responsable do Museo do Humor, agardouse polo aniversario dos 40 anos da publicación para presentar a mostra. Neste proxecto "tentamos recompoñer todas as portadas cos especiais, e tentamos amosar como era un número por dentro. Amosamos os fotolitos e os colaxes que formaban a paxinación. Logo temos os orixinais da maior parte da xente que colaboramos alí" ao que se suma unha selección de fanzines da época que dan idea do contexto creativo no que se desenvolveu o proxecto. Precisamente a conferencia de feche da exposición o vindeiro 27 de outubro, a cargo de Rosa Cal, versará sobre o panorama fanzineiro do momento.



A pegada do can
De cara ao impacto que a proposta tivo sobre a cultura do país, Oti salienta que "é significativo o volume que acadou. Penso que é o primeiro vestixio dunha profesionalización, máis do humorista gráfico do que do literario", e contribuiu a consolidación das carreiras de moitos dos seus colaboradores. Mascato lembraba que Can sen dono "conseguiu colocar o humor gráfico nun lugar importante nos medios de comunicación", a que ata entón non estaba considerado nos medios ter colaboradores deste tipo. "A partir da publicación produciuse unha entrada do humor gráfico e en menor medida literario en diferentes medios do país", explicaba. A aparición poucos anos despois da fin de Can sen Dono de novas cabeceiras de humor como Sapoconcho ou Xo! amosaron a tentativa de continuar co legado desta iniciativa. "Agora hai unha maior profesionalización, aínda que non sei se a sociedade consume tanto humor gráfico como daquela. Aínda hoxe estamos a aprender do que foi este proxecto", conclúe o comisario.

Precisamente este pulo á profesionalización do sector foi tamén un dos factores que determinaron a fin da cabeceira. "Penso que a precariedade, esa falta de medios influíu. Logo tamén pasou que houbo xente, como Pepe Carreiro, que viron cumprida esa inquedanza e podían vivir do que lles gustaba facer. Foron aparecendo proxectos daban de comer, e ese propio desenvolvemento da vida profesional levou a ese final", lembra Oti.

Galería: Selección de portadas de Can sen dono

Can sen dono 2
Can sen dono 2


Can sen dono 8
Can sen dono 8


Can sen dono 10
Can sen dono 10


Can sen dono 12
Can sen dono 12


Can sen dono 18
Can sen dono 18


Can sen dono 19
Can sen dono 19


Can sen dono 23
Can sen dono 23