An Alfaya mereceu o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2005 con esta emocionante novela sobre a recuperación da dignidade e a necesidade de esculcar no pasado para facelo desde a distancia.
10 / 4 / 2006
Isabel Soto. SantiagoCon “A sombra descalza”, An Alfaya fíxose con prestixioso Premio Lazarillo 2005, competindo con textos escritos en todas as linguas do Estado e reafirmando unha vez máis a calidade das obras galegas que se presentan ao galardón. “A sombra descalza” é unha emocionante novela xuvenil que xira arredor do desvelamento dos segredos que pesan sobre unha saga familiar e que teñen a súa orixe nos anos da Guerra Civil española.
Malia que a novela presenta como pano de fondo o conflito bélico, onde se atopan os alicerces da traxedia que se narra, o interese fundamental céntrase no tratamento da vida das mulleres da familia, sometidas ao castigo e ao rancor. É Elsa, recén estreada a súa adolescencia, quen rompe un silencio mantido durante anos e reclama coñecer os detalles do acontecido, espertando o recordo dun pasado escuro e adherido ás paredes da súa casa. A súa intención é poñer fin ao ambiente de resentimento, case claustrofóbico, no que lle tocou vivir. O desencandeante do conflito vén da man da morte da súa tía avoa Sagrario, quen durante anos deambulou pola casa arredada de todos, maldita e enterrada en vida. Sagrario representa ese gran segredo que pesa sobre a familia e que parece estar agochado nese seu camiñar permanente coma unha sombra descalza. Un xesto froito da inocencia e da vaidade da xuventude, condenouna á soidade e ao exilio interior castigándoa para sempre a non ter vida. Mais ese fío pertence a un novelo de desgrazas unidas e relacionadas coas mulleres da casa, cos seus silencios e as súas traxedias máis íntimas.
Elsa, allea a esa realidade, tenta reconstruír a historia a pesar da distancia que a separa duns tempos que só coñece a través das evocacións dolorosas de seus avós. Inicia así un proceso de descuberta arredor das persoas que sempre viviron con ela sen que chegase a coñecer os porqués desa amargura que levan reflectida nas súas faces. O resultado é o entramado dun relato que se vai completando capítulo a capítulo, reconstruíndo o pasado dunhas figuras femininas que calan, acatan e ollan en silencio.
Sagrario é a punta dun conflito que alcanza a todas as mulleres da casa: á súa nai, Esperanza, a muller martirizada polos pecados dunha familia que lidara no bando nacional daquela guerra cruel; á súa tía Florinda, a muller vendida, abocada a un matrimonio amañado en pagamento dunha débeda; e mesmo á avoa Amadora, a muller que paga con silencio os abusos do home e a verdadeira artífice da vinganza. E por riba delas a presenza do avó, que atesoura o rancor e sempre se resistiu a esquecer, e dos outros homes que aparecen no relato, cómplices en maior ou menor medida dos castigos que sofren as súas mulleres. A pesar do desexo de Elsa de romper o silencio e a opresión e de darlle unha nova oportunidade aos designios da historia familiar asumindo o ocorrido, semella que a traxedia non terá fin, pois Florinda, polos caprichos do destino, sufrirá a condena de repetir o percorrido fantasmal de Sagrario.
“A sombra descalza” explota con acerto a tensión dramática e a intriga, botando man de elementos que mesmo a achegan á novela por entregas, tales como os seus capítulos de curta extensión dotados de cohesión, cuxos finais crean expectativas no lector e manteñen o seu interese. Asemade, sitúase nese ámbito temático que aborda a ruína persoal e as consecuencias dunha guerra aínda ben presente na memoria colectiva —vinganzas, persecucións, incomunicación, perda de dignidade, exilio interior…—, a través da intervención, marcada xa pola distancia, dunha adolescente.