A historia contida nestas páxinas ten o poder de emocionarnos a través da narración de todos eses feitos extraordinarios que sacudiron a década dos sesenta en todo o mundo. Agustín Fernández Paz publica unha novela coa que o escritor vilalvés regresa aos anos 60, segundo as súas propias palabras para realizar «un axuste de contas» con aquel tempo difícil. Era o momento en que o cosmonauta Iuri Gagarin se convertía no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior, dando comezo a unha era espacial nunha década que traería grandes cambios.
16 / 9 / 2014
Lorena Dopmínguez Mallo. Val do Dubra
«O pasado é algo que podemos lembrar mais non tocar, e todo o que se lembra é borroso e vago» (Wong Kar Wai, 2046).
A cita de Wong Kar Wai é unha das que encabeza
A viaxe de Gagarin, e sitúanos nas coordenadas exactas desta historia. Corre o ano 2011, cincuenta aniversario da viaxe de Iuri Gagarin ao espazo, mentres o protagonista non se separa da cama na que a vida da súa nai se vai apagando. Nesas lentísimas horas de hospital decátase do erro cometido ao non falar máis cos seus pais cando aínda podía, e decide escribir nun caderno as lembranzas da súa mocidade para legarllas ao seu fillo. O pasado é algo borroso, si, pero Agustín Fernández Paz sabe darlle forma coas palabras para que case poidamos tocalo.
A sensibilidade sempre presente na prosa de Agustín estao tamén cando comeza a historia e sabemos que a nai de Miguel leva moito máis tempo marchando do que leva no hospital, porque se foron esvaendo as súas lembranzas e con elas a súa propia identidade. Ese punto de inflexión tremendo na vida do protagonista que é a inminente morte da nai é o detonante da escrita do seu diario. Paira unha certa tristeza sobre a idea de que entre Miguel e o seu fillo tamén faltan momentos de conversa que mitiguen ese descoñecemento dalgúns episodios da vida do pai. Pero aí está o caderno, a memoria, o papel da palabra como redentora e depositaria de tantas cousas valiosas. Esa importancia da palabra que tamén vemos na historia nas publicacións clandestinas, nos libros prohibidos, nas bibliotecas secretas.
Parece unha infancia ideal para un rapaz inquedo, curioso e aplicado nos estudos: a súa nai ten unha libraría, o seu pai unha imprenta. Pode ler tebeos, prensa e todo tipo de cousas na súa propia casa. O diario de Miguel comeza e acaba en dúas datas clave da carreira espacial: 1961, cando Iuri Gagarin se converte no primeiro home en viaxar ao espazo, e 1969 cando o ser humano pisa por primeira vez a Lúa. Unha redacción escolar premiada xusto despois da fazaña do cosmonauta ruso fará que toda a súa nenez e mocidade o alcumen Gagarin. Pero o que pasa en España e no mundo en xeral neses anos non desmerece a fazaña espacial. O neno Miguel irá sabendo aos poucos que os pais sacan da súa imprenta publicacións clandestinas e que son membros do Partido Comunista. E irá sabendo diso ao mesmo tempo que coñecerá o primeiro e imborrable amor, que lerá e verá películas de cine que marcaron unha época, e que sufrirá na súa propia casa o medo, a persecución e as aldraxes que a Brigada Político Social podía exercer naqueles tempos.
Por se todo isto fose pouco, Agustín agasállanos con anotacións sobre a documentación que levou a cabo para escribir a novela, e compárteas a través do seu blog (http://agustinfernandezpaz.eu/gagarin/). Vídeos, música, documentais e todo tipo de información interesante está aí reunida para nós, para que apalpemos esa memoria. E é que a historia contida nestas páxinas ten o poder de emocionarnos a través da narración de todos eses feitos extraordinarios: a resistencia contra Franco, os acontecementos que sacudiron a década dos sesenta en todo o mundo, as viaxes espaciais como realidade e como metáfora, e tamén, como non, o paso da infancia á adolescencia e á idade adulta dun neno alcumado Gagarin cuxos anos máis luminosos teñen lugar nese entón. A memoria é algo que debe ser preservado, e nós asistimos embembidos na lectura á sobrecolledora beleza e intensidade destas páxinas da nosa historia recente, mentres admiramos cómo, unha vez máis, o gran mestre narrador que é Agustín Fernández Paz parece entregarnos neste libro xunto cunha lectura marabillosa, unha lección de vida.