No ano 1960 o escritor Manuel María creou esta obra en "tres anacos de tres tardes do mes de Novembro ou San Martiño”. A obra gañou o premio “Villar Ponte” do ‘Centro Gallego’ de Buenos Aires en 1961 pero co paso do tempo quedou esquecida, sen publicar nin representar. Agora a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor recupera o texto orixinal no que o chairego recrea o mito grego desde a perspectiva do asoballamento franquista, cun Edipo rebelde ante o ditador. Andrea Álvarez afirma que o "Edipo" de Manuel María madurou coma as mazás no caixón dos vellos papeis.
19 / 4 / 2004
Andrea Álvarez Pino.SantiagoAló polo ano 60, Manuel María concibía a súa Edipo “en tres anacos de tres tardes do mes de Novembro ou San Martiño”. Asistía o mito a unha re-visitación veloz para un momento no que urxían textos que contribuíran ao agromar dunha praxe teatral galega normalizada que, sen embargo, só chegaría con Abrente a partir de 1973.
Cumpría hoxe volver os ollos sobre a etapa da escrita de “O incerto señor don Hamlet” cunqueiriano e recuperar esta “Edipo” inédita até agora, pois, alén dos pasos dados, a normalización da nosa voz, da nosa cultura, antóllasenos aínda incerta e, no que respecta á consolidación do sistema teatral, mesmo en retroceso.
Recurso aos clásicos
A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor saca á luz a primeira edición da obra, feita a partir do texto mecanografado que o autor chairego presentara ao certame “Villar Ponte” do ‘Centro Gallego’ de Buenos Aires en 1961, do que resultou ser gañador. Como apunta Miguel A. Mato Fondo no seu estudo preliminar, este noso Edipo inauguraba entón unha nova tendencia no teatro galego, a da recreación dos mitos grecolatinos como estratexia autolexitimadora que lle achegaría á nosa dramática o plus dignificador que se desprende do recurso aos clásicos.
A universalidade da lenda dilata as fronteiras do particular e vertebra unha peza que se quere autóctona e cóncava coma o espello, que pretende un Edipo contemporáneo, mais non a través do sometemento do mito ao pracer actual da transgresión, senón a partir da confianza cega no seu poder de transcendencia. O de Manuel María é un hipertexto que se artella en torno a unha sinxela paráfrase das fontes clásicas – Edipo Rei, Edipo en Colono e Antígona – e modernas – a Antigone de Anouilh-, que dialogan entre si respectando o tempo mítico, a estrutura e a paixón expresiva da traxedia grega, pero que rematan por ensanchar os conflitos que lles son propios tridimensionalizando os camiños da Fatalidade no seu transitar pola ollada-filtro do dramaturgo.
Caducidade relativa
Así pois, a recontextualización do atemporal e ubicuo no particular galego é tarefa que corresponde en exclusiva ao lector/espectador da obra, e é precisamente no proceso de recepción no que radica unha caducidade textual relativa. Se temos en conta que Edipo foi re-escrita para un destinatario específico que asistiría ás décadas finais da ditadura franquista, decatámonos de que sen a súa interpretación o significado global do texto fica incompleto na medida en que a intención en base á que foi concibido xa non atopa o seu obxectivo. Con todo, e velaquí a grandeza dos clásicos, Edipo e Antígona, o anti-Franco e a muller galega independente e insubmisa, serán sempre eles, mais outros, para alentar eternamente as nosas rebelións cotiás calquera que sexa o poder tiránico que nos asoballe.
Pero caer na correlación illada pensamento político/resultado estético sería dun reducionismo analítico certamente empobrecedor. A clave para encarar un estudo crítico do “Edipo” de Manuel María atópase no funcionamento das aportacións novidosas, que se fundamentan nunha particular tensión dialóxica entre a arte e a vida.
O discurso dun narrador estraño á acción que preludia as tres xornadas da traxedia presenta a Edipo como home consciente da súa condición de personaxe da historia teatral. Será o vagamundos do “Edipo en Colono”, pero tamén a figura literaria cansa de saberse tantas veces utilizada. A orixinalidade deste desdobramento repítese coa presentación dun Edipo-poeta que permite a introdución dunha constante na obra poética do chairego, a celebración da palabra como o grande milagre do mundo. A reivindicación da poesía como forma de liberdade, xunto co tema da loita fronte ás imposicións e a deconstrución da idea de Destino, converte ao Edipo inconformista nun trasunto de Manuel María, quen no momento da escrita do drama está a sufrir unha atmosfera abafante e adversa semellante á que experimenta a personaxe no seu desterro.
Edipo madurou coma as mazás no caixón dos vellos papeis. Coa súa recente edición, ademais de homenaxear unha vez máis a labor dun autor tan importante para as nosas letras como é Manuel María, o teatro galego coñece un novo referente desde o que tomar conciencia de que xa é hora de acadar a tan ansiada maioría de idade.