Esta escolma, realizada por José Miguel Sánchez «Yoss», un dos principais representantes da literatura de Ciencia Ficción na Cuba contemporánea, pretende achegar ao lector medio século de literatura cubana do xénero a través dos mellores contos provenientes da illa caribeña. Benvidos á ciencia ficción cubana, a outra cara da Illa, un lugar onde o lume verde, os clons con ansias de liberdade e as devoracións por amor son irredutibelmente posíbeis.
4 / 7 / 2011
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra.
Sempre pensei que o verdadeiramente apaixonante da ciencia ficción era a primeira parte da etiqueta, o feito de poder imaxinar cousas ás que a ciencia talvez chegase tempo despois de soñar con elas. E tamén sempre crin que nos textos de ciencia ficción pairaban moitas veces os máis escuros desexos e os máis fondos terrores do ser humano. Xusto antes de comezar a ler este libro pregunteime cantos medos, desexos e posibilidades caberían no que estaba a punto de ler, e tamén, por que negalo, cal sería a porcentaxe de contos verdadeiramente recomendábeis na antoloxía, fronte a aqueloutros textos que aparecesen máis ben por seren representativos dun autor, dun subxénero ou dunha etapa. Logo de lela decateime de que non só de Alejo Carpentier, Nicolás Guillén ou José Martí vive a literatura cubana, senón que hai outros autores por descubrir, outros clásicos ocultos nos andeis destinados á ciencia ficción.
O antologador, José Miguel Sánchez “Yoss”, explica que os criterios da escolla foron por unha banda a calidade imaxinativa ou literaria, e por outra a representatividade, isto é, esa combinación de criterios máis estéticos ou máis histórico-antolóxicos que adoitan presidir antoloxías e historias literarias. A claridade e a concisión expositivas do antologador nas súas palabras iniciais e nos subprólogos que encabezan cada un dos tres períodos en que decide dividir os cincuenta anos focalizados (1959-2009) son proverbiais. Se alguén teme a falta de información ou pola contra a aridez de páxinas e páxinas sobre o “contexto” dos contos, direille que nin unha cousa nin a outra, pois Yoss é quen de, en dúas páxinas de cada subprólogo, dar as claves da interpretación e valoración dos textos. Só unha claridade de ideas e un fondo coñecemento do tema poden permitir tal densidade de información tan sinxelamente explicada en menos espazo. Digno eloxio merece tamén a páxina de información biográfica desenfadada e por veces mesmo divertida sobre cada antologado/a.
Os temas que podemos atopar nestes contos son os habituais do xénero. Nuns, viaxaremos polo universo como sucede en “Níobe”, “Débeda temporal” ou “Simbiótica”, e tamén en “Ese ruído como de pedras que caen”. A sobriedade narrativa deste último relato e a capacidade de crear unha ambientación verosímil e un estado de ánimo devastado no protagonista faino sobrancear dentro do libro. Tamén hai outros contactos interplanetarios favorecidos pola chegada dos extraterrestes á Terra, sexa vivindo en corpos de seres humanos sexa na súa forma orixinal. Unhas veces, esas
visitas derivarán nunha dose de relativismo significativa a propósito da superioridade da raza humana, outras mostrarannos simplemente outro xeito de ver a invasión e o imperialismo como cuestións que poden ser favorecidas polos propios sometidos. “Luísa”, “Solteironas no atardecer”, “O mestre neno” ou “Trulla Mob” entrarían neste grupo, por citar só uns exemplos. “Solteironas no atardecer” é, por outra banda, un retrato arrepiante da tolemia e da crueldade humanas. Outra temática significativa deste xénero é a que se cingue a avances científicos de laboratorio. “Retroceso” ou “Pantasmas inocentes” reproducen solidamente un futuro no que a memoria da raza humana disociada da máquina case se perde na memoria e onde os clons de usar e tirar son un mercado emerxente; pero tamén hai relatos nos que dos laboratorios depende a recuperación dunha raza extinguida, e outros que amosan a posibilidade de que o ciberespazo e as
segundas vidas virtuais se convirtan en algo máis que accesorio, coma “Bondaxe 3D”. Pero isto son só pequenas mostras das moitas temáticas e ideas que poden atoparse nestes relatos, onde tamén hai cabida para as viaxes interestelares de seres terrestres pero non humanos, para o triángulo das Bermudas, para a outros xeitos de vida non invasivos nin baseados na depredación interespecies e por que non, para a confusión entre o real e o paranormal. Salientaría, por último, un conxunto de relatos particularmente interesantes polo que implican de simple cambio de perspectiva. “Un inesperado visitante”, “Xogo dunha noite de verán” ou “O primeiro encontro” xogan con facernos crer que os puntos dos que partimos no noso xeito de ver o mundo non son tan obvios como cremos.
Velaquí entón o que esta antoloxía nos ofrece, a fascinación da ciencia ficción, porque se cremos que a modificación xenética, a clonación ou a expansión dos mundos virtuais son mera cuestión de tempo, entón neste xénero atoparemos todo tipo de elucubracións sobre a cara e a cruz desas potencialidades. A única pega desta interesante e ilustrativa achega literaria é que a revisión lingüística do texto non aproba, algo que sen dúbida molesta e entorpece o pracer de lérmola. E digo que é a única eiva porque se ben o valor estético e a orixinalidade dos relatos contidos neste libro é desigual, hai uns cantos contos que conseguen seducir e fascinar á lectora sen remedio. Por último, como toda antoloxía, traza un mapa de novas lecturas posíbeis, e seguramente a moitos e a moitas lles entren ganas de procurar na rede o acceso a obras aquí citadas, como eu mesma estou a facer. Para todos os que cheguen a este punto, benvidos á ciencia ficción cubana, a outra cara da Illa, un lugar onde o lume verde, os clons con ansias de liberdade e as devoracións por amor son irredutibelmente posíbeis.