A investigación realizada por Daniel Lanero ofrece moitas claves para comprender a formación da sociedade franquista e as consecuencias que para o futuro-o noso presente- tivo a política desenvolvida desde as altas instancias do réxime. A importancia do traballo non radica soamente no feito de desenredar o organigrama do sindicalismo vertical franquista, senón tamén en poñelo en relación co anterior e co que vén despois da morte do ditador.
30 / 5 / 2011
Gustavo Hervella.Santiago
O historiador Daniel Lanero preséntanos nesta publicación parte da investigación coa que acadou o grado de doutor. Nela, ofrécenos unha visión ampla e rigorosa da instauración do franquismo no agro galego, tras 1939, logo do momento máis duro e incisivo da represión e asasinatos cometidos polos sublevados o 18 de xullo de 1936 ante unha poboación chea de medo e fame. Tralo remate da contenda veu a instauración da lexislación e premisas fascistas trufadas de catolicismo e conservadorismo e que constituíron as bases de poder da ditadura traspasadas en moitos aspectos á democracia posterior.
Co traballo
Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo apuntálase o edificio científico que se está a construír desde o grupo de investigación HISTAGRA do Departamento de Historia Contemporánea e América ao que o autor pertence e do que, como el mesmo sinala, é continuador o presente traballo —véxanse as investigacións dos tamén historiadores Anxo Collarte e Ana Cabana que foron recensionados no seu momento en lg3, entre outros—.
Lanero Táboas reflexiona e amosa o estudo sobre as Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos —HSLG— é dicir, a sindicalización dos traballadores do agro ao xeito corporativista e, polo tanto, oposto aos sindicatos de clase e ao asociacionismo agrario anterior a 1936 (p. 72); precisamente relacionado con isto é importante a diferenciación que se establece entre encadrados —os membros das Hermandades— e afiliados —os traballadores pertencentes a un sindicato— rexeitándose todo o anterior nunha sorte de 1939 como ano cero da nova era: “O franquismo tivo unha vontade sistemática de destrución de todo o que se fixera antes de 1936, mais, unha vez institucionalizado non foi quen de ofertar ningunha alternativa novidosa e viuse obrigado a retomar (sen admitilo, por suposto) os vellos modelos de transformación, iso si, nunhas condicións de partida moito peores, produto da represión e do desartellamento efectuados” (p. 549).
O estudo analiza nos dous primeiros capítulos as bases do sindicalismo vertical e nos seis seguintes céntrase nas propias Hermandades en Galicia tendo como principal territorio de ensaio práctico a provincia da Pontevedra que tan ben coñece o autor. Na última parte do libro reflexiona sobre a inclusión das Hermandades na política agraria da ditadura desde a implantación da economía autárquica falanxista até a Revolución Verde máis tecnócrata dos anos sesenta e setenta.
A importancia do traballo non radica soamente no feito de desenredar o organigrama do sindicalismo vertical franquista, senón tamén en poñelo en relación co anterior e co que vén despois da morte do ditador. Deste xeito, trala súa lectura comprendemos mellor a ruptura drástica que supuxo o golpe de estado do 36, a desfeita do asociacionismo, da democracia e da liberdade como se establecera ao longo do primeiro terzo do século XX e que acadara as máximas cotas durante a II República. Tamén, como determinadas prácticas políticas desenvoltas no franquismo pasaron, cunha lene mutación á estreada democracia de 1977: deputados de UCD ou AP que se converteron en demócratas esquecendo o seu pasado nos sindicatos verticais ou alcaldes que en 1979 cambiaron a lexitimidade do “Movimiento” pola das urnas.
Como xa teñen sinalado outros estudos que analizaron as relacións de poder entre as diferentes familias do réxime, tamén no sindicalismo agrario se aprecian as disputas polo poder. Lanero Táboas dá conta disto sinalando como en ocasións o xefe de Falanxe dun concello debido “o seu radicalismo falanxista tróuxolle problemas tanto co gobernador militar da provincia como co gobernador civil” (p. 65), ou “ o desexo de facer da Central Reguladora de Abastecimientos y Suministros Sindicales un monopolio económico-sindical resultaba demasiado ameazador para determinados sectores do bloque de poder franquista” (p. 69). Neste primeiros anos do réxime é importante a lexislación, a estrutura territorial da organización sindical e a xerarquización do réxime. A intención das autoridades falanxistas era romper co anterior, incluso con aqueles grupos de poder que apoiaran o golpe, como o caso dos sindicatos católicos. En 1940 derrogouse a Ley de Sindicatos Agrícolas de 1907, e as agrupacións católicas do agro galego, que tralo golpe de estado foron as encargadas de ordenar e subministrar carne e demais produtos agropecuarios á fronte, viron como eran arrecunchados un lustro despois polo novo poder.
Aconteceu a desfeita da sociedade civil no agro galego, tal como sucedeu no mar e nas industrias urbanas. O asociacionismo agrario, as sociedades de protección mutua, o cooperativismo de raíz democrática e todo o que serviu para crear homes e mulleres libres desde fins do século XIX, desapareceu baixo o terror franquista. Desde ese intre, nada volveu ser igual, e o que hoxe somos é debedor —sobre todo no agro, pero non exclusivamente— da ditadura e das relacións de poder que ela estableceu. Nos anos sesenta, tal como sinala Lanero Táboas con exemplos circunscritos a Pontevedra —pero extrapolables a outros territorios—, era común ver como o Secretario da Hermandad repartía os subsidios ou arranxaba os papeis ante as autoridades provinciais. Os labregos non entendían isto como un dereito, senón como un “favor”; a rede clientelar moito máis aguda que a dos caciques decimonónicos estaba a nacer; e esta conxuntura chega aos nosos días.
A investigación realizada por Daniel Lanero ofrece moitas claves para comprender a formación da sociedade franquista e as consecuencias que para o futuro tivo a política desenvolvida desde as altas instancias do réxime. As eleccións fraudulentas, a condición socio-económica dos altos cargos sindicais, a presenza en postos clave de determinados persoeiros que se foron labrando un futuro político ou o reparto das “prebendas” aseguraron unha rede “persoal” agradecida por moitos anos. Un traballo necesario e esclarecedor, clave nunha das etapas máis influentes da historia de España tanto polo que supuxo de ruptura como pola actualidade das súas conclusións.