Esta obra sitúanos nos primeiros anos do século XIX, cando a ambición do Gran Corso, o emperador Bonaparte, é unha ameaza para todas as nacións europeas. O protagonista, un rapaz da Costa da Morte, enrólase na Armada onde participa na defensa da cidade de Ferrol e en Cádiz é testemuña do maior combate naval que viron os séculos nas augas do Estreito de Xibraltar, acontecido fronte ao cabo de Trafalgar o 21 de outubro de 1805. A gran batalla e as súas consecuencias serán o tema desta narración de aventuras que mereceu o Premio Risco de Creación Literaria 2009.
5 / 4 / 2010
Anxos García Fonte. Cabanas
No Cabo de Trafalgar, o 21 de outubro de 1805 ten lugar unha gran batalla que marcará un antes e un despois na marcha da historia europea. Trafalgar, a do vinte e un, que dá título á novela, e as súas consecuencias –sobre todo as súas consecuencias– serán o tema desta narración que arrinca coa despreocupada vida dun rapaz na aldea de Santa Mariña, na Ría de Camariñas, que chegará a ser testemuña e protagonista de importantes feitos históricos.
O contexto político da batalla de Trafalgar ocupará o interese central da novela, quedando as fazañas bélicas e o enxalzamento dos feitos heroicos nun segundo plano. Parece coma se o narrador nos quixese transmitir a idea de que o realmente importante se xesta nos despachos e consellos e que as batallas non son mais que a consecuencia de decisións ou actos que, moitas veces, poden obedecer a casualidades ou caprichos persoais, como por exemplo as nefastas decisións políticas do rei Carlos IV.
No decorrer das páxinas dos primeiros capítulos da novela atoparemos unha minuciosa descrición dos días previos ao desastre contados por un narrador, Xoán Pardiñas, que, se ben non participa directamente nas decisións, si que o fai como observador testemuña privilexiado, grazas ao seu traballo de asistente dun alto mando da mariña española, o Xeneral Xoaquín Moreno d´Houtlier. Nestes primeiros momentos da narración analízase a delicada situación política de España con respecto a Francia, que se traduce a nivel militar na subordinación da armada española aos intereses estratéxicos de Napoleón. Asistimos co protagonista a conversas nas que se constata a impotencia dos altos mandos aos que serve para frear as erróneas decisións do vicealmirante francés Villeneuve, que levarán sen remisión ao desastre do 21. Nesta batalla sentenciaranse definitivamente os acontecementos políticos posteriores: a consolidación de Inglaterra como gran potencia europea, a definitiva decadencia de España que acabará sendo entregada pola monarquía borbónica a Napoleón e o pulo definitivo para os incipientes movementos emancipatorios das colonias americanas.
Nunha segunda parte da novela, despois de que se precipiten os acontecementos políticos a consecuencia da batalla de Trafalgar, o protagonista, acompañando ao seu novo señor, Xoán Ruíz de Apodaca, trasládase a Londres para cumprir unha misión diplomática. Neste novo espazo, a súa implicación nos feitos narrados vai gañando protagonismo ao ser implicado nunha trama de espionaxe para informar dos movementos dos independentistas venezolanos e da implicación de Inglaterra no proceso de emancipación das colonias españolas. Un xogo perigoso onde todos xogan a dúas bandas e o embaixador español non dubida en apoiar á insurxencia irlandesa a cambio de información sobre os movementos da política exterior Inglaterra.
A acción vai avanzando sosegadamente sen grandes sorpresas entre manobras de espionaxe, alta política, rendez-vous diplomáticos, conversas de estratexia militar, lances amorosos e precipitadas fuxidas, todo isto contado a través dos ollos dun narrador cada vez menos inxenuo. En certa medida, poderíase considerar que
A do vinte e un é unha novela de formación: protagonista adolescente que vai medrando canda a historia e sabe aproveitar as oportunidades que enriquecen a súa experiencia vital e, ao mesmo tempo, evitar as situacións comprometidas, aínda que isto non lle impida xamais xogar as cartas que a vida lle pon diante. Xoán Pardiñas non é, de ningún xeito, un heroe pero, malia á súa extracción humilde, consegue estar a carón da primeira liña dos principais acontecementos históricos do seu tempo. Se cadra o segredo para conseguilo sexa a total consonancia que consegue ter cos amos aos que serve e das súas particulares habilidades sociais.
Seguindo este fío, é interesante facer un breve comentario sobre as relacións que se establecen entre os personaxes novelescos, moi diferentes segundo o seu sexo. Así, as relacións entre varóns tenden á camaradería cando se producen entre individuos da mesma extracción social, como acontece entre o protagonista e o cocheiro irlandés, ou a unha relación paterno-filial de mutua confianza e protección no caso do protagonista cos seus amos. Polo contrario, no caso das relacións heterosexuais esta tendencia á camaradería e á lealdade varía para xirar en torno a unha forte tensión erótica, expresada en interminábeis regueifas verbais nas que se dirimen as condicións da “rendición” amorosa. Exemplo disto sería a “batalla” dialéctica que se mantén durante anos entre Xoán e Irene, a moza gaditana que deixa para ir a Londres, por medio de cartas que, máis que aclarar a súa situación, teñen como función manter o lume aceso ata o seu encontro de novo en Cádiz. O mesmo acontece na relación Xoán-Deirdre quen, do mesmo xeito ca Irene, parece (ou parécelle a ela) levar a iniciativa amorosa, mais a actitude do protagonista encargarase, como no caso anterior, de desmentilo e afirmar a soberanía do seu corazón con respecto ás mulleres, decidindo entre as dúas mozas racionalmente de acordo coas condicións, máis ou menos vantaxosas para el, que lle ofrezan. A xerarquía entre clases, idades e sexos sempre é nitidamente respectada.
Por último, convén resaltar que Hixinio Puentes consolídase con esta nova entrega, que mereceu o Premio Risco de Creación Literaria 2009, como un narrador especialmente dotado para o xénero de aventuras, así como pola súa capacidade para ambientar historicamente dun xeito moi convincente grazas á atención ao detalle: descrición de interiores, obxectos, roupas e quinésica dos personaxes. Merece tamén unha mención especial a recreación do mundo mariñeiro, que o autor coñece sen dúbida moi ben, co que consegue involucrar ao lector nunha navegación literaria apaixonante que o anima a enfiar a proa polas súas páxinas detrás de novas aventuras con arrecendo a mar.