Nestas tres pezas teatrais de diferente rexistro dramático a palabra xera o contacto co mundo e inicia un compromiso que atinxe o pensamento, os criterios e as conviccións. Treitos dramáticos dun proxecto ético e político, fondamente comprometido co feminismo as tres pezas asentan na potencia que a autora lle confire á palabra, sobre todo cando se trata de teatro. En Antígona. A Cartuxeira. Neuras, o verbo é poder, desexo de cambio, subversión e consciencia.
24 / 11 / 2008
Andrea Álvarez Pino. Santiago
María Xosé Queizán reúne tres textos de teatro nun único volume e Galaxia encárgase de facérnolo chegar envolto en suaves tonalidades violeta, capitaneado por unha muller que arrincou a máscara e que nos mira de fronte, case que nos atravesa.
Antígona, A Cartuxeira, Neuras, treitos dramáticos dun proxecto ético e político, fondamente comprometido co feminismo, que a Queizán vén espremendo en novelas, poemas, ensaios, en textos teatrais coma os que aquí vos presento, dende finais da década dos sesenta.
Pese a que non se advirte un criterio claro que explique por que esta selección, coa publicación conxunta das tres pezas, a autora parece querer fiar coa agulla do tempo as claves temáticas e construcionais que guiaron o evoluir da súa dramaturxia até a actualidade.
Antígona, A Cartuxeira e Neuras pertencen a etapas cronolóxicas relativamente distantes dentro da traxectoria literaria da viguesa: á súa reelaboración da traxedia de Sófocles, que apareceu publicada por primeira vez en 1989, súmalle agora un drama inédito anterior, o de Lola, botadora de cartas, e unha comedia sobre a crise da identidade que escribiu no ano 2006.
A perspectiva feminista propia da autora, de sesgo humanista, atravesa os tres textos, que, porén, ofrecen diferentes tratamentos da acción dramática. Para empezar,
Antígona mantén a estrutura do texto clásico, pero transforma o contexto no que se desenvolve a trama. O paralelismo é só formal, o que permite un sutil xogo de espellos que logra impulsar a Elvira, a heroína tráxica, un paso máis aló do seu referente mítico. En pleno século XVI, ela enfronta a propia vida, xa non (só) contra a tiranía do pai, senón contra o poder avasalador de Castela, pola soberanía de Galicia. A través de Elvira, a rebelión simbólica de Antígona transcende a esfera familiar e privada para se converter nun xesto público e, polo tanto, político. Pola súa banda,
A Cartuxeira é un exercicio de realismo. Contextualizada nos setenta, a obra ofrece o retrato da clase media-baixa do Vigo da época. Non sen certa ironía, a trama desenvolve os subtemas do azar e o destino para finalmente suxerir que nunha sociedade que rouba, esquece e viola mulleres, nós sempre partimos coa peor carta.
No caso concreto da obra máis recente,
Neuras, o discurso humanista aparece salferido dalgunhas notas posmodernas que introducen o tema da dispersión identitaria que experimenta o suxeito actual, e determinan unha estrutura fragmentaria e a consecuente ruptura da linealidade temporal. Mágoa que nunha peza que anuncia o salto cara a novos mecanismos formais e na que comezan a atisbarse caracteres de perfís complexos e con grandes posibilidades de acción, a Queizán non se anime a amosar máis ca un simple esbozo dos mesmos, e isto unicamente a través do diálogo. Ao amparo do marco propedéutico da consulta de Sara, psicoterapeuta, a autora forza intervencións retóricas de personaxes construídos segundo pautas aínda tradicionais. Se ben a decisión de intercalar vídeos ilustradores das palabras dos pacientes manifesta a vontade de insuflar certa dose de contemporaneidade formal, o certo é que o experimento audiovisual resulta redundante e, salvando os cortes máis cabareteiros do final, apórtalle pouco á teatralidade dun texto dramático que non ten a penas accións.
Pero deámoslle a volta á tortilla. Sexan ou non de ficción, as obras de María Xosé Queizán asentan na potencia capacitadora que a autora lle confire á palabra, sobre todo cando se trata de teatro. En
Antígona. A Cartuxeira. Neuras, o verbo é poder, desexo de cambio, subversión e consciencia. O motor que anima a acción de cada unha das tres pezas é, pois, fundamentalmente verbal. Para quen aínda entende que o teatro é diálogo, a inmediatez propia do xénero fai deste un medio especialmente eficaz á hora de proxectar no social a carga política das palabras. Esteamos de acordo ou non neste punto, penso que é precisamente desde aquí que hai que aproximarse ao traballo dramatúrxico da autora se queremos entender as súas motivacións últimas. Descubriremos que, a pesar dos excesos discursivos, a lectura acaba afacéndose ao trasego retórico, e que, daquela, as personaxes tórnanse familiares e recoñecíbeis nas súas violencias. Extraordinarios como os de Elvira, tristemente cotiás como os que ensuxan o mundo de Lola, ou bulímicos, ansiosos e desconcertantes como os que estouran no diván de Sara, os conflitos dos que parten os tres textos non deixan de basearse nas experiencias e perspectivas das mulleres reais.