A Terra Brava de Ánxel Fole é, perante todo, unha paisaxe cultural construída e reinterpretada pola comunidade local ao longo do tempo. Este libro é un monumento á identidade do Courel feito por un home da terra que traballa a memoria, recolle as palabras e as cousas, un ser humano que reflexiona sobre a súa propia identidade. Unha exhaustiva investigación antropolóxica sobre o termo municipal do Courel, os seus costumes e todo aquilo de relevancia cultural.
21 / 1 / 2008
Xurxo M. Ayán. Santiago
Hai libros que se poden ler e valorar con certa obxectividade e outros que conquistan a vontade e mailo agarimo do lector con só botar unha ollada. No meu caso, o libro “Usos, costumes e cousas do Courel” forma parte deste segundo grupo de literatura, por varios razóns. En primeiro lugar, porque a miña familia é da Pobra de Brollón, terra debruzada entre a Terra de Lemos e as estribacións montesías do Caurel (con a, como dicimos nós), coa Serra da Trapa servindo de límite natural entre territorios históricos dende época inmemorial. En segundo lugar, porque a zona meridional do Courel é unha paisaxe familiar, de cando nos anos 80 se podía ir de Parada de Montes a Vilamor por unha pista de terra sen asfaltar ou de cando a mediados dos 90 fun á miña primeira escavación arqueolóxica no Castro da Torre, en Sobredo, entre Folgoso e Seoane, nuns anos nos que a Devesa da Rogueira mantiña a súa faciana milenaria de bosque virxe, por onde cruzaban ao Bierzo os meus avós, seitureiros en Castela. E, finalmente, porque este libro é a obra dun home da terra, dun ensaísta alleo á literatura gris da Academia e dun etnógrafo que traballa a memoria, recolle as palabras e as cousas, dun ser humano que reflexiona sobre a súa propia identidade.
As palabras e as cousas
Este manual de Etnografía do Courel forma parte do amplo abano de publicacións que acolle a editorial Toxosoutos sobre o patrimonio e paisaxe rural tradicional galega, unha liña de traballo na que invisten os seus esforzos unha manchea de asociacións veciñais e culturais espalladas por todo o país, tentando recuperar, na Galicia postmoderna, a cultura material da sociedade premoderna na que se formaron os nosos avós e maila xeración dos nosos pais. Jesús Afonso Parada fálanos dese universo en vías de desaparición do que forma parte, fornecendo unha perspectiva pola que devecen tódolos antropólogos do mundo, é dicir, a posibilidade de analiza-la sociedade obxecto de estudo dende dentro, manexando os códigos e o patrón de racionalidade da comunidade local. Antropólogo, informante e protagonista pola súa vez, o autor desenvolve un traballo enciclopédico de recolleita sistemática das manifestacións materiais da paisaxe cultural tradicional do Courel, fornecendo un inventario que se incardina na tradición da etnografía galega, chantada por Vicente Risco e Xaquín Lorenzo. Este enfoque reproduciu de cheo os modelos etnográficos xermanos, xa dende a época do Seminario de Estudos Galegos, predominando a perspectiva historicista i etnolingüística encarnada no método das Palabras e as Cousas (Wörter und Sachen) desenvolta na Escola de Hamburgo por Fritz Krüger e que tivo grande influencia tamén no Institut d’Estudis Catalans e na Sociedad de Estudios Vascos. Este tipo de etnografía perviviu en décadas posteriores e materializouse no volume da Historia de Galicia editada en Bos Aires e coordenada por Otero Pedrayo. Dende estes parámetros, privilexiouse o estudo folclorista da sociedade rural, dando boa conta da vida cotiá e da actividade económica a través da descrición formalista das ferramentas, as técnicas, as construcións…, diferenciando as dúas vertentes que conforman unha sociedade: a cultura material e maila cultura espiritual. Se ben este enfoque tradicional inza o presente volume etnográfico sobre o Courel, tamén fornece o aspecto máis valioso, ao noso entender do mesmo: un rexistro completo a escala comarcal do patrimonio etnográfico desa zona de Galicia.
S.O.S Courel: presente etnográfico vs futuro
En liña xerais, o libro reproduce, para ben e para mal, a vertente máis tradicional da Etnografía galega, materializada, por exemplo, no discurso e na exposición do Museo do Pobo Galego. Neste tipo de discursos esencialistas segue a ser manexada unha perspectiva que sanciona o concepto de presente etnográfico, sen ter en conta a incidencia dos contextos e conxunturas históricas na configuración da cultura material e do patrón de racionalidade das comunidades locais. Lonxe desta imaxe ruralizante, romántica e folclorista, cómpre abordar a paisaxe rural tradicional non coma unha ruína ou paisaxe fosilizada, senón coma un mundo vivo, cambiante, que muda e é reinterpretada polos seus habitantes. Ademais das palabras e as cousas, existe a xente que semella non aparecer por ningures neste tipo de literatura etnográfica. Para laiarse do paso do tempo e homenaxea-lo Courel como espazo natural xa temos a poesía de Novoneyra e a prosa de Fole. Eis o cerne da cuestión. Se a Etnografía fuxe desa perspectiva fosilizante poderá converterse nunca ferramenta interpretativa que contribúa socialmente a transforma-la realidade. O Courel foi en tempos unha inmensa paisaxe mineira en mans do Imperio romano. A extracción de ouro mudou as serras e os ríos, abriu vías de comunicación, deixando unha pegada fonda no territorio. Dous mil anos despois, atopámonos de novo co impacto dunha nova industria, neste caso as canteiras de lousa, e cun conflito entre Tradición-Progreso, Mundo Rural-Modernidade. Dende unha perspectiva urbanita, téñense implementado plataformas ecoloxistas que berran socorro polo Courel, un espazo natural en perigo… pero no que tamén vive xente á que lle gustaría deixar de emigrar dunha santa vez. A realidade sempre é máis complexa do que parece e non é o mesmo vivir no Courel que ollar esa realidade dende unha casa de turismo rural. A Terra Brava de Ánxel Fole é, perante todo, unha paisaxe cultural construída e reinterpretada pola comunidade local ao longo do tempo. Lonxe de illa-la realidade en vagos presentes etnográficos, a Etnografía e maila Antropoloxía Cultural deben xogar un papel primordial nestes debates, xa que lonxe da súa natureza humanística, son tamén prácticas políticas que analizan e transforman a realidade e contribúen a construír e reconstruír identidade.
Porque este libro é un monumento (algo que prevalecerá no tempo) á identidade do Courel e unha sentida e honesta homenaxe do seu autor, nun tempo de Plans Leader e escavacións na procura do primeiro galego nas serras orientais. Como dicía Xuan Bello na Historia Universal da súa aldea natal, Paniceiros: “Ya escribió William Blake, el visionario inglés, que el poeta es el que sabe ver el universo en un grano de arena. Tolstoi, más pragmático, aconsejaba al escritor emergente que si quería cantar a la tierra inmensa, cantase a la aldea donde había nacido. Esta capacidad e ir de lo local a lo universal y viceversa, es simplemente la cultura, la necesidad de explicar el mundo.”
E o mundo explícase moi ben nunha tarde de outono, outeado dende un picouto do Courel, sentindo o pouco que é un home.