Cunha ironía reflexiva e cunha técnica próxima ó experimental o poemario "Pequeno sol satélite" (Amastra-N-Gallar,2001) é a segunda obra deste poeta lugués afincado en Francia, que el mesmo ofrece para a súa distribución de balde a través de Lg3.
8 / 5 / 2001
Santiago. Redacción
En palabras de Cesáreo Carballido, a poesía é "un xeito peculiar de pensar en liberdade que opón o fracaso do poema á orde triunfante da meteoroloxía financeira que defende o fracaso incesante da razón contra o éxito do razoable". Nacido en Lugo no ano 1971, Carballido estudiou as filoloxías Hispánica e Galega en Lugo e Santiago de Compostela, para despois marchar a Normandía no ano 1998, de onde se viaxou a Poissy, nos arredores de París. Alí escribiu este novo poemario "pequeno sol satélite" na súa introducción di que con el "parece que a Terra quere volver ocupa-lo centro fachendoso e tranquilo do universo. O sol satélite é só un mosquito que axexa.-di Carballido, engadindo unha reflexión severa non falta da ironía da que o resto do poemario está empapada- Algo que ten que proer nunha lingua que esmorece por exceso de eficacia",
Neste pequeno sol, Carballido emprega rexistros do surrealismo aplicados no cotiá e no doméstico, debuxa así secuencias de imaxes burguesas casque enumeradas para contaxiar tensións e reflexións. O sarcasmo e a ironía que manexa definen o seu particular mundo verbal cheo de xogos de palabras, rupturas e paralelismos nunha intención de ruptura activa anovadora e tecnicamente complexa e ben resolta."Pequeno sol satélite" esgotouse na súa edición venal da Editorial Amastra-N-Gallar, dirixida por Emilio Araúxo e agora o propio autor ofrece ós lectores de Culturagalega.org a posibilidade de obter esta edición electrónica, que segundo el "podería dalo a coñecer ás persoas interesadas que non puideron facerse con el no seu momento".
Para afondar máis sobre as ideas que impulsan a Carballido remitímonos á autopoética de "Sede Auga" (Xerais,2000), o seu primeiro poemario, onde Cesáreo non fuxe de reflexións políticas e sociais sobre a mercantilización dos valores xenuínos "O eido colectivo é cedido polos nosos xestores a mans privadas, a tecnoloxía eclipsa a procura científica a arte é mesurada en termos de pasatempo", escribe Carballido. Ante estes e outros males reivindica o espacio da poesía como lugar para debater sobre a resistencia ante esas actitudes, "ö pensamento xenuíno (político, científico, artístico) correspóndelle a tarefa de facer fenda, creba-la ilusión dun mundo repleto, rematado, definitivo. Afirmar que hai espacio para o impredictible, para o non fundado. Aí está tamén o poema."