Unha historia de amor transgresora que se desenvolve nunha cidade onde a comunicación humana non é doada. Unha novela que cuestiona a sociedade consumista postmoderna. Unha ambientación moi coidada e un erotismo elegante. Un texto engaiolante que non podemos deixar de ler até o final. A ópera prima de Cerradelo, Premio Terra de Melide 2006, é un verdadeiro descubrimento, unha desas novelas para somerxerse de cheo no pracer de ler. Estes paxaros que migran ao sur agochan moitos segredos, que quen le descobre coas mesmas doses de sorpresa ca de pracer.
30 / 4 / 2007
Montse Pena. Bangor
“Os paxaros tamén migran ao sur”, Premio Terra de Melide 2006, de Silverio Cerradelo é unha das interesantes operas primas que nos está a deixar esta primavera de 2007, xunto con “Acio sanguento” de Carlos Freire, “Diario do impostor” de Hector Carré ou “Canícula”, coa que Mariña Pérez Rei se estrea no ámbito narrativo. Porén, a obra de Cerradelo é un verdadeiro descubrimento, unha desas novelas ás que unha chega case por casualidade e que a fan somerxerse de cheo no pracer de ler, mais tamén de sentir. Porque as liñas que trazan a súa espiña dorsal debuxan un dos grandes temas da literatura e, en xeral, da vida: o amor e as transformacións que este implica. Un amor con letras maiúsculas, firme, case puro (se se nos permite a palabra), que neste caso cingue a Jordi, un estudante de doutorado en bioloxía (que non volverá a ser o mesmo logo desta relación) e a Eva, unha rapaza alemá cunha percepción da vida excepcional metida no mundo das drogas e da prostitución. Un vencello moi estreito mesturado con todas as claves e complicidades que comportan os sentimentos íntimas. E como pano de fondo, como acuarela paisaxística, a cidade de Barcelona, terceira protagonista deste engaiolante texto.
Ata aquí, serán moitos os que pensen que esta é unha historia, como tantas outras, de sentimento amoroso destinado ao fracaso ou, en todo caso, ao sufrimento. Mais estes paxaros que migran ao sur agochan moitos máis segredos, que quen le descobre coas mesmas doses de sorpresa ca de pracer. As primeiras chegan coa certeza de estarmos diante dun estilo particularísimo, ben depurado, sensíbel a todo e excelentemente aproveitado pola elección da primeira persoa narrativa que se vale da forma confesional para chegar ao lectorado (pois é o diario de Jordi a lente que nos permite acceder á trama novelística).
O segundo descubrimento vén da man duns personaxes redondos, moi ben acabados, que conseguen que sexamos partícipes da súa historia e, dalgún xeito, nos involucremos nela. Alén diso, a recreación dos ambientes barceloneses do barrio chinés axuda a soster a verosemellanza da novela, xa que ao valerse de tan breves, coma doadas e concisas descricións, o autor consegue situarnos nel e expornos ao percorrer de recendos, xentes e olladas que transitan polas súas rúas. A prosa de Cerradelo acompáñase, igualmente, dun elemento aínda bastante ausente na narrativa do sistema galego (a pesar dalgún dos últimos experimentos literarios, como “Dz ou o libro do esperma” de Samuel Solleiro): o erotismo. Presentado de xeito directo, con absoluta naturalidade e sinxeleza, dá lugar a algunhas das pasaxes máis fermosas e emotivas de toda a obra e configura un dos mellores exemplos dunha sensualidade exuberante transmitida en galego.
Emporiso, no dorso de todo este armazón argumental, atopamos o outro grande tema aquí tratado, pois o autor introduce, a partir da personalidade da protagonista, a cuestión da amarga e incómoda soidade humana ante a anguria existencial, provocada por unha forma de sensibilidade que xa non comparte a multitude. Levado ante as últimas consecuencias, este argumento configúrase como o máis auténtico pouso filosófico da creación de Cerradelo, que nos incita a reconducir a nosa posición ante os sufrimentos dos demais, daqueles que non coñecemos, mais que están a padecer á nosa beira, alí onde aínda os podemos ver.
“Os paxaros tamén migran ao sur” aínda se reserva algunha que outra particularidade engadida, como ese limiar no que se explica o singular proceso de escrita que viviu a obra, redactada a partir de tres versións en galego, castelán e catalán que se foron enriquecendo mutuamente. Experiencia que non fai se non amosarnos que o camiño da escolla lingüística para a creación é un vieiro ben complicado, moitas veces imposíbel de descodificar. Unha orixe pouco habitual para unha humilde e delicada oración laica , un verdadeiro canto á sensibilidade, que nos obriga a pensar que aínda estamos a tempo.