“Limpeza de sangue” non só é o libro que inaugura a Biblioteca Dramática Galega (en virtude do xa tradicional convenio entre o IGAEM e Xerais, continuadora dos anteriores Libros do CDG) senón que é, ademais, un texto dramático interesante, cheo de aspectos suxerentes. Iso, sen dúbida, foi o que o fixo merecedor do Premio Álvaro Cunqueiro en 2006.
19 / 3 / 2007
Inma López Silva.Santiago
Rubén Ruibal amósasenos aquí coma un autor de talento que constrúe unha obra de estrutura cinematográfica, constituída por escenas que desenvolven un argumento ben dosificado. A historia, fiada a través dunha relación hospitalaria entre un ex-heroinómano e un snob, oscila entre a intriga policial, a reflexión filosófica e humana e a crítica á corrupción e a sociedade actual nos seus aspectos ideolóxicos, políticos e económicos. Cuns personaxes ben deseñados e unha excelente caracterización lingüística dos diálogos, “Limpeza de sangue” discorre axilmente conducindo o lector de maneira hábil nun mundo no que os acontecementos dan paso aos sentimentos, obrigándoo a unha reflexión irónica sobre o mundo a través de toques de humor que descargan a tensión e relativizan os toques demasiado filosóficos. Alén diso, está a creación dun espazo urbano, tendente ao realismo sucio seguindo a liña que no seu día inaugurou Roberto Vidal Bolaño, mais afondando no aspecto humano ao que accedemos a través das conversas entre Fernando e Pantaleón durante as sesións de diálise, e a través do sentido práctico do primeiro e do desexo de fondura moral-relixiosa do segundo. A sucidade, porén, non é soamente estética. Hai unha intención de amosar un mundo sucio, corrupto en tódolos ámbitos, desde a policía ata as empresas, pasando polo propio mundo sanitario, malia o elemento aséptico que se lle supón. Os personaxes de “Limpeza de sangue”, por iso, procuran sen pausa a súa propia redención, loitando sen éxito contra un sistema que lles é hostil e que só os conduce a caer no delito ou á morte, elementos finais de vidas que serpentean entre os límites da ilegalidade, da amoralidade e da inhumanidade.
Vontade de lectura e de escena
Hai unha vontade literaria en “Limpeza de sangue” que me parece un dos aspectos que elevan a calidade do texto. A obra demostra que Ruibal coñece o teatro desde unha perspectiva escénica, de xeito que non renuncia á posibilidade que todo drama encerra: conter en si mesmo a súa propia representación escénica. Pero tamén é verdade que se trata dun texto, dunha obra que gañou un concurso de literatura dramática e que achega para o teatro galego un xogo textual que os nosos dramaturgos poucas veces explotan: o diálogo autorial, mesmo narrativo coa propia obra. As acoutacións en “Limpeza de sangue” constitúen, dun xeito ou doutro, un discurso paralelo que non só
sitúa, senón que tamén
relata, xulga e
comenta ao estilo dun narrador omnisciente que amplía enormemente os significados da obra. Hai, polo tanto, na obra de Ruibal a construción dun lector e a construción dun espectador posíbeis que non teñen por qué coincidir, pois o discurso das acoutacións non ten que ser visíbel nunha posíbel posta en escena na súa totalidade. Velaí un reto que a obra propón ao director de escena, que se engade a outros dilemas técnicos derivados da estrutura secuencial, a miúdo máis cinematográfica ca teatral, xogando cos puntos de vista e propoñendo unha obra que, malia a lonxitude e a organización, permite unha posta en escena achegada á proposta orixinal do texto.
Non quero deixar de lembrar que “Limpeza de sangue” vai dedicada, entre outras persoas, a Roberto Vidal Bolaño. Sen dúbida, Roberto semella mestre en moitos aspectos desta obra, fundamentalmente na literariedade das acoutacións e na estrutura secuencial, pero tamén é verdade que Ruibal ten luz propia e amósase orixinal nun texto dramático cuxa gran virtude é saber oscilar entre a literatura, o teatro e mesmo o cine. Pode que sexa herdeiro teatral de Vidal Bolaño, pero Rubén Ruibal ten xa entidade propia no panorama teatral galego, ben acreditada a través de Limpeza de sangue. E seguro que Roberto se aledaría de que o baleiro que nos deixou no nivel creativo comece a ser menos espazoso.