"Quen sabe quén é, sabe quén pode ser; e quen sabe de ónde ven sabe a ónde pode chegar". Esa é a lección aportada por Eladio Rodríguez na súa obra que despois de máis de 60 anos da súa edición orixinal segue a ser de obrigada consulta e consigue aportar agora con esta edición do Breviario Enciclopédico por La Voz de Galica, o coñecemento sobre as raíces culturais populares galegas na súa relación conxénita coa identidade da lingua galega.
31 / 5 / 2002
Santiago.RedacciónDespois de dedicárselle o Día das Letras Galegas do ano 2001 a figura de Don Eladio Rodríguez López colleu na historia o sitio que se lle debía pola importancia e profundidade da súa obra. Excelente coñecedor do léxico galego, Eladio Rodríguez traballou moitos anos no seu Diccionario Enciclopédico gallego-castellano, que foi publicado despois da súa morte. Esta obra saíu en tres volumes, cun total de 45.673 entradas, cantidade nunca acadada en Galicia ata entón por ningunha destas publicacións.
Eladio Rodríguez (San Clodio, Leiro, Ourense,1864; A Coruña, 1949) alternou o seu traballo como funcionario municipal na Coruña co labor xornalístico, poético e lexicográfico. Ademais de colaborar en xornais e revistas como Revista Gallega ou Galicia, dirixiu os xornais La Mañana e El Noroeste. No ano 1904 fundou con outros xornalistas locais a Asociación da prensa da Coruña, da que foi Presidente. Da súa obra poética, premiada en numerosos certames da época podemos destacar un gran coidado na métrica e un bo dominio do idioma. Eladio rodríguez foi un dos membros numerarios fundadores da Academia galega; secretario desta durante sete anos baixo as presidencias de Manuel Murguía, Martínez Salazar e Ponte Blanco; e presidente dende 1926 ata 1943, ano en que renuncia por motivos de saúde.
Con motivo da efeméride do ano 2001 La Voz de Galicia editou un Breviario ou glosario do Diccionario Enciclopédico, no que chega a recoller algo máis dunha sexta parte do conxunto da obra, reproducindo o texto orixinal (en castelán) fielmente traducido ó galego normativo. Neste breviario, e como consta no seu limiar, cinguíronse a "enfiar unha pequena historia da cultura galega restricta neste caso, por imperativos formais, só a facetas do seu aspecto espiritual apertando catro das súas dimensións máis relevantes: 1) as letras, 2) os feitos, 3) as crenzas e 4) as formas de vida." Neste mesmo limiar escrito polo Doutor Camilo Fernández Valdehorras convídase a entrar nas páxinas do Breviario Enciclopédico como se dunha "floresta verbal enfeitizada" ou "unha carballeira invisible de voces" se tratase, e non dubidan declarar o seu propósito de contribuír a amosar os roteiros da complexidade da identidade galega, "e espertar a curiosidade dos lectores cara ela. No albo de acadar non só unha maior autoconciencia de cada persoa inscrita no labirinto da galeguidade; senón sobre todo de instar a cadaquén a asumir a nobre obriga de preservar a vitalidade e repensara operatividade dese herdo. Convencidos de que o noso pasado cultural segue á espera de ser descuberto antes ca ninguén polos propios usufructuarios".