Paul Auster sitúa en Brooklyn o centro dunha desas encrucilladas da vida polas que o destino vai facendo pasar á xente. Nesta novela que contén moitas historias o barrio é a personaxe central, a colmea, e alí converxen os seres humanos que habitan a novela. Auster fala da empatía, do interese e necesidade que os seres humanos teñen os uns polos outros.
24 / 4 / 2006
María Liñeira. Oxford
Eu non sei a vostedes pero a min esa lenda urbana de lectura engaiolante (por favor, que non se acabe!) pásame cada vez menos; inconvenientes do oficio, supoño. Por iso, que un libro me obrigue a saír da casa, nada máis rematalo, para facerme con algo máis do autor déixame, cando menos, parva. A obra en cuestión é “Brooklyn Follies”, novela dun tal Paul Auster; xa saben, autor americano contemporáneo, internacionalmente famoso, etc. Pero como o mercado editorial anglosaxón é cuspidiño á compra-venda de futbolistas e estrelas do pop, e con esa maneira brutal que teñen de facer as cousas, os produtos que venden acaban por provocarme inquietude e desconfianza; e por iso, a estas alturas, aínda veño de descubrir a Paul Auster.
Noutras palabras
Estou certa de que foi a súa aparición en galego o empurrón que precisaba para facerlle un oco na miña lista de lecturas. Galaxia, cumprindo cun ambicioso programa de traducións, vén de publicar “Brooklyn Follies” (2006) mesmo antes de que vise a luz a versión en castelán. Encargouse do traballo Eva Almazán, presenza constante na letra pequena, quen fai un labor impresionante. O galego da tradutora é rico e versátil. Consegue recrear á perfección as diferenzas dialectais e de rexistro que a novela presenta e manter ben vivo o sentido de humor do autor.
A cidade de cristal
Lémbranse daquelas dúas magníficas películas que Wayne Wang filmou nos primeiros noventa? “Smoke” e “Blue in the Face”? Aquel pequeno estanco brooklynense, como non, polo que aos poucos ía pasando o mundo? A miña imaxinación, segundo lía, íalle poñendo a “Brooklyn Follies” as imaxes de Wayne Wang. Vin descubrir por parte de tarde que con moita razón, xa que Auster foi o guionista de ambos os dous filmes. Quero dicir con isto que o máis importante da novela, ou da obra do autor en xeral, é o espazo primixenio en que se desenvolve: Brooklyn, esa cidade dentro desa outra cidade, Nova Iorque. O barrio é a personaxe central, a colmea, e alí converxen os seres humanos que habitan a novela. Nathan Glass chega a Brooklyn buscando “un lugar tranquilo onde ir morrer” e tras dilapidar inutilmente o seu tempo tentando non domesticar nada ao seu redor acaba volvendo á vida cando comeza a establecer vencellos. No punto de encontro reatopa casualmente a parte da familia: á sobriño Tom, á pequena Lucy, á perdida Aurora, á filla Rachel. Porque esta é unha novela de personaxes, hai ducias deles. Todos tan redondiños e ben deseñados, que mesmo cando só aparecen nunha ducia de liñas temos a sensación de ter chegado ao seu celme. Pero tamén é unha novela de historias, hai ducias delas, e Auster deléitase contándonos as vidas daqueles que nos imos atopando: a camareira hispana Marina; a Mai Perfecta e Preciosa, Nancy Mazzucchelli; a nai desta mesma, Joyce Mazzucchelli; o dono da libraría, Harry Brightman ou tamén chamado Harry Dunkel; Honey Chowder; etc. Cada unha delas na súa marabilla e noxo ao mesmo tempo de ser unha vida humana.
O peso do fume
O que máis sorprende da novela de Auster é aquel clásico intanxíbel que provoca a acción e lles transmite a enerxía ás personaxes: o amor. Deixando dun lado os merengues (“pinocheirismo” fóra, como disque din por Braga), Auster fala da empatía, do interese e necesidade que os seres humanos teñen os uns polos outros. Por iso “Brooklyn Follies” é unha novela, que sen aforrarnos os peores ingredientes da vida (a doenza e a morte, a traizón e o fracaso, o fanatismo e a desilusión, as drogas e a prostitución, etc.), transmite esperanza e mesmo felicidade na aventura e desventura do vivir. O amor é a posibilidade, tanxencial e aleatoria, de coincidirmos uns cos outros e estar dispostos, xenerosamente, a partillar tempo de cualidade. Ninguén mellor que o Capitão do Mato, poeta e ex-diplomata para dicilo: “A vida é a arte do encontro, embora haja tanto desencontro nessa vida”.