De Rosalía de Castro ás poetas novas, Fran Alonso propón unha viaxe polos poemas máis próximos, divertidos e desenfadados da poesía galega. Poetízate é un libro pensado para as persoas que non están afeitas a ler poesía, unha iniciativa intelixente que aposta por inserir a poesía no ámbito do lúdico e como alternativa de ocio por riba de outras posicións máis académicas.
17 / 4 / 2006
María Xesús Nogueira.Lugo
“Atrapar” novos lectores entre aqueles aos que se lles presupón un desinterese e mesmo un rexeitamento da poesía é o obxectivo último da antoloxía que Fran Alonso preparou para a colección xuvenil Fóra de Xogo.
O singular título obedece a un propósito de desacralización da poesía co afán de convertela nunha proposta lúdica e nunha alternativa de ocio, afastada da seriedade academicista. Este obxectivo é formulado con claridade no limiar que se presenta baixo o rótulo, tan orixinal como significativo, “A poesía non morde”:
“Poetízate é unha antoloxía da poesía galega concibida e pensada para que ti, que non estás afeito a ler poesía, te adentres no xénero. Verás que pretende unha viaxe por algúns dos poemas máis amenos e desenfadados da poesía galega.”
Fran Alonso evita ademais calquera equívoco ao aclarar que non se trata dunha antoloxía canónica nin persoal, senón dunha selección daqueles textos que, “segundo a miña intuición, conectan máis coa sensibilidade e as preocupacións deses lectores e lectoras, e tamén [d]os máis comprensibles”.
Da desmitificación da poesía mediante a negación dalgúns tópicos que circulan en torno a ela (“romanticona”, difícil, aburrida e lida “por catro tolos”) ocúpase tamén o autor nun limiar que, paradoxalmente, pódelles resultar de utilidade a algúns profesionais do ensino fracasados no seu intento de achegar o xénero a un público reacio á lectura e aínda máis á poesía. Nese senso son especialmente salientábeis algúns consellos:
“non creo que ninguén teña que obsesionarse con entender a poesía. O importante, dígocho de verdade, non é entendela senón gozala, sentila e, en todo caso, intuíla. […] o fundamental na poesía non é comprender o que se nos di senón sentir o ritmo do poema, a súa sonoridade, os xogos de palabras que ás veces nos deslumbran, as fascinantes imaxes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Facer da poesía un pracer, en definitiva.”
Na mesma liña sitúase o apéndice “Visita guiada”, que o antólogo inclúe nas últimas páxinas do libro. Trátase dunha “guía turística”, “un percorrido persoal por algúns dos poemas”, cuxa lectura “non é imprescindible”. De igual maneira que ocorre coa introdución, o texto está redactado cunha linguaxe directa e coloquial (“¿sabes o que é unha autopoética?”, “dígocho de verdade”), que a miúdo bota man de imaxes procedentes do mundo do deporte (“Rosalía, que é a liña de saída da poesía moderna”).
Clásicos e contemporáneosNo que se refire ás composicións escolmadas e presentadas de maneira cronolóxica apréciase un esforzo por incluír autores clásicos a través dos seus textos máis asequíbeis. Así acontece con Rosalía, Pondal, Curros, Cabanillas, Pimentel, Manuel Antonio, Iglesia Alvariño ou Cunqueiro, entre outros. Na antoloxía recóllense tamén poemas dunha ampla nómina de escritores e escritoras que publicaron nas décadas dos oitenta e noventa. Os límites da escolma esténdense até a actualidade con mostras recentes da obra de Daniel Salgado (1981) e Antía Otero (1982). A poesía preséntase deste xeito como un xénero vivo e cultivado tamén polas voces máis novas da literatura galega.
Poetízate é unha iniciativa intelixente para achegar a poesía a un lectorado máis amplo que a miúdo queda fóra das expectativas dos axentes do sistema literario polo peso excesivo da institución educativa. Malia ser este o seu destino primeiro, a escolma ha ser tamén ben acollida noutros ámbitos debido á súa defensa incondicional do pracer da lectura de poesía. Así se deduce desta suxestiva definición da palabra poética que figura no limiar:
“Porque a poesía é o xénero máis libertario e transgresor. A lingua, nun poema, é como o chicle, pódese sacar da boca e estirar até que rompa. E moitas veces rompe.”