A voz de Vicente Araguas presenta unha singularidade que volve incómodo calquera intento de clasificación. Este volume que reúne toda a poesía publicada polo autor e algúns inéditos, ha ter un lugar de seu nas bibliotecas de estudosos e especialistas na poesía galega. Mais, por outro lado ha permitir tamén o descubrimento e a (re)lectura dalgúns textos que, pola súa deficiente distribución, ou por outras razóns, non chegaron ao lector de poesía.
20 / 3 / 2006
María Xesús Nogueira.Lugo
“Maneiras de querer”, que reúne a poesía publicada até o de agora por Vicente Araguas, sitúase á beira doutros volumes similares de autores que comezaron a súa andaina poética nos últimos anos da década dos setenta e nos primeiros oitenta. Neste portal deuse noticia dalgúns deles, como “Ancoradoiro” de Xosé María Álvarez Cáccamo ou “Do descoñecido ao descoñecido” de Manuel Rivas.
Como adoita acontecer neste tipo de libros, “Maneiras de querer” presenta a obra do escritor revisada e ordenada de maneira cronolóxica. Isto permítelle ao lector apreciar a súa evolución e tamén, na maioría dos casos, acceder a textos que doutro xeito lle resultarían imposíbeis de atopar. Así acontece con Paisaxe de Glasgow (esgotado), Poemas para Ana Andrea (aparecido en edición non venal), Caleidoscopio ou Campo Santo (libro luxoso e de moi reducida tiraxe). O volume de Vicente Araguas inclúe ademais dous poemarios inéditos, “Esquecín esquecer” e “Vintecatro maneiras de querer a Brian”. Nun breve limiar, o propio autor alude á difusión da súa obra como un dos obxectivos fundamentais da colectánea.
Malia a súa habitual adscrición (por motivos cronolóxicos) á denominada poesía dos oitenta, a voz de Vicente Araguas presenta unha singularidade que volve incómodo calquera intento de clasificación. Os seus inicios no xénero (logo de ter escrito un importante episodio da música galega co grupo Voces Ceibes) viñeron dados por unha actitude renovadora cuxa importancia no chamado “cambio de rumbo” da nosa poesía (isto é, na modernización e superación da estética socialrealista) foi salientado por algúns estudosos e reivindicado en ocasións polo propio autor. O seu primeiro poemario, “Paisaxe de Glasgow” (1978) introducía na literatura galega prácticas tan insólitas naquel momento como a experimentación (gráfica, fónica e sintáctica), a intertextualidade, o culturalismo e un exotismo logrado mediante a introdución de topónimos e expresións noutras linguas. A lectura dalgúns textos hoxe en día resulta sorprendente pola súa proximidade a formas de enunciación modernas (pensemos no rap ou no hip hop):
Tómaa como é,
maldice, racha,
espida vai sentindo,
emborca, escacha,
define: gran huevona,
voluda, laxa.
A vocación experimental deste primeiro libro rastréxase noutros posteriores, como Ás veces en domingo abonda coa tenrura (1980), Xuvia (1983) ou Caleidoscopio (1988). Estas primeiras manifestacións poéticas conteñen unha boa parte dos elementos cos que Araguas construirá a súa posterior poesía: o mencionado experimentalismo, o culturalismo, plurilingüismo, a constante presenza da música, o humor, así como o tratamento dos temas do amor, a memoria, a morte e a vida cotiá. Tales pezas son ensambladas por dúas actitudes mencionadas polo propio autor no limiar, a ironía e a tenrura:
FOTO ESCOLAR (1)
Unha mazá na mesa,
o mapa –remotamente
colonial– e unha pía
de libros completan a figura
da nena, todo ollos
a mirar cun xesto de ironía
para o futuro que ven
en papel de prata, como a lúa.
Alén disto, o retorno a algúns escenarios (entre os que destacan Glasgow, Xuvia e Madrid), confire á poesía de Vicente Araguas unha notábel coherencia.
Numerosos son ademais os textos que están especialmente dedicados a unha persoa á que o autor lembra ou rende homenaxe. É o caso dos Poemas para Ana Andrea (1982), dos libros inéditos “Esquecín esquecer” (2004) e “Vintecatro maneiras de querer a Brian” (2004), así como doutras moitas composicións pertencentes a outros libros. A vocación documentalista (“A Borobó roubáronlle unha pluma nova do trinque o 28 de marzo do 39”), a presenza de evocacións (“Para Paco Fernández Caxiao (a súa motora esvarando no esteiro do Xuvia)”), homenaxes, saúdos (“Salutación a Uxío Novoneyra”), e elexías (“Balada para Xela”) amosan unha concepción vitalista dunha poesía que ten como materia prima a experiencia e a memoria.
En canto obra poética reunida, “Maneiras de querer” ha ter un lugar de seu nas bibliotecas de estudosos e especialistas na poesía galega. Mais, por outro lado ha permitir tamén o descubrimento e a (re)lectura dalgúns textos que, pola súa deficiente distribución, polo peso das interpretacións máis canónicas da poesía dos oitenta ou por outras razóns azarosas, non chegaron, ou non quedaron, no lector “puro e duro” ao que o autor alude nas páxinas limiares.