Manuel Pereira preséntanos, na súa primeira obra de narrativa, un libro no que explora a combinación de diferentes linguaxes artísticas para contar as súas historias que comparten o elemento común da viaxe como fío que enlaza cada un dos relatos e aos personaxes nun contexto real e metafórico a un tempo. Un libro no que cada relato é como un traxecto curto nunha gran viaxe.
27 / 2 / 2006
María Xesús Nogueira. SantiagoAté o de agora, a figura de Manuel Pereira era coñecida sobre todo pola súa obra poética, elaborada a lume lento e presentada en “Poemas de cinza” (1990), “Todo morte” (1998), “Rosa íntima” (2000), “Inventario de fragmentos” (2001) e “Libro das viaxes” (2003), alén de numerosos textos aparecidos en volumes colectivos. Coñecíanse ademais páxinas de prosa aparecidas en publicacións periódicas varias, algunhas das cales amosaban xa o narrador que levaba dentro.
“Traxectos curtos” é polo tanto o primeiro libro narrativo do autor e nel, ademais de recoller algúns relatos publicados previamente (tal como dá conta de maneira detallada), presenta outros de nova creación. Mais, ao contrario do que cabería agardar nun volume destas características, non estamos diante dunha compilación de relatos senón dun libro cunha estrutura sólida e coherente, por moito que cada un dos textos poida ser lido de maneira independente.
Polo seu contido, “Traxectos curtos” é unha obra singular que transcende a categoría de libro de relatos ao intercalar poemas entre as diferentes narracións e incorporar unha serie de fotografías, tamén da autoría de Manuel Pereira. Estamos logo diante dunha obra que explora a combinación de diferentes linguaxes artísticas, como se o narrador non se resignase a deixar de ser poeta. Claro que, a quen coñeza a súa produción lírica, non lle resultarán estrañas as manobras de aproximación entre os xéneros literarios tradicionais, tan presentes, por exemplo, en “Inventario de fragmentos”.
A viaxe
No que se refire aos relatos, o libro reúne un conxunto de doce contos, en xeral de pouca extensión, que teñen como elemento común a viaxe, sexa esta un pequeno desprazamento urbano, unha viaxe no tren, no automóbil, a pé ou mesmo unha viaxe interior. O autor retoma de xeito moi particular un tema universal para presentarnos unha serie de personaxes que cruzan as súas vidas e, nun determinado momento, coinciden nos seus itinerarios. O motivo do encontro serve as máis das veces de fío ao xastre dos relatos. Ao tempo que desenvolve os fíos narrativos que se desprenden destas situacións, amosa tamén algúns praceres que agocha a viaxe: soños, historias inventadas para fuxir da rutina, o camiño sen rumbo ou o daquela viaxe “que supón explorar unha ollada”.
Con elementos sinxelos, Manuel Pereira constrúe relatos cargados de humanidade nos que, ben o narrador, ben os personaxes, reflexionan non só sobre a viaxe, senón tamén sobre os recunchos psicolóxicos e afectivos do ser humano.
Os poemas intercalados entre os relatos (que poden ser tamén lidos como unha pequena serie –falaba antes do poeta) son notas dun viaxeiro e reflexións líricas que complementan os universos temáticos de cada narración. Son, xa que logo, estacións, áreas de descanso ou sombras apracíbeis nas que se detén o camiñante.
Valores engadidos
As fotografías que ilustran o libro teñen case todas elas como temática os medios de transporte: a dársena dunha estación de autobuses, unhas mans ao volante, unhas vías do tren, o coche de liña, a entrada do metro e, no derradeiro dos relatos, unha estación abandonada. A súa capacidade suxestiva consegue reforzar a cohesión da obra e servir ademais de guía na lectura.
O coidado da edición e a significativa portada de Cristina Durán Arufe (percorrida tamén por pequenos “traxectos”) son valores engadidos a unha proposta literaria e plástica orixinal.
Manuel Pereira preséntanos polo tanto un libro no que integra diferentes linguaxes para un obxectivo fundamental: contar historias e, ao tempo, reflexionar acerca daquilo sobre o que nós, nalgún momento íntimo e secreto, reflexionamos tamén. Por iso resulta posíbel afirmar que é curto o traxecto que une o libro coa vida.
A lectura de cada relato é tamén un traxecto curto, unha pequena viaxe, solitaria e subxectiva, que nos ha revelar recordos, reflexións e praceres no territorio da intimidade.