Último dos libros editados da autora recentemente desaparecida e á que se dedica unha homenaxe no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Trátase dunha mostra máis dese mundo propio e recoñecible que María Victoria Moreno soubo crear. Tres contos para todos os nenos e nenas de sete anos en diante que buscan o amor nos olliños doces de mel dun can de bondadosas orellas.
6 / 2 / 2006
Isabel Soto. SantiagoHai uns meses a LIX galega sufría a desaparición dunha das súas escritoras pioneiras e de recoñecida traxectoria, María Victoria Moreno. A súa última obra publicada foi “Eu conto, ti cantas...”, un volume ilustrado por Manuel Uhía que reúne tres contos en verso: “¿Un cachiño de bica?” e “¡Xa non teño medo!” dados a coñecer hai algúns anos -1994 e 1998 respectivamente-, máis o inédito, “Can branco, can negro”. Ás múltiples homenaxes que o seu labor está a recibir, únese a do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, dedicado nesta edición aos libros nos que a natureza exerce un gran protagonismo e no marco do cal se presentará a mostra “A natureza dos sentimentos” centrada na autora.
Malia ser estremeña de nacemento, a súa fascinación desde moi nova por Galicia e pola súa lingua provocou unha entrega absoluta á defensa e promoción do galego, mesmo en tempos ben difíciles, así como á práctica da literatura para os máis novos, cos que logrou establecer unha comunicación fluída grazas a textos de calidade nos que tanto a linguaxe coma as temáticas escolleitas resultan moi próximas ao lectorado. Abonda con reparar no éxito de “Leonardo e os fontaneiros” (1986) ou “Anagnórise” (1988), cos que se achegou á adolescencia e aos seus problemas e introduciu modelos descoñecidos naquela altura na LIX galega.
Dos moitos aspectos que se poderían destacar da súa poética, salientan o lirismo e a tenrura que impregnan cada unha das súas páxinas, trazos que se plasman na utilización de traballadas metáforas e imaxes e na elección de elementos sinxelos e recoñecibles polos nenos e os adolescentes. Así mesmo, é recorrente o seu amor pola natureza en xeral e a súa reiterada defensa do trato digno que merecen os animais, en particular a súa debilidade polos cans.
“Eu conto, ti cantas…” non é unha obra allea a ningún destes trazos. Os cans son os protagonistas de “Can branco, can negro”, onde se nos presenta a dous deles, nacidos en circunstancias ben distintas. Mentres Nicolau, o can negro, ten casa e donos que o coiden, Correcamiños nace na beiravía da estrada onde a súa nai foi abandonada. Aínda así, ambos atoparanse e compartirán unha pequena aventura que fará nacer unha amizade que, entre cans, non entende de diferenzas.
En “¡Xa non teño medo!” a voz poética corresponde a un cativo que malia durmir na bufarda non sente medo da noite; pola contra, considéraa unha festa divertida e poboada de elementos máxicos e suxestivos. O texto convida o lectorado a atender ao latexar da vida: “Atende á Terra / e á vida que palpita / na natureza”. Os sons, os amigos curiosos que viven no armario, as sombras que esvaecen co fermoso luar e os personaxes que poboan a noite da súa vila velando polos demais, son retratados a través da ollada infantil, desbotando o medo a favor da maxia da vida cotiá.
O volume péchase con “¿Un cachiño de bica?”, “un conto ledo / coma os ollos dun can / e a voz dun neno”, que invita a procurar o amor que se intúe nos ollos doces dos cans. O poemario desenvolve o xogo dunhas letras barulleiras que saen da cunca do almorzo do protagonista, quen contempla abraiado a existencia dun reino de tenrura, ledicia e xogos no que viven Iván e a súa cadela Nica, unidos polos lazos da complicidade e a necesidade mutua. Saberemos así como as despedidas “mancan o corazón / cunha ferida / que mata as ganas / de bocados, de grolos / e de trasnadas”.
Inserido no conxunto da súa produción, “Eu conto, ti cantas…” é unha mostra máis dese mundo propio e recoñecible que María Victoria Moreno soubo crear nas súas páxinas, unha literatura de calidade que permanecerá para sempre entre nós.