A primeira peza teatral de Manuel Rivas, escrita con trazos de ironía e dureza, sitúanos nun presente recordado, entre un episodio histórico do franquismo e a contemporaneidade, para mergullarnos nunha subversión do concepto de heroe como culto ao guerreiro.
23 / 1 / 2006
Andrea Álvarez Pino. Santiago
E que se o corpo do guerreiro está feito dos despoxos das palabras, de verbas mutiladas unha e outra vez nese infernal estado de sitio que é a privación da liberdade? Resistir é reinventarse, é abrirse paso polos ocos das feridas e ocupar outras vidas, outros nomes, para non perder o control sobre a propia identidade. “O heroe”, a primeira peza dramática de Manuel Rivas, non fabrica guerreiros incólumes, senón homes e mulleres cuxo destino é facérenlle fronte ás circunstancias que a historia lles deparou. Caronte foi o lexionario Arturo Piñeiro, foi Robinson o boxeador. Combateu polas grandes palabras nunha guerra silenciada, a do Sidi Ifni, na colonia africana, e, sen vítores, sen aplausos nin condecoracións, esquecido do Réxime e da Patria, desembarcou en Lucía, nos seus fados das noites de loita libre en La Boîte de Pandora, o bar portuario que rexenta e dende o que, durante anos, axudaron a fuxir a xente. Tras da barra, agora que precisa esforzarse moito por se lembrar dos nomes perdidos, sabe que unha vez, cando a represión era xa para moitos a normalidade, tivo a oportunidade de se converter nun mártir, nun heroe romántico. Mais de que tería servido?
A subversión do sentido tradicional do valor e a desmitificación do culto ao heroe son o leitmotiv da acción que corre ao longo das doce escenas que artellan o texto. Alén do marco histórico fundamental que proporciona a actividade dos do Espertar Marítimo coruñés, Rivas difumina os anos sesenta do franquismo ate o punto de obviar as referencias cronolóxicas concretas e facer deles unha atmosfera, paisaxe de sombras que conecta coa vocación metafórica do autor. Esta está presente no alcance simbólico dos nomes dos personaxes, pero tamén na ambigüidade temporal premeditada, que permite a sutil incursión na ficción do noso presente máis inmediato (a alusión a unha posíbel toma de fotografías do torturado, a introdución do motivo temático da inmolación pola causa ou a violencia sufrida por Medias Vermellas son tres exemplos claros).
A tensión dramática técese a partir dunha complexa estrutura temporal que nos mantén á espreita. “O heroe” planifícase en torno a tres bloques temporais cuxa disposición contribúe á visión desmitificadora do periplo clásico do heroe. Mediante dous flash-backs sucesivos, rómpese a orde lineal dos acontecementos. Coñecemos dende o principio a sorte dun antiheroe, polo que asistimos de antemán á destrución de calquera atisbo de “xesta heroica” e á privación da gran catarse final.
“O heroe” de Manuel Rivas é unha adaptación do seu relato homónimo incluído na obra “As chamadas perdidas”. Debido, quizais, á súa orixe narrativa, e pode que condicionado por ser a primeira incursión do autor na escrita teatral, o texto amosa certa tendencia ao exceso retórico e semella resistirse ao abandono de esquemas construcionais da historia máis propios da novela.
A peza foi estreada por Sarabela Teatro, baixo a dirección de Ánxeles Cuña, o pasado día quince de outubro no Teatro Principal de Ourense, coincidindo coa celebración do vinte e cinco aniversario da creación da compañía.