A obra "A ciencia dos Anxos" da dramaturga e actriz coruñesa Inma António resultou premiada co galardón Rafael Dieste 2003 outorgado pola Deputación da Coruña. A obra de Inma António reflexiona sobre a ética no mundo científico como tema de fondo para unha historia de amor entre biólogos moleculares.
11 / 12 / 2005
Andrea Álvarez.Santiago
O Premio de Teatro Rafael Dieste na súa edición de 2003 foi outorgado á actriz, escritora e deseñadora Imma António Souto pola súa “A ciencia dos anxos”, que acaba de ser publicada. O pasado mes de xaneiro, Producións Librescena estreouna baixo a dirección de Miguel Pernas e coa interpretación da propia autora.
Imma António crea dúas almas xemelgas que se amarían aínda sen se teren visto diante, porque as súas naturezas, coma as dos anxos, son estrañamente concupiscentes, e búscanse sen sabelo mentres tratan das cousas de tódolos días, esas que nos atan a este mundo. Luz e Gabriel son dous biólogos moleculares que dende hai tres anos comparten proxecto e laboratorio. A autora sitúanos nese lugar de encontro rutineiro onde empeza e remata o que unha personaxe coñece da outra, e preséntanos a Luz, que está a traballar debruzada sobre un microscopio mentres tararea “Cheek to Cheek”. Cando Gabriel entra pola porta, dez minutos tarde, igual ca sempre, semella que a xornada se vai desenvolver, palabra por palabra, xesto por xesto, idéntica ás anteriores. Sen embargo, aleatoriamente, parece que chegou a hora de se rebelaren e, sen querer, pero conscientes, as personaxes deixan que as frases tantas veces repetidas se dilaten paseniño ate o punto de que conseguen desautomatizalas e, por ende, descubrir que é o que agochan realmente.
Luz e Gabriel re-descóbrense ao longo dun diálogo acumulativo a través do que Imma António logra un espléndido crescendo da tensión dramática que renova cada pouco as expectativas do lector. Ao longo da primeira escena das dúas que artellan o texto, os colegas falan por vez primeira das súas vidas. As descubertas acumúlanse de xeito que xa case albiscamos o obrigado bico final. Sorprendentemente, despois dunha elipse temporal que abarca unha tarde e unha noite, comeza a segunda e derradeira escena e prodúcese o xiro da acción definitivo. Só entón delimitamos o conflito que a peza plantexa e entendemos que a conversa, os seus contidos, os relatos de dúas vidas, son absolutamente prescindíbeis: Luz e Gabriel coñécense profundamente dende o primeiro día, dende moito antes de saberen nada o un do outro.
Algo por describir
Qué é coñecer ás persoas? En que consiste? Non sabemos máis dos demais só por termos unha morea de datos biográficos. Quizais impere a química, ese algo inmaterial que sobrevoa rozando os obxectos e as palabras, pero que non participa deles, ese algo que transmiten os números de baile dos musicais americanos dos que tanto gosta Luz, e que se transforma segundo as leis da física, ese algo que ben podería describirse como “a ciencia dos anxos”.
A autora dosifica con tino o fluxo de información para desenvolver un diálogo continuo cuxos silencios bequettianos son, sen embargo, os verdadeiros portadores de contido. Neles reside a potencia escénica da obra, que requirirá sobre as táboas dunha construción complexa das personaxes, que traduza na escena esa parcela de significado que se intúe entre o que Luz e Gabriel din e o que realmente acontece - entre a exactitude da ciencia e o intanxible dos anxos-, e que a autora non acaba de aproveitar teatralmente ao conferirlle un peso excesivo á dimensión textual fronte á espectacular.
Porén, que a acción se desenvolva nun espazo único, o laboratorio, para o que a autora propón unha versión realista, non estilizada, reforza a unidade temática e estrutural. Paradoxicamente, o lugar pechado e aparentemente frío onde a vida se entende en moléculas, asiste á combinación das compoñentes químicas que fan posible o misterio biolóxico do nacemento do amor. Pero, como seguir amándose? Como seguir re-descubríndose, re-coñecéndose? Se cadra, aplicando as leis científicas. Se, como di Gabriel, “un número de individuos empeñan un grande esforzo en, poñamos por caso, idear novas formas de amar...”, entón, como di Luz, “... os individuos da mesma especie desenrolarán con rapidez esa capacidade”.
“A ciencia dos anxos” retoma a temática amorosa, pero dende unha perspectiva desmitificadora que conecta coa comprensión das relacións humanas do teatro máis actual. Se ben non é un texto novidoso no tocante á técnica literaria empregada nos diálogos, o tratamento depurado da acción, xunto coa hibridación de realidades sociais insospeitadas, aventuran novas liñas de creación de discurso para o noso panorama dramático.