Juan Farias está de plena actualidade porque un dos seus títulos, “Un tarro cheo de lapis”, acaba de aparecer no mercado galego dentro da colección “Camaleón” que edita Planeta & Oxford, ademais de ter acadado recentemente o Iº Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil Edicións SM. O galardón quere recoñecer a solidez e o compromiso da súa obra, a elección de temas e a súa vontade de estilo, trazos que o converten nun auténtico clásico en vida ao se tratar dunha das voces máis persoais e recoñecibles da LIX actual.
24 / 10 / 2005
Isabel Soto. SantiagoPoderíase afirmar que Farias escribe sempre o mesmo libro, variando en cada caso o centro de atención pero sen modificar os alicerces da súa poética. “Un tarro cheo de lapis” estrutúrase en breves escenas que describen momentos, sensacións e imaxes que se van construíndo aos poucos, dotadas desa espontaneidade infantil que lles proporciona a visión do narrador protagonista. Como en moitas outras obras, o autor argalla unha diversión alternativa para o rapaz: a escrita, unha actividade que vai encher eses longos días de chuvia nos que, por prohibición materna e para evitar os temibles catarros, non se pode ir de pesca. Se nun principio, J intenta materializar en palabras a súa desbordante fantasía e reproducir os seus gustos literarios, axiña se decata do interesante que pode resultar ficcionalizar o seu contorno familiar, coma se fose un cronista. Así pois, o relato comezará coa inesquecible historia de amor de seus pais, que se namoraron para sempre nunha mañá de primavera. E seguirá coa atraente profesión do pai, un debuxante que quizais non o saiba todo, pero que ten nos seus lapis o poder da imaxinación e sabe converter, por exemplo, perigosas quenllas en inofensivos peixes azuis que acaben cos medos de Pablo, o irmán máis pequeno e argalleiro, ademais de colaborar cos seus debuxos na construción do relato de J. E logo está mamá, unha muller moi valente que sempre adiviña os pensamentos e que renunciou aos seus soños cando naceu Nuria, esa nena que non é como as demais, que vai a un colexio onde lle aprenden cousas ben diferentes, que ten a cara semellante á dos chineses e un xersei rarísimo de moitas cores que a faría inconfundible se se perdese. Nuria sempre provoca sorrisos, tristes ou alegres, na súa familia e fai que todo sexa distinto ao seu redor. E a maior de todos, Marta, que fai case todo o que fai mamá e le marabillosamente ben en voz alta, agasallando aos seus irmáns coas voces e as palabras de todos os personaxes dos libros.
Farias decántase unha vez máis pola presentación dun mundo cotián, que, ao mesmo tempo, se disfraza co verniz do puramente anecdótico e non renuncia, por coherencia interna, á fantasía e á interpretación infantil dos feitos. O cotián convértese deste xeito nun espazo dotado de significación e emoción. Danse entrada asemade a outros temas como o amor, as dificultades materiais, os soños rotos ou as múltiples ilusións de futuro, todos eles focalizados dende o prisma da tenrura e o recurso á elipse, sen caer en fáciles dramatismos, suxerindo sempre máis do que se di a través de frases sincopadas que ben poderían ser os versos dun longo poema. Como non reparar ademais na presenza do mar, elemento fundamental na vida e na literatura deste ferrolán que foi mariñeiro; ou nos acenos que forman parte do habitual xogo autobiográfico do autor, espallados aquí e acolá.
En resumo, estamos ante un texto de calidade, como todos os que saen da pluma deste galego que, malia vivir dende hai anos lonxe da súa terra, nunca renunciou á súa ligazón con Galicia. Apuntaba o tradutor, Xavier Senín, na presentación do libro, que traducir a Farias resulta doado, pois a súa escrita acolle con agarimo e naturalidade a cadencia particular da lingua galega e moitas das súas expresións e vocábulos. Unha mostra máis da súa prosa evocadora, suxerinte, concisa e cargada de lirismo, poboada de personaxes próximos que, páxina a páxina, conseguen facerse verdadeiros e emocionar o lector.