Na catedral de Santiago unha raíña dorme o seu sono de pedra. Unha noite no ano, Berenguela acorda e percorre a cidade. “A noite da raíña Berenguela” é a primeira peza de teatro escrita por Neira Cruz e fíxose co Premio Lazarillo de Creación Infantil e Xuvenil outorgado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil – OEPLI- entre as cento vinteoito obras presentadas en catro linguas cooficiais españolas. Xosé A. Neira Cruz soubo argallar un texto literario utilizando a figura histórica da raíña e adobiándoa de fantasía e imaxinación.
3 / 10 / 2005
Isabel Soto. SantiagoA memoria da raíña Berenguela permaneceu no noso imaxinario popular perpetuada no folclore infantil, malia que a súa historia pertenza a tempos ben distantes. Algo especial tivo que ver nela o pobo para conservar intacta a súa memoria, sobre todo en Compostela, onde ano tras ano se lembra a fermosa lenda arredor da súa festa maior do 24 de xullo, esa noite que enche de maxia a cidade e na que Berenguela pasea feliz, xenerosa e libre por todos os seus recantos, contaxiando a súa beleza a quen se lle cruce no camiño.
Xosé A. Neira Cruz soubo argallar un texto literario utilizando a figura histórica da raíña e adobiándoa de fantasía e imaxinación. O resultado plasmouse nesta súa primeira peza teatral coa que mereceu o prestixioso Premio Lazarillo 2004, o máis antigo dos existentes a nivel estatal. A esta condición de obra premiada, competindo con obras de todos os xéneros en todas as linguas do Estado, únese o feito de se presentar nunha nova colección, “Camaleón”, que irrompe no mercado da LIX galega da man de Planeta & Oxford.
Seguindo unha liña que procura argumentos na historia e elixe a voz e o protagonismo feminino –lémbrese O armiño dorme (2003)–, recupérase nesta ocasión a figura desa raíña incomprendida e con sona de tola. Recorrendo a dous planos temporais permanentemente entrelazados, técese unha trama que recupera a “verdadera” historia de Berenguela, esa que non aparece (coma tantas outras) nos libros.
Tras a necesaria contextualización histórica dos personaxes, o texto preséntase dividido nun “Acto prólogo”, localizado no presente e protagonizado polo Vello das pombas, Comba e varios nenos e nenas que cantan a canción da raíña que a perpetuará por sempre, que dá pé aos tres actos que seguen, unha historia entre a fantasía e o soño que recupera diferentes aspectos relacionados con Berenguela, evocados por ese vello pobre, tolo e feliz, cuxa memoria é o fío condutor da historia. A destinataria é Comba, unha nena de nove anos tímida e solitaria que atopará un importante referente para superar esa sensación de illamento que lle fan sentir os seus compañeiros e compañeiras de xogos. O breve entreacto volve a atención de novo cara ao presente, co obxectivo de lembrar que a historia é inxusta e ignora o que a memoria poderosa das xentes non esquece. O libertador desenlace da raíña no terceiro acto insiste na tenrura máis que na traxedia, procurando unha solución que lle devolva a Berenguela a liberdade e a felicidade que se lle negou en vida a través do seu voo no medio da noite.
Pero son moitos máis os ingredientes desta peza: o anacronismo e o humor de Dorotea; a ironía no tratamento de figuras tan sobranceiras como Xelmírez, un manipulador da historia que só teme a desarcebispocompostelanización; a presenza de Frei OdranoeL, o insólito inventor de enxeños entregado á raíña; o tratamento do rei comechón, incapaz de entender os desacougos da súa esposa; ou a interesante relación entre o Xograr Reinaldos e o seu cabalo Sinforoso, plagada de humor, de resonancias quixotescas e de elementos pertencentes á tradición deses vellos xograres namorados que percorrían camiños e enchían cos seus versos os corazóns das damas principais.
As ilustracións de Kiko da Silva poñen o acento tanto na dimensión imaxinativa coma no humor, enchendo as imaxes de abondosos detalles nos que paga a pena deterse. A representación da malvada raíña Urraca constitúe un logrado aceno ao lectorado devoto das vellas páxinas dos tebeos.
En definitiva, un texto de calidade, suxestivo, interesante e plagado de elementos como a fantasía, o humor, a lenda e o enigma, que pasa a engrosar a nómina de candidatos para a súa posíbel representación.