Da frustración científica ás montañas valdeorresas: pasaxes dunha vida marcada pola Guerra Civil. Ciencia. Premio Pedro Tertuliano Hervella 2003 trátase dun dun estudo que consegue xuntar a historia particular coa xeral ao propor temas que tiveron unha enorme importancia para o país e que se nos exemplifican co local e incluso co persoal.
16 / 8 / 2005
Gustavo Hervella. SantiagoO xénero biográfico está a alcanzar un desenvolvemento considerable, xa que a vida e milagres de moitas persoas, a parte de significar un recoñecemento persoal, explican etapas, ás veces difíciles, da nosa historia. A que aquí presentamos, a do médico valdeorrés Gonzalo Gurriarán, é bo exemplo. Trátase da experiencia vital dun naturista, republicano e liberal que lle tocou vivir unha das etapas máis frutíferas desde o punto de vista intelectual da historia española, a II República, para logo fundirse na noite dos tempos que significou a ditadura franquista. Que estea escrita por un familiar achegado, Ricardo Gurriarán, non a fai menos científica, xa que o autor se mantén ao marxe en cada acontecemento que narra, ó tempo que nos ofrece todo tipo de explicacións teóricas e documentais que confirman o exposto: “As frecuentes visitas á súa vila fixeron que enseguida se conformasen en torno a el un halo de extravagancia, pois facía ostentación dos seus coñecementos e habilidades para imprimir certo aire de cosmopolitismo ás súas andanzas”.
Para a configuración deste traballo realizou a consulta de diferentes arquivos históricos, públicos e privados, amén da realización de entrevistas a persoas que conviviran co biografíado, coa dificultade que isto entraña, non só polo avanzado da idade de moitas delas, senón porque as lembranzas, en moitos casos, poden ser moi duras. O estudo foi merecente do premio Tertuliano Hervella do Instituto de Estudios Valdeorreses, o que aínda lle outorga outro mérito máis, xa que este tipo de galardóns confirman que a historia local axuda enormemente a explicar o devir dun país. E, no caso particular desta obra, ten un significado especial por que o personaxe que dá o nome ó galardón foi amigo persoal de Gonzalo Gurriarán. A mellor homenaxe que os valdeorreses lle puideron facer, aparte de nomealo Valdeorrés Ilustre, foi a de unir o seu nome ó do seu admirado Pedro Tertuliano Hervella.
Na introdución xustifícasenos o estudo, facendo fincapé en que se trata da biografía dun represaliado pero que en realidade é extrapolable a outros moitos que sufriron esta mesma situación. Logo comeza o desenvolvemento biográfico, tanto persoal como profesional de Gonzalo Gurriarán; unha completa relación de parentescos e xenealoxía que, se ben complementa ó estudo, ás veces resulta densa na súa lectura. Xa no primeiro capítulo o autor remóntase ó século XVIII para establecer a chegada da familia a Valdeorras; o mesmo que cando o avó do biografíado se instala no Barco en 1863 e comeza co negocio do viño trala crise da filoxera (p. 24) ou, cando xa máis adiante fai referencia á Junta de Ampliación de Estudios, onde se estende explicando o funcionamento da institución e o que significou para a cultura de España, saíndose do tema central do libro; de xeito similar ocorre coa referencia ós intelectuais represaliados trala guerra civil (p. 168-178). Esta inusitada contextualización repercute na axilidade do libro que, sen embargo, noutros aspectos é evidente.
No segundo capítulo é cando Gonzalo comeza a ser protagonista do relato, os primeiros anos e as relacións con Delgado Gurriarán, o poeta exiliado en México, do que era curmán, ou os estudos en Barcelona e Valladolid. Anos despois os compañeiros da Residencia de Estudiantes, Negrín, Giral, Lorca ou Dalí e as andanzas por Estrasburgo, Madrid ou Londres. Unha das achegas máis destacadas do libro é poder establecer, a través deste conglomerado de relacións persoais, como era o círculo de influencias dun médico de provincias en Madrid. Para o caso que nos ocupa, o dos Gurriarán, podemos deducir que coa presenza do fillo nesta cidade a rede clientelar da familia no Barco amplíase, xa que ó ser médico, son moitos os “favores” que pode ofrecer ós seus paisanos. Este tema está moi ben formulado na obra: “Gonzalo visitaría ós enfermos valdeorreses que viñan recomendados vía familiar, dadas as influencias que o novo médico tiña na capital española” (p. 82).
Xuntar o particular co xeral
Todo isto desaparece coa Guerra Civil e a posterior instauración da ditadura. Gonzalo, aínda que apolítico, sofre as consecuencias da represión coa separación da súa profesión e a vixilancia á que é sometido por parte das novas autoridades locais (p. 184). Refúxiase na práctica do montañismo e do esquí, como outros moitos coetáneos. Aquí, de novo, podemos sacar conclusións extrapolables a outros estudos da época. A represión que os vencedores da guerra civil exerceron sobre os vencidos fixo que foran moitos os que se tiveron que refuxiar en prácticas aparentemente anódinas para poder respirar certo aire de liberdade. Isto mesmo, e salvando as distancias ideolóxicas e temporais, é o que acontecera a principios de século cos nacionalistas vascos ou, xa fóra de España, cos bretóns, que comezaron a súa particular loita emancipadora coa fundación de clubs de montaña e o redescubremento da natureza “nacional”.
Trátase, xa que logo, dun estudo que consegue aunar a historia particular coa xeral ó propor temas que tiveron unha enorme importancia para o país e que se nos exemplifican co local e incluso co persoal. A utilización por parte do autor do arquivo documental do biografiado tamén constitúe unha novidade neste tipo de traballos, xa que son poucas as veces que esta sorte acompaña ás investigacións históricas. Sen embargo, notamos en falla certa actualización da bibliografía, tanto en relación a estudos locais, do propio IEV, como xerais, sen ir máis lonxe as achegas que moitos especialistas, entre eles do propio Ricardo Gurriarán, fixeron no congreso do exilio galego realizado polo Consello da Cultura Galega en 2001, son ausencias cando menos estrañas, ainda que comprensibles se temos en conta a data en que foi premiado o libro -2002- e cando sae publicado -2005-.