Ramón Loureiro, xornalista da Delegación de Ferrol de La Voz de Galicia, vén de publicar “As galeras de Normandía” (Xerais, 2005), a súa terceira e última novela; unha obra complexa e densa, chea de crípticas referencias míticas e literarias.
18 / 7 / 2005
María Liñeira. Oxford
Tralas novelas “Morgado” (1997) e “O corazón portugués” (2000) Loureiro segue transitando polos vieiros do máxico e o alegórico. A ficional Terra de Escandoi é o espazo onde se concentran as historias cruzadas do grande número de voces que enchen as páxinas do libro. Porque para o autor o xénero novelesco “ten que ser un mundo aberto; non me interesa a que se pecha sobre si mesma. A novela debe ser polifónica e fragmentada, non funcionar linealmente”. Hai que recoñecerlle ao autor, entón, unha total coherencia entre a súa postura teórica e os resultados literarios. As galeras de Normandía é unha obra difícil, en que o fragmentarismo, unha das súas principais características, complica en exceso a lectura. Outra das preferencias do autor, “os libros nos que se coan voces que non se sabe de quen son”, provoca que as personaxes e “os tempos [que], coma os camiños, son intercambiables” se confundan e superpoñan ata o punto de non sabermos cales son as historias que Loureiro nos quere contar. Se a declaración de intencións concorda co produto final, se partimos destas concepcións metaliterarias debería recoñecer que estas galeras están construídas seguindo fielmente un modelo, o do seu autor, que é, dende logo, o que manda na súa obra literaria. O que acontece é que no asombroso mecanismo da lectura interveñen outros elementos, entre eles, e ocupando un lugar salientábel, atopamos o lector. Dende esa posición, e deixando de lado as posíbeis deformacións profesionais que unha teña, As galeras de Normandía desconcertoume. A novela resultoume excesiva. A lingua empregada é fermosa, poética e evocadora pero non fun quen de ver o que tería que ir por debaixo. A trama ou as historias tamén me resultaron herméticas.
Influencias
Cando se trata de falar de influencias literarias Ramón Loureiro cita tres das obras narrativas máis salientábeis do canon do sistema literario galego: Cousas, Vento ferido e Merlín e familia. Confésome incapaz de rastrexar as pegadas das dúas primeiras obras n’As galeras de Normandía. Non atopo por ningures a claridade expositiva, a austeridade, esa prosa de palabras xustas de Castelao e Casares. Fariña doutro costal é o caso de Álvaro Cunqueiro. Unha novela ambientada nunha Terra de Escandoi que facilmente se relaciona coa Terra de Miranda e unhas páxinas cheas de personaxes e de historias organizadas en caixas chinesas trae rapidamente á memoria ao autor do San Gonzalo e semella que xa está; pero saber os ingredientes da receita non nos garante un bo prato. Non vexo nesta novela máis do que un uso superficial da literatura cunqueiriana. O que creo recoñecer, porén, é a pegada desa literatura alegórica e hermética da que é un fabuloso exemplo “O círculo inscrito na circunferencia” de Víctor Freixanes. Só que neste caso eu fiquei totalmente perdida na singradura por atopar o referente real destas galeras normandas.