Segundo volume poético de Xavier Queipo, este libro recolle algúns materiais frecuentes na obra do escritor, como son a representación de universos exóticos, os escenarios mariños ou a presenza do mundo da ciencia. É este un libro heteroxéneo e claramente experimentador, un poemario cosmopolita e complexo no que nalgún momento semellan loitar, nun difícil equilibrio, a voz do poeta e a voz do científico, pero que en todo caso ven a renovar os códigos do discurso poético.
27 / 6 / 2005
María Xesús Nogueira.LugoGlosarios é o segundo volume poético de Xavier Queipo, un autor que iniciou a súa viaxe polos camiños da narrativa nos comezos da década dos noventa. Malia a vontade innovadora do libro, quen se achegue a el poderá descubrir inmediatamente algúns materiais frecuentes na obra do escritor, como son a representación de universos exóticos, os escenarios mariños ou a presenza do mundo da ciencia.
Talvez o título, que se corresponde co da primeira das tres seccións nas que se estrutura o volume, resulte restritivo de máis á hora de dar fe do exercicio de experimentación e ensaio xenérico levado a cabo na obra. Hai porén dúas actitudes poéticas que responden perfectamente a este rótulo. Unha delas é a tendencia á forma breve, nominal, na definición de termos pertencentes maioritariamente ao campo da ciencia:
CATABÓLICO. Destructor apaixonado: rachando a codia de estructuras ríxidas; facendo do sólido magma e fluido.
É precisamente esta fórmula, ensaiada xa na primeira entrega poética, Nos dominios de Leviatán, a que dá pé á transgresión do discurso da ciencia cara ao poético mediante asociacións e imaxes:
SEMIÓTICA DO AMOR. Tracexar signos. Alquimia de suores. Mutación violenta en entropía nova. Catástrofe de ás en volvoreta.
A outra actitude, claramente vinculada con esta, consiste na incorporación de tecnicismos, provenientes os máis deles do léxico da bioloxía e da física, que configuran un discurso onde a voz do científico e a voz do poeta semellan botar un pulso. Semellantes escollas (“ecdise”, “icneumónidos”, “axón”, “sinapses”, “fractal”) volven nalgunha ocasión hermético o texto:
DIAPAUSA. Tropor secuencial. Mensaxe antiga nas gabetas das bases nitroxenadas. Soño programado e circadiano.
A sensación de hermetismo pode verse tamén incrementada pola práctica do plurilingüismo, consistente no emprego do inglés (e, en menor medida, do español e o francés) ao longo de todo o poemario.
Apertura do discurso
Como se pode intuír, estamos diante de decisións valentes e experimentadoras encamiñadas á apertura temática (e léxica) do discurso poético galego, así como á disolución das fronteiras xenéricas. O resultado é por veces un produto de considerábel orixinalidade e de pouco doada clasificación.
Na primeira das seccións, “Glosarios”, é onde as características enumeradas resultan máis evidentes. A tendencia á definición e o estilo nominal percíbense en todo o poemario, tal como espellan algúns dos seus títulos: “Enumeración nunha praia do Norte”, “Inventario nunha praia do Sur (Kriti)”, “Inventario nunha praia atlántica aberta”, etc. A observación meticulosa do biólogo-poeta apréciase igualmente nunha concepción cíclica da vida reflectida no discurso poético, na precisión (“Redes (polietileno, monofilamento, enmalle)”) e nunha actitude ecolóxica que denuncia a intervención negativa do ser humano na paisaxe natural (“bidóns”, “latas de refrescos”, “mondas de laranxa”). Os escenarios desta primeira parte son fundamentalmente mariños (North Sea, Kriti, o Mediterráneo, Islandia, Peniche, Catoira) e están ornamentados con escolleitas referencias culturalistas: Bóreas, Eneas, a Praga de Exipto, Heráclito, Jasón, sereas. O discurso, sempre en ton enumerativo, amosa nalgunha ocasión un acedo sentido do humor (“luvas de infante con posibles” ou “tetrabricks de leite desnatado” no inventario dunha praia do Norte) así como unha intencionalidade social:
Eclipses. Que veñan xa, que cheguen, que traian para sempre a tolerancia.
Outras veces estamos diante de nostálxicas lembranzas do pasado, como ocorre na alusión aos “nenos […] que non saben xogar a xogos antigos”. Esta tendencia vese reflectida tamén nos poemas “Moitas gracias” e “Nenos”, nos que o autor renuncia á linguaxe técnica e ao nominalismo para construír un texto sobre os sentimentos, o paso do tempo e a amizade:
O tempo era elástico a carón da figueira
cando xogabamos a ser indios das américas,
perdedores os dous nun mundo de salvaxes.
A acumulación nominal e descritiva dos “Glosarios” contrasta coa segunda das seccións, titulada “Falsos Haikus de Chicago”. Tanto a dedicatoria (“aos esquíos de Lincoln Park / que souberon respectar a miña soidade”) como nota introdutoria dan noticia da xénese das composicións ao tempo que xustifican o seu carácter heterodoxo (“anti-haikús” ou “falsos haikús”, porque “nelas hai lugar para a carraxe, para a tenrura e para o medo”). O autor explica tamén a duplicidade lingüística, ao presentar textos nas súas versións inglesa e galega. Estamos, polo tanto, diante dun curioso caso de alofonía motivado, segundo o autor, polas circunstancias nas que o poemario foi escrito. O amor e a descrición da paisaxe do contorno do lago de Chicago están presentes nunha boa parte dos corenta e sete falsos haikus, que amosan en ocasións unha simplicidade extrema:
Escribindo haikus
Agarimando ó meu doce amor
Son tan feliz.
A terceira parte, “Londres e abril”, é un diario da viaxe a esta cidade estruturado en sete textos que, nalgún caso, constitúen verdadeiras écfrases ou descricións do mundo da arte co que o poemario dialoga: “National Gallery. Bodegóns”, “National Gallery. Colección Permanente”, “National Portrait Gallery. Nunha exposición de Richard Avedon”. Outras veces os apuntamentos versan sobre botánica (“Kew Gardens”) ou sobre política (“Whitechapel. Cuba va”). En relación con isto, cómpre notar nesta sección un exercicio consistente na incorporación de discursos secundarios, como o da disidencia ideolóxica (expresado en español de América) ou o dos apuntamentos privados sobre a planificación do tempo:
Plans: a) Comer, b) Visitar o xardín dos bambús, c) Visitar o invernadoiro da palmeira.
Esta práctica está tamén presente no derradeiro dos poemas, “Eurostar. Viaxe de volta. Túnel do canal da Manga”, que incorpora unha lectura de guións de Tarantino.
Exercicio de decisións
Glosarios é, en definitiva, un libro abondo heteroxéneo e claramente experimentador. Este talante, unido á incorporación dun léxico técnico e da lingua inglesa, chega a volver herméticas algunhas composicións, compactas tamén no que se refire á súa estrutura, as máis das veces cíclica.
A mestura de tipos de texto nas tres seccións (glosario de termos, haikús e diario) dá como resultado un poemario cosmopolita e complexo no que nalgún momento semellan loitar, nun difícil equilibrio, a voz do poeta e a voz do científico. A escuridade derivada desta concepción do verso vese compensada polo exercicio de renovación dos códigos poéticos do noso campo. Todo labor de experimentación conleva risco e todo exercicio poético obriga a decidir. Como ao viaxeiro do derradeiro poema:
Agora no túnel escolmo varios diálogos de Tarantino. Poderían ser outros, pero as escolmas son así como a vida, esa permanente e arriscada escolma de momentos e posibilidades, de negación doutras realidades alternativas, ese prexuízo constante.