Florencio Delgado Gurriarán caracterízase por ser un poeta do exilio, desenvolvéndose a maior parte da súa producción en México. Alí realizou un importantísimo labor a prol da cultura galega fundando e dirixindo publicacións coma "Saudade" ou "Vieiros" e participando en diferentes asociacións. Tamén alí escribiu o seu máis coñecido poemario, "Galicia infinda".
18 / 6 / 2002
Santiago. Redacción
Florencio Delgado naceu en Córgomo (Valdeorras) en 1903, e logo de estudiar o bacharelato en Palencia e a carreira de Dereito e Valladolid, volta a Córgomo en 1928. É nesta época cando comeza a participar activamente na vida social da vila participando na formación do movemento galeguista local. coa chegada da república intégrase no Partido Nazonalista Republicán de Risco e Pedraio, e en 1934 publica "Bebedeira", unha escolma de poemas.
Obrigado a exiliarse en 1936, chega a México tres anos despois logo dunha estancia en Francia. Alí participa en organizacións do exilio coma a "Alianza Nacional Galega", "O fogar galego" ou "O Ateneo de Galicia en México". Nesta época dirixe a revista "Saudade", e en 1944 participou na redacción do pacto Galeuzca cos movementos nacionalistas de Euskadi e Cataluña.
En 1953 sae o último número de "Saudade" e constitúese o Padroado da Cultura Galega en México, desde o que se impulsa unha nova revista, "Vieiros" que sairá en 1959. Na súa dirección tamén participa Florencio onda Carlos Velos e Luís Soto. En 1965 publicou unha das súas obras máis coñecidas, "Galicia infinda".
En 1968 volta a Galicia por primeira vez, para marchar de novo. Retornaría posteriormente en 1976 e en 1981, cando tomou posesión como membro da Real Academia Galega e do Instituto de Estudios Valdeorreses.
Neste mesmo ano saíu á luz o seu libro "Cantarenas". No 86 publícase a súa última obra "O soño dun guieiro", sen que o autor puidese vir á presentación por mor dun delicado estado de saúde que remataría na súa morte en 1987.
A súa poesía amosa unha forte influencia de poetas coma Amado Carballo, centrando a súa temática na paisaxe e na vida rural. A condición de exiliado de Florencio dálle un especial interese á súa poesía, xa que nela mestúranse paisaxes e situacións de México e de Galicia, especialmente en "Galicia infinda". Destaca o seu grande dominio do léxico do noso idioma e a riqueza das imaxes coas que acada animar a paisaxe.
Así, atopamos neste poemario onda as recreacións dos labores e festas da aldea galega ("A malla", "Pandeirada"), a evocación da danza americana ("Rumba"), mesturando en ocasións os dous mundos nun só poema ("Nomes").
Nos últimos anos a publicación dunha biografía e varios homenaxes están a recuperar a memoria deste persoeiro da nosa cultura. Desde o Instituto de Estudios Valdeorreses ou o Instituto de Estudios Galegos Frei Martín Sarmiento reclaman que se lle dedique o Día das Letras a quen foi un dos puntais da nosa cultura no exilio.