Unha obra que inventa o que non coincide, que concibe o poema como unha máquina lingüística de liberdade. Un libro de gran fluidez verbal, no que a multiplicación de voces pode chegar a desconcertar o lector que se resista a deixarse levar polas torrentes do texto. “Charenton” desconcerta, envolve e lanza aos ollos de quen le afirmacións dunha contundencia (poética, política e verbal) extrema: augas que arrastran o lector.
7 / 3 / 2005
María Xesús Nogueira. Lugo
Vai xa para cinco anos que Chus Pato publicou o seu libro máis complexo e tamén máis polémico: “m-Talá”. Tratábase dun poemario singular e desbordante, concibido desde a fragmentación textual. O título anticipaba xa o afastamento de calquera propósito de comunicación. Malia o aparente hermetismo da obra e as esixencias que a súa lectura suscitaba, a atención que recibiu foi notábel e varias voces críticas coincidiron en consideralo o cumio poético de Chus Pato, así como un texto fundamental na poesía contemporánea. A publicación significaba a consolidación da traxectoria dunha escritora que iniciara a súa actividade na década dos oitenta, diferenciándose porén da estética dominante naquel momento, e que publicou o seu primeiro libro, “Uránia” (por certo, nunha edición da autora), nos primeiros noventa.
A densidade de “m-Talá” abría o interrogante de qué podería quedar por escribir despois de semellante infinito de linguaxe (estou a roubar palabras da escritora) e dunha obra tan radical e rotunda. As aparicións públicas da autora, vinculadas moitas delas ao colectivo Redes Escarlata (www.redesescarlata.org) sementaban no lector asiduo indicios que este novo libro vén confirmar.
Caudal poético“Charenton” continúa fórmulas empregadas no poemario anterior. É tamén un libro de gran fluidez verbal, no que a multiplicación de voces pode chegar a desconcertar o lector que se resista a deixarse levar polas torrentes do texto: “o eu non coincide. O poema non é un xogo privilexiado da linguaxe / non sei se son ou non compatíbel co bosque”.
A combinación de diferentes rexistros e tipoloxías textuais, actitude tan característica da autora, acada un radicalismo que confire ao libro unha aparencia orixinal: textos en prosa e verso de diferente extensión, argumentacións, táboas e mesmo panfletos son algúns dos moldes empregados. A presenza de recursos gráficos varios (distintos corpos de letra, guións, sombreados, espazos, arrobas, etc.) é tamén importante.
O caudal poético de Chus Pato dificulta por veces a identificacións dos moitos materiais que este arrastra, malia seren en ocasións verdadeiros abrasivos. Un deles é o propio discurso literario. A constante reflexión sobre a inexactitude da linguaxe (“o nome, fráxil fluído da civilización”, “lingua non figurativa trascendental”) revela unha concepción da escritura poética como un espazo de liberdade no que outra orde é posíbel:
-está vostede a dicir que a soberanía reside na literatura?
-a lírica non pensa o mundo, pero inventa nomes
que declaran o mundo.
A reflexión de quen afirmara, nun poemario anterior, que “a miña lingua nativa é o fascismo, a imposibilidade do fascismo para dicir os nomes do real”, está vinculada a un constante exercicio metaliterario no que se mestura a teoría, a memoria, o humor e a ironía que subxace a alusións concretas ao contorno literario:
un poema, replicante de éxito é aquel que logra permanecer
baixo copias doutros textos poéticos, durante moito tempo
metido en xeracións literarias e logra propagar moitas
copias de si mesmo
Referencias e aluviónsA isto cómpre engadir unha constante alusión a escritores próximos, estética ou ideoloxicamente: Manuel Outeiriño, Antón Reixa, Antón Lopo, Xohana Torres, X. Carlos Rodríguez, así como algunhas voces emblemáticas do canon literario galego, como Cunqueiro, Rosalía, Otero Pedrayo e Pimentel. Igualmente relevante resulta a dedicatoria do libro “a Heriberto Bens”, pseudónimo, como é sabido, de Xosé Luis Méndez Ferrín.
A nómina compleméntase con innumerábeis referencias onomásticas á literatura universal. O propio título alude ao psiquiátrico francés no que acabou os seus días Sade e que reúne, no libro, personaxes heteroxéneos.
Mais os aluvións poéticos de Chus Pato non son de natureza exclusivamente literaria. Ao contrario, trátase de materiais varios procedentes de campos moi diversos da cultura, o pensamento e as artes e que encerran unha importante carga ideolóxica de signo nacionalista e feminista, como vén acontecendo nos poemarios anteriores. A destrución do tópico, a reescritura de textos e a incesante intertextualidade caracterizan igualmente un libro que segue a ensaiar novas formas de poesía civil, tan afastadas dos patróns do socialrealismo.
Enganoso resultaría pensar que estamos diante dun libro de lectura doada. “Charenton” desconcerta, envolve e lanza aos ollos de quen le afirmacións dunha contundencia (poética, política e verbal) extrema: augas que arrastran o lector, unha vez que este é quen de aceptar que é outra, e non a convencional, a linguaxe da autora.