Amor, viaxes e literatura debuxan o itinerario de "Unha viaxe no Ford T", a novela coa que Xerardo AgraFoxo obtivo o Premio García Barros 2004. Unha estraña trama, sobre o fío condutor da historia dunha fascinante muller, a viaxe de Hemingway por Galicia , unha intriga familiar, e unha, ou varias, historias de amor.
17 / 1 / 2005
María Liñeira. OxfordO historiador Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952) vén de gañar o Premio García Barros 2004 coa novela, “Unha viaxe no Ford T”; unha obra que pretende achegarnos, a través dunha trama de misterio, ás viaxes de Ernest Hemingway por Galiza.
O fío condutor desta viaxe metafórica é a historia familiar de Clara Nogueira, unha fermosa e enigmática muller coa que o narrador protagonista, un fotógrafo profesional, mantivo no pasado unha relación sentimental. Cando a acción comeza xa non son parella, pero a pegada do pasado é aínda tan fonda que Clara consegue manipular o protagonista para que este lle axude a solucionar o misterio familiar. Unha estraña trama, adobiada cun cadáver, que os levará mesmo á conta dun banco suízo. Esta é a historia marco que serve para contar a fermosa historia de amor, de mal final, entre Ernest Hemingway e unha rapaciña galega durante os anos 30.
Pero eu non diría que a gañadora do García Barros é unha novela de misterio. “Unha viaxe no Ford T” é a historia dun home de mediana idade solitario, dependente emocionalmente, namoradizo. As páxinas desta novela están ateigadas de mulleres e das súas correspondentes historias de amor cos protagonistas, o fotógrafo e Ernest Hemingway. As xemelgas Clara e Grazia, as cubanas Mariela e Dayamí e a avoa Pilar Nogueira e Aggie von Kurowsky, principalmente. Todas elas fermosas e fascinantes, inalcanzábeis donna angelicata.
Fíos soltos
A historia que se nos quere contar é ambiciosa, pretende tocar moitos e moi diferentes puntos. Un plano histórico que recrea parte da vida do escritor americano, das súas viaxes por Galiza, da súa fascinación polas culturas ibéricas, da súa dependencia amorosa. Esta parte da novela é comparativamente menor que a historia marco e bótase de menos unha maior profundidade. A lapela do libro paréceme en boa maneira publicidade enganosa. A información que se nos dá sobre as viaxes de Hemingway a Galiza é a mínima e o maior peso da novela lévao a outra trama. Nesta outra historia fican moitos fíos soltos. Non creo que se consiga crear unha situación de suspense e as relacións amorosas do protagonista, repetitivas ata a saciedade, resúltanme moi pouco críbeis. Non consigo entender as motivacións dunhas personaxes moi pouco profundas.
Pregúntome unha vez máis cal é a utilidade do elevadísimo número de premios dentro do noso sistema literario. Para que serven? Canonizan algo? Descobren novos valores? Axudan a vender máis? Dubídoo moito. Un certame literario ten que ter unha prolongada traxectoria, cuns criterios definidos, para que os lectores saiban a que aterse, para que saiban se as obras premiadas por determinados xurados lles van gustar. Eu non consigo saber cal é o criterio dos premios literarios galegos. Ultimamente prémianse, nos certames máis importantes do sistema, moitas obras de autores noveis ou case noveis. Tantas novas promesas temos neste país de tres millóns de habitantes deficitariamente alfabetizados na súa propia lingua? Dubídoo moitísimo.
Frústrame como lectora non poder fiarme, en absoluto, da concesión dun premio da envergadura do García Barros. Non podo deixar de pensar, tras dúas lecturas, que “Unha viaxe no Ford T” precisaría dun par de revisións.