Para pais que quere levar á casa non só un libro para que os fillos lean, senón para ler con eles. Para aulas nas que a lectura é unha actividade tutelada. Unha actividade na que as dificultades están aí para axudar a progresar ao lector. Para que a lectura sexa unha creación de experiencias de coñecemento. Un texto delicioso –segundo Isabel Soto- cun perfecto equilibrio entre imaxes e palabras.
29 / 11 / 2004
Isabel Soto. SantiagoO tándem Xabier P. Docampo (Rábade, 1946) / Xosé Cobas (Logrosa, Negreira, 1953) conta xa cunha boa cantidade de títulos de literatura infantil e xuvenil realizados en colaboración –“O home que inventou unha maneira de andar” (1998), “Nube de neve” (2000) ou “A casa da luz” (2002) son bos exemplos-, que dan conta dun entendemento mutuo á hora de contar / ilustrar, dunha sensibilidade compartida. Diante dun libro como “Bolboretas” non cabe máis que felicitar os creadores polos resultados, uns parabéns que cómpre facer extensivos á editorial responsable por saber recoñecer a calidade deste produto e agarimalo co coidado que se merece no proceso de edición.
br>
Aínda que se presenta en formato álbum, poderiamos dicir que o volume supera as convencións practicadas acotío no xénero para pasar a formar parte dos denominados libros-obxecto –non demasiado frecuentes entre nós. Resulta complicado comentar esta historia sen desvelar a maxia que contén e privar así ao lectorado do pracer de descubrir un texto delicioso. Tan só indicar que se trata dunha anécdota na que salienta a súa sinxeleza minimalista, onde se plasma, con palabras cargadas de lirismo e nun tempo presidido pola pureza e a inocencia, ese intre máxico que se gravará na memoria por sempre: a descuberta de sensacións e sentimentos. O espertar do amor primeiro, a emoción do primeiro bico que, neste caso, recorre ao suxerinte xogo de ter unha bolboreta na boca, en principio pracer solitario e axiña compartido coa persoa elixida polo protagonista, encargado de relatar en primeira persoa a súa experiencia. Atrapar a a beleza dunha bolboreta, pechar os ollos e lembrar as súas cores, sentir bater as súas ás, todo un mundo de sensacións até chegar a un pracer azul que nunca se poderá esquecer porque formar parte da realización dun soño.
Perfecto equilibrio
Imaxes e palabras suxiren máis do que din, fúndense nun perfecto equilibrio. As ilustracións son algo máis que a iluminación ou a recreación do texto, configuran unha narración plástica propia e inciden no lirismo recorrendo á abstracción e aos trazos esvaídos presididos pola cor.
Non podería ser mellor o resultado acadado para a historia que algúns e algunhas seguramente recordarán ter escoitado na voz de Xabier Docampo, tamén gran contador, coa riqueza de matices que achega a narración oral e o contacto directo co público. Agora aquela sinxela e fermosa historia forma xa parte dese acervo de libros de calidade, delicadamente adobiada con imaxes sutís que lle proporcionan novos sentidos. En definitiva, unha delicia absolutamente recomendable.