Poucas obras dentro da literatura europea teñen atacado e ridiculizado de xeito tan incisivo ó comportamento da Igrexa. A prensa e os críticos de dereitas chegaron a dicir que o seu lugar era "as tabernas e os lupanares" ou mesmo que o destino axeitado para tal obra era "ser queimada por man do verdugo na praza pública".
0 / 0 / 0
Santiago.Redacción
Coñecedor da forza do recurso satírico, Curros Enríquez consegue con "O divino sainete" (1888) un maxistral retrato dunha institución contra a que, dende neno, sentira unha especial aversión. En Celanova, a mediados do século XIX, ningún labrego podía cortar unha árbore, traballar un campo ou mover unha pedra, sen permiso dos frades do convento de San Salvador. Nese ambiente naceu Manuel Curros Enríquez, fillo dun escribán déspota e fanático defensor do clero que o marcou seriamente. Ninguén houbo máis radical e crítico coa Igrexa Católica que Curros Enríquez.
Cando Curros é consciente da opulencia e do luxo no que vive a Igrexa en contraposición á dura vida da súa xente, resposta cunha obra de versos satíricos que son coma dardos apuntado contra o catolicismo oficial. En "O divino sainete" (1888) ridiculízase á maxestade coa que son tratados os mitos católicos en "A divina comedia" de Dante. O escritor manexa os resortes do humor degradante con todo o seu indubidable talento posto no texto.
Na sociedade do seu tempo a obra non foi, en xeral, ben recibida. A prensa e os críticos de dereitas chegaron a dicir dela que o seu sitio eran as tabernas e os lupanares e que debería ser queimada polo verdugo en praza pública. Valentín Lamas Carvajal acusou ó autor de "rosmar coma un can de palleiro". A crítica liberal, nembargantes, aplaudiu o libro do que Mariano de Cavia dixo que semellaba que nel tiveran colaborado o Arcipreste de Hita ou mesmo Voltaire.